Se algo trouxo consigo a pandemia da covid-19 foi a aposta pola virtualización, unha aposta necesaria no eido da docencia que, no caso de Universidade de Vigo, se traduciu na posta en marcha do Campus Remoto. Agora a institución dá un paso máis nesta senda co lanzamento de UNIverso UVigo, un prototipo de metaverso que albergará espazos de encontro, de ensinanza e de aprendizaxe, de modo que tanto estudantado como persoal docente e investigador poderán beneficiarse dunha interface amigable para as interaccións en remoto.
Esta iniciativa é un primeiro paso dun plan piloto de virtualización de laboratorios posto en marcha a través da Vicerreitoría de Profesorado, Docencia e Titulacións e da súa área de Docencia, que ten como obxectivo a renovación pedagóxica e a innovación docente. O director da Área de Docencia, Martín López Nores, explica que este proxecto xurdiu no marco dunha liña de axudas da Xunta de Galicia para a virtualización da ensinanza. O deseño conceptual completouse durante o verán de 2022, combinando varias compoñentes de innovación e correu a cargo da Vicerreitoría de Profesorado, Docencia e Titulacións. Na posta en marcha están implicadas tres empresas galegas: Këndra, Deicom Technologies e Égida Software Solutions.
UNIverso UVigo inclúe a virtualización de espazos e laboratorios nunha contorna académica e permite milleiros de configuracións dispoñibles para crear avatares únicos para cada usuario. Convértese, deste xeito, nun mundo aberto con zonas comúns nas que facer recepcións e exposicións con interacción a través do chat de voz e auditorios e salas onde celebrar ponencias e impartir clases maxistrais ou laboratorios. O sistema estará aberto a estudantes e persoal investigador da Universidade de Vigo e está deseñado para medrar organicamente, incorporando novos módulos onde o metaverso achegue un valor engadido á ensinanza-aprendizaxe.
Como explica López Nores, dende o punto de vista do estudantado, o UNIverso UVigo “pode brindar espazos de encontro máis amigables que os dun portal web, no que tradicionalmente se atopan contidos organizados en estruturas puramente xerárquicas, a interacción síncrona é moi limitada e as comunicacións son eminentemente textuais”. Grazas ás tecnoloxías do metaverso poderán beneficiarse dunha “noción de ‘presenza virtual’ coa que suprimir barreiras persistentes nun momento no que, cada vez máis, interactuamos remotamente uns con outros”. Así, esta proposta da UVigo permitirá que as persoas que teñan acceso ao UNIverso UVigo “se poidan atopar en espazos 3D que evocan elementos dos campus de Ourense, Pontevedra e Vigo, e nos que poden asistir a poñencias, exhibir traballos propios, empregar remotamente software xestionado pola Universidade ou, simplemente, conversar por voz e/ou vídeo”.
Dende o punto de vista do PDI, continua o director da Área de Docencia, o UNIverso UVigo “poderá ser un recurso máis á súa disposición para interactuar co estudantado, ao tempo que ofrecerá unhas interfaces abertas para que, quen queira, poida facer desenvolvementos propios e probalos nunha contorna común”.
Finalmente, para a propia Universidade de Vigo, engade, “consideramos valioso contar cun posicionamento propio nunha área da tecnoloxía que pode ter un impacto significativo na transformación dixital ao longo deste decenio”. Así, López Nores destaca que o UNIverso UVigo “pode contribuír moi positivamente a integrar o estudantado de mobilidade a todos os niveis (grao, máster e posgrao) así como no seo da Universidade Europea ATHENA, na que se acaba de integrar a UVigo e que devece por solucións coas que promover o sentimento e a percepción de comunidade”. Aquí tamén entra en xogo a sustentabilidade, xa que esta iniciativa axudará a optimizar as dotacións dos equipos e do software empregado en moitos laboratorios. “Estamos a valorar se unha maior flexibilidade horaria, unida á capacidade de empregar software moi avanzado dende un ordenador persoal –cunha experiencia de uso practicamente igual á que se tería cun ordenador de moi altas prestacións na casa– poderían facer innecesario dotar laboratorios con 20 PCs que se empregan durante apenas unha fracción do tempo da semana lectiva e que, sen embargo, nalgúns casos obrigan a adquirir outras tantas licencias”.
Durante o mes de outubro ultimáronse os detalles técnicos e de presentación, e o lanzamento está previsto para este mes de novembro aberto a un conxunto limitado de usuarios. De momento, xa foi presentado, entre outros foros, ante o comité xestor da European University Information Systems EUNIS, a organización europea de sistemas de información universitarios, que en 2023 celebrará o seu congreso en Vigo. “Gustoulles moito”, ata o punto de que López Nores foi convidado a participar en iniciativas internacionais relacionadas coas tecnoloxías de realidade aumentada e realidade virtual aplicadas á educación superior, en concreto á Education Technology Summit, que é parte do evento ISE (Integrated Systems Europe) que se celebra cada ano en Barcelona.
A partir de agora, esta plataforma irá abríndose á totalidade dos usuarios potencias ao longo dos vindeiros meses. Ademais, a vicerreitoría emprenderá unha consulta en escolas e facultades dos tres campus para indagar sobre áreas concretas nas que a tecnoloxía supoña un valor engadido, de xeito que se poidan ir incorporando novos espazos de laboratorios específicos.
UNIverso UVigo súmase a outros proxectos de virtualidade postos en marcha pola Universidade de Vigo, como Campus Remoto, o xemelgo dixital da institución ou Moovi, o portal de teledocencia. López Nores destaca que son “solucións complementarias” e, mentres Campus Remoto é unha solución xa consolidada, que segue a ter un aproveitamento notable mesmo trala pandemia, UNIverso UVigo pretende habilitar outro tipo de interfaces, así como outros escenarios de uso. Non sería de estrañar que, co tempo, se apostase pola converxencia de ambas plataformas”, conclúe.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL