A Universidade de Vigo conta cun novo Portal da Investigación, un único sitio web desde o que explorar a súa estrutura da I+D+i, localizar especialistas e acceder aos resultados de toda a actividade científica e de transferencia da institución académica viguesa. O proxecto presentouse a maña deste xoves, de xeito presencial na sala 1 de Miralles e virtual a través de Campus Remoto, da man do reitor, Manuel Reigosa; a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio; o director da Biblioteca Universitaria, Gerardo Marraud, e a xefa da Área de Servizos Bibliométricos, Sonsoles Pousa. Todos fixeron fincapé en que esta nova ferramenta xurde co obxectivo de axudar a difundir, dar visibilidade e transferir á sociedade os resultados das actividades de investigación que se levan a cabo na UVigo.
"Esta é unha ferramenta que vai ser moi útil a nivel interno, para identificar plenamente cada un dos investigadores, grupos, etc., pero tamén externamente, tanto para atopar socios de maneira moito máis doada, como para facer visible o que somos e o que facemos", recalcou Reigosa, quen aproveitou para lembrar que, “Vigo é unha moi boa Universidade, que está dentro do 5% das mellores universidades do mundo e que vai camiño de situarse entre as 500 mellores”. Nesta liña, e aproveitando a presenza na presentación de máis dun cento de investigadoras e investigadores dos tres campus, lembrou o compromiso do seu equipo de goberno de incrementar a partida de produción científica, algo que, segundo indicou, xa se produciu nun 10% este ano e que, cada ano, volverá ter novas subidas.
Posto en marcha desde a Vicerreitoría de Investigación, Transferencia e Innovación coa colaboración da Fundación Dialnet e a axuda da Biblioteca Universitaria e dos servizos informáticos, no novo portal recóllese e mantense actualizada a actividade investigadora dos grupos de investigación e das investigadoras e investigadores cos que conta a universidade, amosando para cada un deles o seu perfil e indicadores bibliométricos e de colaboración. Ademais, segundo se explicou na presentación, permite localizar persoal experto nun campo de investigación e, entre outros servizos, facilita o acceso ás publicacións, impulsa o acceso aberto e posibilita a elaboración de informes e a exportación dos resultados en distintos formatos.
"É un portal personalizado ao aspecto da institución, que permite mostrar ao exterior a produción do persoal investigador, o escaparate cara ao exterior da investigación e transferencia da UVIGO", subliñou a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, ao tempo que fixo fincapé en que Dialnet actualízase de maneira automática e recolle as publicacións de distintas fontes de datos (scopus, wos, dialnet, etc.), o que facilita que o persoal investigador non teña que estar introducindo os datos continuamente. Ao mesmo tempo, dá a posibilidade de que os investigadores xestionen ao seu xeito a información relativa ao seu perfil persoal (biografía, foto, etc). Por outra banda, incorpora indicadores de calidade científica, co que se pode coñecer o número de citas de cada artigo, cuartil no que se atopa, etc. “Isto é algo que pode axudar moito ao persoal investigador a preparar as peticións, por exemplo, dos sexenios de investigación”, explicou a vicerreitora.
Entre as principais vantaxes do novo portal destaca tamén, tal e como indicou Rubio, a posibilidade de visualizar a información por grupos de investigación, centros, etc., así como a opción de consultar para un único investigador ou investigadora todo a súa produción histórica en artigos, libros, capítulos de libros, achegas de congresos, patentes, teses, tribunais de teses... Ademais, segundo apuntou, entre outros múltiples aspectos, permite por exemplo visualizar nun mapa os países cos que mais colabora cada investigador.
Durante a xornada fíxose unha presentación de como manexar e moverse polo portal. Encargouse de realizar esta presentación a xefa da Área de Servizos Bibliométricos, Sonsoles Pousa, que foi detallando todos os contidos e posibilidades do novo portal. Tal e como explicou, o portal está vertebrado en tres grandes apartados: grupos, investigadores/as e resultados. A maiores, na portada, preséntanse cifras globais que tratan de facer un resumo do contido do portal: 1395 investigadores/as, 169 grupos, 50.168 publicacións, 3050 teses, 17245, “cifras que están en constante actualización”, e toda unha serie de enlaces de interese (biblioteca, guía de axuda, dúbidas frecuentes...).
No apartado dedicado aos grupos de investigación pode accederse aos mesmos a partir dos centros de investigación, os campus ou os departamentos, e o mesmo acontece para os investigadores/as, incluíndose tamén neste caso a selección por escolas/facultades e por áreas de coñecemento, ademais dun buscador. Na páxina dedicada a cada un dos investigadores/as inclúense os datos máis significativos que definen a súa traxectoria investigadora (publicacións, colaboracións, teses, patentes e indicadores), así como un resumo do seu perfil persoal, incluíndo o correo electrónico. Preséntanse as publicacións organizadas por orde cronolóxico e por tipoloxías documentais, as tese de doutoramento que dirixiu e aquelas nas que formou parte do tribunal, as patentes, e outros indicadores como as citas nas diferentes fontes de datos e os documentos máis citados.
No caso do apartado de Resultados pode accederse a seis tipos de información: publicacións contidas no portal, dividas por tipos (artigos, libros, capítulos de libros...); publicacións de acceso aberto, teses defendidas na UVigo, redes de colaboración, patentes e indicadores globais (citas recibidas en Scopus, Dialnet Métricas, Web of Science, revistas nas que se publica...).
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL