A Rede Transfronteiriza de Biomasa celebrou este mércores en Vigo o seu primeiro encontro. Esta rede xurdiu como un dos resultados do proxecto Biomasa-AP, que agora ten continuidade a través do proxecto Biomasa-CAP. A finalidades é capitalizar as capacidades de I+D no uso enerxético da biomasa non valorizada de alto potencial en Galicia e o norte de Portugal.
A Universidade de Vigo é socia do proxecto que, ao abeiro da convocatoria POCTEP, lidera EnergyLab en colaboración con Feuga, o Inega, o Instituto Politécnico de Viana do Castelo e o Instituto de Ciência e Innovação em Engenharia Mecânica e Engenharia Industrial. O encontro deste mércores, organizado por Feuga no Pazo da Oliva, supuxo a primeira xuntanza desta rede, que conta xa con 130 usuarios de 90 entidades de Galicia e norte de Portugal, e serviu para presentar as actividades de Biomasa CAP e para ofrecer un espazo no que os membros da rede expoñan algunhas das iniciativas nas que están involucrados.
Ao longo da mañá presentáronse tamén outros proxectos e iniciativas relacionadas coa valorización enerxética, incluíndo unha charla introdutoria do presidente do Clúster de Biomasa de Galicia, Francisco Javier Álvarez Pereiro, sobre certificacións de calidade e sostibilidade. Ademais, o profesor da Escola de Enxeñaría Forestal do campus de Pontevedra e catedrático do Departamento de Enxeñaría dos recursos naturais e medio ambiente Luis Ortiz ofreceu un relatorio sobre a produción de biochar a partir de biomasa forestal residual.
O programa incluíu tamén un obradoiro da man de EnergyLab no que se debateron as barreiras e oportunidades do sector a través da xeración de novas ideas de proxecto e posibles solucións que fomenten a valorización da biomasa. Na xornada participaron tanto os socios da rede e do proxecto, como profesionais que traballan directa ou indirectamente na cadea de valor da biomasa, tanto agricultores como persoal investigador e técnico e consumidores finais.
O proxecto Biomasa-CAP é a continuación e capitalización dos resultados do proxecto anterior Biomasa-AP, ambos financiados polo programa Interreg POCTEP. O primeiro deles en poñerse en marcha tiña como obxectivo a mellora das capacidades dos centros de I+D tanto de Galicia como do norte de Portugal para optimizar a explotación e o uso da biomasa procedente de restos de podas forestais, vides, plantacións de kiwis ou toxos e xestas. Os centros da eurorrexión traballaron conxuntamente para aplicar métodos e tecnoloxías innovadoras que permitise acadar un uso enerxético optimizado desta tipoloxía de biomasa, que se caracteriza pola elevada dispoñibilidade nesta zona e, consecuentemente conta cun elevado potencial enerxético e económico dun recurso que na actualidade non se valoriza. De feito, como explicaron os técnicos de Feuga na xornada, os datos reflicten que a biomasa presenta unha alta dispoñibilidade e que non está sendo valorizada: "máis de 50.000 ha de viñedo na eurorrexión, máis de 12.000 toneladas de kiwi producidas en Galicia ou a ampliación de superficie de produción de kiwi en 300 ha en Portugal. A isto hai que sumar que estes residuos de biomasa resultantes das actividades agroforestais non só non se empregan, senón que os agricultores vense na obriga de queimalos para evitar a súa acumulación".
Os investigadores do proxecto Biomasa-AP concluíron que o emprego destas biomasas non valorizadas de alto potencial (BNVAP) implica numerosas vantaxes, como a redución da presión sobre o abastecemento de madeira de piñeiro, que é a principal materia prima para a fabricación de pellets, unha amortiguación das posibles subidas do prezo da biomasa e un impulso das economías locais. Ademais, a valorización destes residuos está en consonancia coa normativa de prevención de incendios, que obriga á retirada da biomasa ou á súa trituración in situ, así como coas recomendacións fitosanitarias nos cultivos agrarios, que piden a recollida dos restos de poda como medida de minimización de pragas e enfermidades. Neste sentido, as conclusións do proxecto tamén recollían a necesidade de poñer en marcha liñas de axuda que promovan a recollida, transporte e tratamento de biomasas alternativas, a produción de combustibles derivados e o uso de equipos compatibles con estes combustibles, sentando así as bases dun novo modelo produtivo, a bioeconomía. No marco do proxecto xurdiu tamén a Rede Transfronteiriza de Biomasa, que conecta expertos e axentes interesados na produción e uso de biomasa, para compartir información de utilidade e ofrecer solucións competitivas ás empresas da eurorrexión.
Unha vez rematado este proxecto, a finais de 2022 botou a andar Biomasa-CAP, co obxectivo de desenvolver actividades de capitalización dos resultados previos, é dicir, a ampliación e fortalecemento da Rede Transfronteiriza de Biomasa, a formación e concienciación sobre o uso da biomasa non valorizada de alto potencial como recurso enerxético, a divulgación a través de xornadas demostrativas en centros educativos, e a potenciación do proceso de co-creación de políticas públicas. Neste novo proxecto a Universidade de Vigo está representada polo Grupo de Tecnoloxía Enerxética, co profesor do Departamento de Enxeñaría Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos e Fluídos David Patiño á fronte
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL