Na noite do venres 18, doce coleccións nacidas como traballos finais do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda optarán no Pazo da Cultura aos premios aos mellores proxectos da décimo quinta edición de Debut, un desfile que é tamén o acto final dunha semana de actividades centrada no mundo da moda, que servirán tamén para pór en valor a traxectoria detes estudos na Universidade de Vigo. Nacido, como sinalou a coordinadora do mestrado, Lola Dopico, co obxectivo de “achegar á sociedade” o traballo do alumnado, a programación de Debut 2022 abrirase o luns cunha serie de talleres na Facultade de Belas Artes e comprende tamén dúas mesas redondas no Convento de Santa Clara que terán como protagonistas a seis profesionais formados en Esdemga. Finalmente, o venres terá lugar no Pazo da Cultura un desfile no que, ademais dos traballos de fin de máster, outros 18 alumnos e alumnas presentarán os proxectos desenvolvidos o pasado ano no primeiro curso desta titulación.
A coordinadora do máster, Lola Dopico, a concelleira de Cultura, Carme Fouces, e o director de área adxunto á Vicerreitoría do campus, Luis Torres, presentaron este xoves no Concello unha programación que, como sinalou a edil, permite pór de relevo “a veteranía de Debut”. Nese senso, Dopico lembrou que aínda que o máster comezou a súa andaina en 2017, “levamos con este proxecto de formación en moda no campus desde o curso 2004-2005”, cando arrancou o título propio de Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galicia (Esdemga), posteriormente substituído polo actual posgrao. “Son moitos anos de manter un proxecto e facelo medrar”, recoñeceu Dopico, que sinalou o mestrado “como un referente a nivel nacional e incluso a nivel internacional de formación pública universitaria en moda, que é extraordinariamente escasa”. Previamente, Dopico puxo de relevo “a profundidade do compromiso” que ao longo destes anos mantivo o Concello con Debut, mentres que Fouces gabou a traxectoria duns estudos “dos que saíron profesionais que nestes momentos ocupan lugares recoñecidos no sector”. Así mesmo, Luis Torres puxo o foco en que Debut “é moito máis que un desfile”, grazas a unha programación que “constitúe unha conexión do alumnado co mundo profesional” e que “facilita tamén a apertura das portas da Universidade á sociedade”.
Nunha edición na que o desfile se traslada da noite do xoves á do venres serán doce os novos titulados e tituladas que presenten sobre a pasarela os seus TFM. Trátase de André Anta, Regina Chamorro, Noemí Comesaña, Natalia Belén de Roia, Irina Gadai, Andy González, Sara Maneiro, Carlota Matos, Carmen Muñoz, Nely Plaza, Noelia Remesal e Sofía San Claudio, que optarán ao premio á mellor colección, outorgado por Setga e dotado con 3000 euros, e ao galardón á colección con maior valor artesanal, impulsado grazas á colaboración da Xunta, a través de Artesanía de Galicia e o Xacobeo, e dotado con 1500 euros. Como apuntou Dopico, Debut “normaliza” nesta edición as cifras de proxectos finais no desfile, despois de que a anterior reunise un total de 21, defendidos tanto en 2021 e 2020, ano no que o desfile non se puido levar a cabo por mor da covid-19. Así mesmo, nun segundo bloque, o desfile completarase cos proxectos realizados en primeiro curso por 18 estudantes. Igualmente, Debut 2022 recupera tamén a normalidade no referido á asistencia de público, de tal xeito que, a pesar de que haberá invitacións para profesionais ou familias, “todo o mundo é benvido”, subliñou Dopico.
“Para nós é unha festa na que celebrar o que os estudantes foron capaces de facer, tras un traballo monumental, no que investiron moitos esforzos e recursos”, concluíu a coordinadora do máster dun desfile que é posible tamén grazas á colaboración dos 60 mozos e mozas que exercen como modelos. As coleccións serán avaliadas por un tribunal composto pola directora executiva da Asociación de Creadores de Moda de España (ACME), Pepa Bueno; o director do Centro Superior de Diseño de Moda da Universidad Politécnica de Madrid, Guillermo García-Badell; e a directora do Museo de Arte de Zapopan de Guadalajara (México), Viviana Kuri. Previamente, os futuros e futuras tituladas participarán ese mesmo venres nas Xornadas Técnicas de Recursos Humanos, nas que manterán entrevistas cos responsables de persoal de diferentes firmas do sector.
A traxectoria destes estudos fai posible tamén que as mesas redondas que terán lugar os mércores 16 e o xoves 17 en Santa Clara teñan como protagonistas a profesionais formados en Esdemga. A primeira delas leva por título Creando unha marca e permitirá afondar na traxectoria de titulados e tituladas que, tras anos de traballando en empresas do sector, puxeron en marcha os seus propios proxectos. Neste encontro participarán o titulado Gabriel Nogueiras, impulsor da firma Rubearth, premiada nos dous últimos anos no Ego da Mercedes-Benz Madrid Fashion Week; a egresada Raquel Suárez, que na pandemia decidiu impulsar a súa marca de accesorios Suagongo; e Erica Oubiña, impulsora xunto coa tamén ex-alumna Inti Noemí Núñez de ik.studio.
Tres tituladas serán así mesmo as protagonistas da mesa do xoves, que leva por título A dirección de arte como campo profesional, dedicada a “unha área en constante crecemento” e na que traballan tamén diferentes titulados e tituladas, apuntou Dopico, "a dirección de arte dentro das marcas de moda ou incluso no ámbito cinematográfico”. Esta mesa contará coas intervencións de María Cuntín, directora de arte en Zara.com; Xoana Medrano, que desenvolve este labor para varias empresas ademais de estar impulsando o seu propio proxecto; e Melania Freire, que exerceu como directora de arte e vestiario en producións cinematográficas e traballou nos últimos anos en filmes como Longa noite, de Eloy Enciso, ou O que arde, de Oliver Laxe.
Previamente, Debut 2022 abrirá a súa programación o vindeiro luns cos primeiros workshops na Facultade de Belas Artes. Entre as novidades desta edición atópase un obradoiro de tufting gun, “unha pistola coa que vas facendo alfombras de tecido”, que correrá a cargo de Twee Muizen, un dúo de artistas gráficos “moi interesante polas técnicas que utilizan aplicadas ao téxtil”, sinalou Dopico. O luns arrancará así mesmo un taller de colaxe a cargo de Rafafans, un profesional especializado no traballo coa colaxe dixital e artística no sector da moda. Este programa formativo complétase cun taller do artesán Félix de Martín centrado “nas técnicas de construción de volume” e coa formación sobre retoque dixital para fotografía de moda que impartirá Noelia López.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL