Máis de 150 estudantes da UVigo recibiron este venres os galardóns que as e os acreditan como o alumnado máis excelente de grao, doutoramento e mestrado dos dous últimos cursos. A celebración do patrón da Universidade, San Tomé de Aquino, estivo protagonizada un ano máis por quen o reitor, Manuel Reigosa, definiu como “unha colleita de xente ben preparada”, dos que dixo “sodes o futuro”, nun acto celebrado este mediodía no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. Ante o alumnado premiado e as súas familias, o reitor gabou o seu esforzo e talento, nun discurso que centrou en destacar a evolución experimentada pola UVigo, que a sitúan entre as 600 mellores da mundo, así como os retos que enfronta e que aparecen recollidos no seu Plan Estratéxico, e entre os que destacou: ter unha universidade galega, igualitaria e internacional.
Reigosa foi o encargado, xunto ás autoridades que o acompañaban na mesa presidencial, as vicerreitoras dos campus de Ourense e Pontevedra, Elena Rivo e Eva Lantarón; as de Estudantado e Empregabilidade, Investigación e Extensión Cultural, Natalia Caparrini, Belén Rubio e Susana Reboreda, respectivamente; e o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, de entregar as insignias da UVigo ao alumnado galardoado cos premios extraordinarios de grao e doutoramento do curso 2021-2022; así como ás seis premiadas cos Egeria e ás e aos galardoados cos premios á excelencia académica para alumnado que iniciou estudos de grao e de mestrado na Universidade de Vigo no curso 2022/2023.
En total foron 76 estudantes (42 mulleres e 34 homes) os que recibiron os premios extraordinarios de grao e doutoramento do curso 2021-2022, dos que 54 (24 do campus de Vigo, 13 de Ourense, 9 de Pontevedra e 8 de centros adscritos) son galardoados de grao, e 22 (12 mulleres e 10 homes) de doutoramento, dos que 4 corresponden ao ámbito arte e humanidades; 8 ao de ciencias; 4 ao de enxeñaría e arquitectura e 6 ao xurídico-social. A estes se engaden 75 premios á excelencia académica para alumnado que iniciou estudos de grao e mestrado na Universidade de Vigo no curso 2022/2023, dos que 50 corresponderon a alumnas e os restantes a alumnos. No acto de celebración do patrón da universidade tamén se entregaron os seis Premios Egeria que convoca a Unidade de Igualdade da UVigo co obxectivo de fomentar a introdución da perspectiva de xénero nos estudos e na investigación, e que este ano distinguiron a seis alumnas da Universidade de Vigo polos seus traballos fin de grao e fin de mestrado nas diferentes ramas do coñecemento.
O reitor da UVigo comezou o seu discurso recoñecendo o esforzo e o talento das persoas premiadas, para asegurar a continuación que non é suficiente ter “unha colleita de xente ben preparada” e que cómpre programar o futuro e saber que queremos facer con este talento. Reigosa recordou o problema demográfico que enfronta Galicia nos próximos anos, así como os elementos que ao seu entender fan da UVigo unha universidade moi especial: o agarimo académico, o traballo desenvolvido coas empresas da contorna e o respecto polo rigor académico, que fai posible “que esteamos entre as 600 mellores universidades do mundo”. Facer da Universidade de Vigo unha punta de lanza da lingua e a cultura galega no mundo; que sexa unha institución igualitaria, “temos medidas pioneiras, pero queda moito camiño por percorrer”, dixo Reigosa; e mellorar a súa internacionalización, recordou o reitor, son os eixos do Plan Estratéxico, que marcan a folla de ruta da institución.
Reigosa lamentou que, a pesar de ser unha institución que en investigación está por riba da media das universidades españolas e que en docencia, aínda que ten algunha eiva, derivada “de que somos moi esixentes nos títulos”, a xente aínda non saiba “que facemos e tampouco coñece o noso nivel”. O reitor tamén aproveitou o seu discurso para lembrar os éxitos que está a acadar a UVigo en captación de fondos de I+D+i , así como a evolución positiva lograda duplicando o número de contratos Ramón y Cajal, así como poder contar cuns orzamentos para este ano que cualificou de “extraordinarios” e un Plan de Financiamento do SUG “mellor que o anterior”.
“Pídovos que sexades embaixadores da UVigo”, solicitou Manuel Reigosa ao remate do seu discurso ás alumnas e alumnos que hoxe asistiron ao acto de celebración de San Tomé, aos que tamén animou a seguir formando parte da institución a través da comunidade Alumni.
Entre as premiadas e premiados destaca o caso da viguesa Rebeca López Villar, dobremente galardoada nesta cerimonia. Recolleu primeiro o premio extraordinario de doutoramento e, apenas uns intres despois, volveu subir ao escenario para recibir un dos Premios Egeria á inclusión da perspectiva de xénero polo seu traballo fin de mestrado. Autora da tese Representaciones de la Bruja en la creación audiovisual contemporánea (2000-2019): videoarte, cine y televisión, desenvolvida no marco do programa de Creación e Investigación en Arte Contemporánea e baixo a dirección da profesora de Belas Artes Susana Cendán, cando rematou de redactar esta investigación decatouse de que precisaba facer o Máster de Profesorado para ter máis oportunidades laborais. Finalmente, no seu TFM mantivo o foco sobre o audiovisual elaborando un dicionario feminista de termos cinematográficos para o profesorado de bacharelato. Son dúas temáticas que considera “importantes na investigación e na creación”. Por unha banda, explica que trata de introducir “a perspectiva feminista en todos os meus proxectos, tamén nos máis recentes, centrados na memoria histórica” e, por outra, aborda o audiovisual, “porque me encanta o cine e porque penso que é un medio sobre o que hai que reflexionar, xa que inflúe na realidade, e viceversa”.
Sobre a dobre distinción recollida este venres, recoñece que ambos premios foron “unha sorpresa” e amósase “moi contenta porque recoñecen parte do esforzo realizado”. Pero ademais de estudante e investigadora, Rebeca é unha artista que ten participado en múltiples mostras e exposicións acadando diversas distincións e tamén é unha moza emprendedora co seu proxecto Xogando co Vento. O segredo para compaxinar todas estas facetas e facelo con éxito reside en “traballar moito nas cousas que me gustan” e en organizar “moi ben os tempos e con moitísima axuda da familia e de amigas”.
No caso de Ana Isabel González Fernández, avogada e ex alumna do Grao en Dereito e do Mestrado de Avogacía e premio extraordinario de doutoramento, recoñece que para ela “é un enorme orgullo recibir o premio na universidade onde me formei académica e persoalmente. Ao mesmo tempo, este premio supón o maior recoñecemento a nivel persoal que me anima a seguir avanzando na investigación e no eido da docencia”, asegura. Para esta moza ourensá, autora da tese La mediación como método de resolución de controversias, “o enorme esforzo que hai detrás da tese vese compensado con este premio que supón un recoñecemento por parte do persoal docente e investigador da UVigo”. Neste sentido, Ana Isabel González agradece á súa directora de tese, a catedrática da Área de Dereito Procesual Inés Iglesias Canle, “a confianza que depositou en min e a súa axuda para facerme medrar academicamente estes últimos anos. A súa experiencia permitiu salvar todas as dificultades que se presentaron durante o período predoutoral”, asegura.
Cheo de ilusión por ser unha das persoas premiadas amosouse tamén Julián Puente, graduado en Enfermaría, quen recolleu neste acto o premio extraordinario de grao. “Desde sempre tiven claro que quería encamiñar a miña vida cara os coidados, pois foi algo que sempre me inculcaron na familia, desde moi pequeno e, despois de darlle moitas voltas a toda a carta da oferta universitaria, decidín matricularme en Enfermaría”. Moi satisfeito coa opción que elixiu, agora atópase traballando no Centro Nacional de Epidemioloxía -Instituto de Salud Carlos III (CNE-ISCIII) de Madrid-, un organismo que traballa ao servizo da saúde pública, contribuíndo ao control de enfermidades e riscos, en colaboración coas comunidades autónomas, o Ministerio de Sanidade e o resto de órganos da administración xeral do Estado con competencias sanitarias. “Estou na unidade de coordinación dunha cohorte que estuda as persoas con VIH e sida en España”, explica Puente, quen admite que no futuro lle encantaría dedicarse ao mundo da investigación e a docencia universitaria. “Este ano voume matricular nun mestrado e a miña idea é facer o doutoramento o antes posible”, recalca.
“Moi contento” de todas as lembranzas que garda da súa etapa como estudante da Universidade de Vigo, “tanto do grao en si, como das compañeiras e de todas as persoas que fun coñecendo ao longo desta etapa”, o premio pon agora o colofón a esta etapa. “Recibir un galardón deste tipo é para min unha enorme honra e tamén unha pequena recompensa do esforzo realizado”.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL