O escaparate mundial das últimas tendencias en automatización e robótica sitúase esta semana no campus de Vigo. Aquí arrancaron este luns as VIII Jornadas sobre tecnologías y soluciones para la automatización industrial JAI’2022, un evento que, tras dous anos de pandemia, volve a presencialidade e faino con cifras récord: máis de 2000 persoas rexistradas, 125 empresas participantes e preto de medio cento de conferencias. A inauguración oficial tivo un dobre escenario: primeiro, nun máis que repleto salón de actos da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, coa intervención de múltiples autoridades e, a continuación, no vestíbulo central da Escola de Enxeñería Industrial, onde, como xa é tradicional, se instalou o showroom Industria 4.0, no que as empresas participantes, máis de 35 firmas moi recoñecidas no sector, realizaron variadas demostracións das últimas tecnoloxías en automatización e robótica.
A inauguración das xornadas, presidida polo reitor da Universidade de Vigo Manuel Reigosa, deixou claro que o futuro da industria e, en xeral, o futuro da sociedade pasa pola transformación tecnolóxica. Así termos como innovación, dixitalización, robótica, automatización... estiveron presentes nunha quenda de intervencións con representación tanto do sector público como privado, unha unión que se definiu como “clave” para superar os retos aos que se enfronta a día de hoxe a humanidade, incluíndo tanto os desafíos medio ambientais, como aqueles cos que se busca acadar unha sociedade máis xusta e igualitaria.
“Estamos a vivir unha oportunidade e un momento histórico para Galicia e para España”, subliñou o reitor, facendo fincapé en que, se ben, se perderon moitos trens ao longo da historia, por cuestións xeográficas ou administrativas, nestes intres hai a oportunidade de “estar en primeira liña, entre outras cousas, polo poderoso vento que chega de Europa, en forma de financiamento”. Centrándose no caso concreto de Galicia, o reitor fixo fincapé en que se levan moitos anos facendo os deberes e cóntase con “tres boas universidades”, que lanzan ao mercado talento moi ben formado “que pode competir con calquera persoa do mundo”, pero que, “a maiores”, se está facendo o esforzo de ir por diante. “Estamos a piques de estrear o noso primeiro grao dual, nada máis e nada menos que da man de Stellantis, o Clúster da Automoción de Galicia e o Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia, xunto con outras moitas empresas, o que demostra que estamos dispostos a movernos”, salientou Reigosa, que mencionou tamén como exemplos a organización dos mestrados vinculados á estratexia Galicia 2030, ou o día a día de centros de investigación universitarios como CINTECX ou atlanTTic. “Estamos listos e dispostos a asumir a colaboración público privada e nós como Universidade queremos ser un socio máis dese conxunto que permita que Galicia se converta nun referente a nivel mundial”, recalcou o reitor.
Á boa formación das enxeñeiras e enxeñeiros formados en Vigo fixo tamén mención o conselleiro de Cultura, Educación e Universidades, Román Rodríguez, quen coincidiu co reitor en afirmar que a sociedade vive un “cambio de paradigma a todos os niveis” e, dentro deste cambio, un dos vectores que mellor o representan é o continúo desenvolvemento tecnolóxico. “Nesa liña, xornadas como as JAI’22 representan con claridade as boas sinerxías que resultan da unión entre o mundo educativo e o profesional”.
Desde o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo contouse coa participación de Galo Gutiérrez, director xeral de Industria y de la PYME, quen, en liña co resto de autoridades, gabou o programa dunhas xornadas “perfectamente aliñadas coas necesidades da industria”, destacando como un dos retos prioritarios do sector industrial, a dixitalización.
En nome do alcalde Abel Caballero, que non puido incorporarse ao acto ata o shoroom na Escola de Enxeñería Industrial, a concelleira da área de I+D e Dinamización Administrativa Ana Mejías, desexoulle unha longa vida ás JAI e “a polos 20 anos”. Lembrou, nesta liña, o inicio das xornadas na Escola de Enxeñería Industrial no ano 2004, salientando “o gran progreso e empuxe que acadaron en moi pouco tempo” e reclamando unha cada vez maior incorporación das mulleres. “O progreso tecnolóxico necesita que tamén elas se embarquen nesta carreira”.
Pola súa banda, David Regades, delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, apuntou que a “ampla representación de persoas que participamos nesta inauguración da boa mostra da potencia destas xornadas”. A este respecto hai que destacar a intervención tamén na apertura das xornadas de Ignacio Bueno, director de Stellantis Vigo; Luis Moreno, director xeral do CTAG; Silvia Blanco, de Asime; Francisco Yáñez, presidente do primeiro Digital Innovation Hub Industrial de Galicia, Dighgigal, e Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da UVigo. A maiores, e se ben non interveu de xeito directo, todos os participantes coincidiron en salientar o papel clave do profesor do Departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática, José Ignacio Armesto, coordinador das xornadas “e verdadeira alma máter do evento”.
Con emisión en directo a través da canle1 de UVigoTV, a 8ª edición das JAI achega múltiples novidades no seu programa, incluídas catro mesas redondas, dúas moderadas por ISA Spain e as outras dúas por AER Automation, centradas en ciberseguridade, mantemento preditivo, robótica móbil e visión e intelixencia artificial; unha grande exposición de robótica, co dobre de participantes que na derradeira edición, e a presenza de Spot Enterprise de Boston Dynamics, o cuadrúpedo co brazo máis avanzado do momento. Así mesmo, varias firmas patrocinadoras e participantes amosarán ao longo de toda esta semana os seus robots máis avanzados, nos eidos colaborativo, sensitivo e móbiles autónomos, principalmente. Ademais este ano cobran especial protagonismo neste showroom as asociacións de estudantes como UVigo SpaceLab ou UVigo Motorsport.
Ao longo destes cinco días superaranse as 40 horas de conferencias e mesas redondas, impartidas por 70 profesionais do sector, que abordarán nos seus relatorios cuestións como infraestruturas críticas, monitorización e control, activos IT/OT, ciberseguridade industrial e zero trust, xemelgo dixital, intelixencia artificial, analítica de datos, industria de proceso, etc.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL