A catedrática de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela María Inmaculada Paz Andrade (Pontevedra, 1928), nomeada doutora honoris causa pola UVigo en 2018, faleceu nas útimas horas. Considerada unha referencia mundial nos ámbitos da microcalorimetría e calorimetría diferencial de barrido, Paz Andrade foi a primeira muller nomeada, en 1979, visiting research professor da Universidade de Manchester. Previamente, en 1964, foi tamén a primeira profesora adxunta interina na USC, onde en 1983 se convertería na primeira catedrática de Física Aplicada e preto de tres décadas despois sería tamén a primeira investigadora recoñecida coa medalla de ouro da Real Sociedad Española de Física.
O 2 de maio de 2018, aos 89 anos de idade, convertíase, a proposta do Departamento de Física Aplicada da UVigo, na primeira pontevedresa nomeada doutora honoris causa pola Universidade de Vigo, nun acto celebrado na Escola de Enxeñaría Forestal, a carón da parroquia de Lérez, onde naceu en 1928. O catedrático de Física Aplicada da UVigo José Luis Legido, responsable de propor a súa candidatura xunto a Marta María Lado, exerceu como padriño dunha “muller pioneira”, que, salientou, dedicou “45 anos sen descanso á investigación científica”.
No seu discurso de investidura, Inmaculada Paz Andradre rememorou como iniciou a súa licenciatura en Ciencias na USC “sen entusiasmo, nin vocación”, que era a medicina, para logo descubrir que “traballar nun laboratorio encantábame”. Paz Andrade lembrou que iniciara os seus estudos de doutoramento na USC cun “calorímetro que era unha antigüidade e que non había forma de facer funcionar”, antes de obter unha bolsa de Fundación Juan March para continuar as súas investigacións en Marsella, onde obtivo o certificado de estudos superiores en termoxénese.
Tralo falecemento de Calvet, Paz Andrade desenvolveu unha extensa colaboración coa Universidade de Manchester. Recoñecida con distincións como a Medalla Castelao da Xunta de Galicia, o Premio María José Wonemburger, o premio Galicia de Investigación Científico-Técnica Antonio Casares y Rodrigo ou as insignias de ouro da USC e da Real Sociedad Española de Química, a académica á que Journal of Chemical Thermodynamics dedicou en 1994 un número monográfico, atesouraba tamén na súa traxectoria a dirección de 39 teses de doutoramento, a publicación de preto de 20 libros e capítulos e a coordinación de 29 proxectos de investigación. Entre eles, o desenvolvido polo grupo multidisciplinar Thor, centrado no desenvolvemento de sistemas informáticos para loitar contra os incendios forestais en todas as súas etapas, que impulsou en 1999 coa participación de máis de 40 especialistas.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL