O cultivo de rodaballo presenta en Galicia unha clara tendencia á concentración de mercado, limitándose a só catro as empresas que se dedican a esta actividade, catro firmas que son propietarias das doce plantas de produción de alevíns e de engorde que existen na actualidade nesta comunidade autónoma. Así se salienta na tese de doutoramento da investigadora de Ecobas Raisa Pérez Vas, profesora e investigadora do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade, unha investigación que entra de cheo no estudo financeiro empresarial da actividade acuícola galega, un sector cada vez máis relevante.
“En gran medida” esta concentración de mercado está provocada, a xuízo da autora da tese, polo marco institucional e, máis especificamente, pola escasa emisión de novas concesións de ocupación do dominio público marítimo-terrestre e pola negativa á autorización da ampliación das plantas existentes. “Unha das maiores incertezas que se atopan as empresas galegas acuícolas que posúen as súas plantas de produción no dominio público-terrestre é precisamente a problemática coas concesións que se lle outorgan para levar a cabo a súa actividade produtiva, debido a que son de tempo limitado, estando supeditadas a que se renoven”, salienta a investigadora, ao tempo que explica que a resolución desta problemática é clave para potenciar este sector.
Desde fai anos existe un debate vixente entre os diferentes gobernos sobre o límite de anos que estas concesións deben ter e a escaseza de concesións que se levan a cabo, “o que provoca que as empresas teñan que analizar si lle é rendible ou non realizar novos investimentos”, explica a investigadora. Tal e como se explica na tese, este tipo de empresas acostuman precisar fortes investimentos, polo que a incerteza que xera a problemática das concesións provoca certo rexeitamento á realización de novos investimentos, xa que é de “vital importancia” analizar si en termos económico-financeiros é rendible, ou non, investir para producir durante un límite determinado de anos que non sempre poderá ser ampliado.
Sendo a acuicultura unha das actividades económicas máis importantes e con máis futuro, tanto en Galicia como en España, así como un dos sectores máis circunscritos ao desenvolvemento sostible, Pérez Vas destaca a importancia de que a economía galega se dote dun marco normativo estable, no que exista un consenso por parte dos organismos gobernamentais para proporcionarlle ás empresas unha contorna de seguridade xurídica, sen menoscabar o necesario uso sostible do litoral.
Dirixida polas catedráticas Pilar Cibrán e Irene Pisón, a tese levou a cabo dous casos de estudo relacionados co sector acuícola. Por unha banda, a tendencia cara a unha concentración do mercado das empresas de cultivo de rodaballo, impulsado polo marco normativo no que operan, levou á investigadora a realizar unha valoración dunha opción de abandono dunha das empresas que menor cota de mercado presenta. Doutra banda, dado que a produción de algas para o consumo humano é un sector en auxe -situación motivada, entre outros factores, por cambios nos hábitos de consumo da dieta humana-, a investigadora decidiu estudar tamén a viabilidade de expansión dunha empresa galega que opera neste sector. No caso de estudo da empresa de cultivo de rodaballo conclúese que a opción de abandonar o mercado é unha opción válida, mentres que a valoración realizada sobre a empresa de produción de algas confire que a opción de expansión provoca un importante incremento na valoración da empresa.
“En ambos casos de estudo puiden comprobar a importancia que ten a influencia da lexislación vixente de costas promovida tanto a nivel autonómico como nacional, así como a influencia da Rede Natura”, recalca a investigadora, quen tamén resalta que España é un dos grandes produtores acuícolas a nivel europeo, “de aí a importancia de albergar un marco institucional que interrelacione a parte económica financeira coa sostenibilidade co obxectivo de potenciar un sector clave para Galicia”.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL