A competición de robots da Escola de Enxeñería Industrial foi un máis dos millóns de eventos que a pandemia impediu celebrar durante os tres últimos anos. Recuperada a normalidade, a competición, que acada este ano a súa sexta edición, volverá encher o 21 de abril a EEI de robots deseñados polo alumnado de ESO, Bacharelato, universidades e FP. 4000 estudantes de toda Galicia participaron nas cinco primeiras edicións do concurso, que este ano estreará as modalidades BE-ROBOT e DeMO-ROBOT, que substitúen as tradicionais WALL-e e R2D2, ademais de contar cun kit moi mellorado, o mBot 2, respecto aos de anteriores edicións, que achega máis posibilidades ás e aos participantes, que tamén disporán dalgunhas actividades para desenvolver nos centros de ensino. “Á marxe do kit, ao meu entender, o máis destacable é que o concurso contará con novas probas, que esperamos esperten o interese dos participantes. A verdade é que se estivo a traballar nas probas para intentar que estas respondan á situación actual, onde temos constancia de que os rapaces e rapazas están mellor preparados que en edicións anteriores e así poidan poñer a proba as súas destrezas”, explica o director da EEI, Juan Pardo Froján.
Segue a liña ‘marchoso’ e Velódromo ‘mareante’ son as dúas probas que terá que enfrontar o alumnado de ESO e Bacharelato que competirá, en equipos de entre catro e seis compoñentes, na categoría BE Robot, na que terán que, no primeiro caso, dar unha volta completa a un circuíto marcado no chan o máis rápido posible, evitando todos os obstáculos e, no segundo, completar o número de voltas no menor tempo posible a un recinto circular, no que tamén deberán sortear obstáculos formados por cilindros, situados nos extremos dos diámetros perpendiculares. Pola súa banda o alumnado universitario e de FP, que participará na categoría DeMO-ROBOT en equipos cun máximo de seis integrantes, deberá facer fronte a catro probas: rastrexo, labirinto e triplo ensaio con illa, todas elas individuais, e a unha proba colectiva denominada sumo na que un único robot aspira a quedarse no ring.
Os equipos que desexen participar na competición de robots teñen de prazo ata o 30 de xaneiro para inscribirse (premer aqui), para o que deberán cubrir un formulario que atoparán na web da Escola. As prazas están limitadas a 156 equipos na categoría Be Robot, cun límite de 10 equipos por centros. “Sinceramente, despois de tres anos de parón na actividade é moi difícil saber cal vai ser a resposta por parte dos centros. No que puidemos pulsar, pensamos que será ben acollida e se nos baseamos na última edición, a participación debería ser alta”, sinala o director da EEI.
Nacido hai oito anos, co obxectivo de achegar a Universidade ao alumnado de ensino secundario e Bacharelato, ademais de promocionar as titulacións da Escola e fomentar o interese do alumnado polas disciplinas STEM, e máis concretamente polos estudos de enxeñaría, a recuperación da competición de robots, logo do parón obrigado pola pandemia, era un compromiso para a dirección da EEI. “Tras a celebración das cinco anteriores edicións e a boa acollida e resposta que obtivemos nos centros educativos, o concurso converteuse nun referente, nun clásico, que espertaba unha grande expectación. Recuperalo é un compromiso que tiñamos que atender ante as achegas de ánimo e as consultas que tivemos estes últimos anos”, confirma Pardo Froján, que tamén advirte da responsabilidade que implica desenvolver unha xornada que esperte nos rapaces e rapazas un interese por unha actividade que complemente a formación dos seus centros, nun mundo no que cada vez a robótica xoga un papel máis destacado.
“É certo que desenvolver un concurso desta características supón un gran traballo, un grande esforzo, pero a nosa motivación, o noso compromiso, é tentar fomentar desde as bases o interese polas actividades STEM”, recoñece o director do centro, que tamén sinala que, “vendo o vivido polos rapaces e rapazas nas edicións anteriores, calquera esforzo merece a pena”, explica Pardo Froján.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL