A pouco que se furgue, agroman infinidade de prexuízos sobre o uso do galego, algúns que semellaban superados e outros que sempre estiveron presentes. Algúns deses prexuízos son os que protagonizan o calendario da Área de Normalización Lingüística para o 2023 deseñado polo ilustrador e humorista gráfico Luis Davila. Entre os lugares comúns que se reflicten nas viñetas dos doce meses están algúns moi recoñecibles como “non falo galego porque o falo mal”; “impóñennos o galego” ou “o galego só serve para falar coas vacas”. O obxectivo do almanaque é pór sobre a mesa estes prexuízos persistentes e desmontalos, combatelos e situar o galego no lugar que lle corresponde como lingua oficial da Universidade de Vigo. Como explica a vicerreitora de Extensión Universitaria e responsable da Área de Normalización Lingüística, Susana Reboreda, “a mensaxe que queremos difundir co almanaque é diáfana: o uso do galego debe reforzarse na Universidade, en particular, e na sociedade, en xeral. A única forma de transmitir o valor do seu emprego é a través da concienciación sobre o imprescindible respecto e afecto á nosa cultura e á lingua”.
Así, ao longo dos doce meses ponse o foco sobre o uso da galego na ciencia, nas aulas ou nos servizos da Universidade en relación sempre con algúns destes prexuízos que, como as malas herbas, son difíciles de arrincar como que o galego non serve máis aló de Galicia, que coñecer o idioma non ten utilidade, ou que non é un idioma útil para o mundo da ciencia e a investigación.
Luis Davila xa fora o encargado de dar forma ao almanaque da ANL en 2017, no que tamén se trataba de desbotar, dende a retranca, algúns dos prexuízos e estereotipos que pexan o uso da lingua galega. As súas viñetas “funcionaron dun xeito magnífico, porque o enxeño do autor e a súa fina retranca son exquisitos e saben transmitir dun xeito amable e sen ambigüidades onde queremos ir”, subliña a vicerreitora. Por isto, tras varios anos con calendarios que se centraron na ciencia, nos servizos da UVigo ou no alumnado galegofalante, para o 2023 apostouse por volver a contar co humorista bueués. “O «valor seguro» de contar con Davila, máis que baseado na súa traxectoria ou proxección pública, está na súa capacidade de retratar un interior facilmente recoñecible coma un espello pola maioría das galegas e galegos, independente de moitos condicionantes identitarios, de xénero, de idade, sociais... E toda esa realidade queríamos contextualizala no día a día do colectivo universitario, no estudantado, no PAS e no PDI, nos tres campus, en distintas áreas de coñecemento, nas aulas, na parada do bus, nas familias...” En todo caso, engade Reboreda, “o obxectivo da ANL coa edición do almanaque continúa a ser o mesmo: chamar a atención sobre a importancia do uso do galego, especialmente no noso ámbito, a Universidade”.
Sobre o proceso de elaboración e o traballo con Davila, Reboreda recoñece que “foi moi doado e estimulante, enseguida captou o que desexábamos transmitir” e destaca tamén a participación “fundamental” das técnicas da ANL, Eva Castro Figueiras e Cristina Rodríguez Ricart. O almanaque, cunha tirada de 2000 exemplares, estará dispoñible a partir desta semana nas conserxerías das facultades, escolas e centros dos tres campus. Tamén se pode descargar en o calendario en formato PDF nesta ligazón.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL