O Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM-UVigo) formalizou este mércores o contrato co estaleiro moañés Rodman Polyships para a construción dun buque oceanográfico de última xeración con propulsión híbrida enchufable, por un valor de 1,5 millóns de euros (sen IVE) e cun prazo de execución de oito meses. O catedrático da Universidade de Vigo e director do CIM, Daniel Rey, valora positivamente a adxudicación, xa que “demostra a calidade e capacidade naval de Vigo e arredores para achegar solucións tecnolóxicas innovadoras no ámbito mariño, encaixando estas coas políticas de Porto Verde defendidas pola Autoridade Portuaria de Vigo e que tamén comparte o CIM-UVigo", salientou o principal responsable do CIM, quen tamén adiantou que “nos vindeiros días realizarase un acto público coa empresa adxudicataria para selar a colaboración”.
Pola súa banda, a directora de Márketing e Comunicación de Rodman Polyships, María Herrero, afirmou que están “moi contentos” pola adxudicación deste novo contrato. “Supón un novo reto desde o punto de vista técnico e de innovación, xa que esta embarcación incorporará un sistema híbrido de propulsión que lle permitirá unha navegación soportada 100% por enerxía eléctrica. Ademais, instalarase un sistema de autoxeración eléctrica a través de enerxía eólica”, engadiu. Así mesmo, Herrero enfatizou que se trata “dun proxecto 100% sostible, que marcará un novo fito para o noso estaleiro. É para nós un orgullo que a Universidade de Vigo confíe en Rodman para o desenvolvemento e construción deste novo buque".
A embarcación, que contará cun tamaño medio de 19,5 metros de eslora por 5,4 metros de manga, fortalecerá a posición de Vigo, e de Galicia en xeral, na investigación oceanográfica costeira, permitíndolle abordar con maior garantía e competencia algúns dos desafíos sociais máis críticos relacionados co cambio climático e ambiental, a pesca, a biodiversidade ou a xestión de riscos.
Daniel Rey estimou que a construción da estrutura do buque debería estar finalizada en outono, para logo proceder á instalación de equipamentos en cuberta como un guindastre nun dos costados, un pórtico en popa e un cabrestante para o manexo e despregamento de equipos pesados como rosetas, testificadores, redes , ROVs, etc. Posteriormente, realizaríanse probas coas que comprobar o seu correcto funcionamento. "A plena operatividade do buque acadarase na primeira metade do 2024, aínda que a finais deste ano xa podería estar preparado para facer tarefas básicas de investigación”, avanzou o catedrático da UVigo. Concretamente, o prego de prescricións técnicas establece a finalización da construción do casco aos catro meses da adxudicación e a finalización da instalación da motorización, dous meses despois. Finalmente, indica que a superación das probas de mar será no último mes de execución do contrato.
Respectuoso co medio ambiente e cun modelo de xestión eficiente que facilitará a obtención de datos oceanográficos de gran calidade técnica, o buque estará acondicionado para realizar tarefas de investigación científica en mares e augas costeiras. Terá carácter híbrido enchufable e contará tamén, de maneira complementaria, cun sistema de propulsión de enerxía baseado en paneis solares con celdas policristalinas conectadas a un cargador e dous aeroxeradores vinculados aos seus sistemas de control.
“Esta ferramenta fortalecerá a posición do CIM e das ciencias mariñas en xeral a nivel nacional, brindando acceso á comunidade científica a observacións oceánicas in situ como unha infraestrutura habilitadora que xera datos de interese público, e que proporcionará información adecuada para apoiar o desenvolvemento da economía azul sostible”, explicou o Daniel Rey.
Este novo activo será xestionado como un servizo xeral, a través da plataforma web de solicitude de reserva e prestación de servizos existente no CIM. Ademais de para a propia comunidade universitaria, especialmente para a Facultade de Ciencias do Mar, facilitando a formación práctica no grao, mestrados e cursos de doutoramento, a embarcación estará tamén a disposición de calquera outra institución, galega, nacional e incluso internacional, tanto a través da rede europea de recursos biolóxicos mariños (EMBRC-ERIC) á que pertence o centro, como do resto de infraestruturas europeas nas que participan os diferentes grupos de investigación da Universidade de Vigo adscritos ao CIM.
A embarcación proposta e o modelo de prestación de servizos están deseñados para levar a cabo misións de investigación científica pluridisciplinar tales como a análise das características físicas, químicas, ou biolóxicas da auga de mar e dos sedimentos, a realización de tarefas de observación e cartografía do ecosistema mariño, os seus hábitats, e dos fondos e subsolo mariño. Tamén terá capacidades para a instalación e recuperación de equipos oceanográficos fondeados, como é o caso das boias oceanográficas, o lanzamento de mostreadores e perfiladores e o apoio loxístico a vehículos submarinos non tripulados de mediano e pequeno tamaño.
Este proxecto está financiado con cargo á axuda concedida pola Axencia Estatal de Investigación, pertencente ao Ministerio de Ciencia e Innovación, para a adquisición de equipamento científico-técnico de última xeración no marco do Plan estatal de investigación científica e técnica e de innovación 2017-2020, resolta en novembro de 2021 e pola que se lle concederon á Universidade de Vigo un total de 3,5 millóns de euros, dos que 1,5 millóns correspondían á embarcación promovida polo CIM.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL