O proxecto Mares Circulares, auspiciado por Coca Cola, recolleu en 2021 máis de 352 toneladas de residuos mariños grazas a súa rede de voluntariado e, desde que arrancou a iniciativa, no 2018, a cantidade total de desperdicios retirados do mar supera xa as 1.500 toneladas. Estes son algúns dos datos dos que se falou este venres nas III Jornadas Científico Técnicas Mares Circulares, un encontro no que se abordou a problemática do lixo mariño, así como outros asuntos relacionados coa economía circular e o desenvolvemento azul.
Esta terceira edición do encontro – o primeiro tivo lugar en maio do ano 2020 en formato virtual e estivo coordinado pola Universidad de Málaga e o segundo celebrouse o ano pasado na Universidad de Oviedo- constitúe a primeira colaboración entre a Universidade de Vigo e Coca Cola pero non será a última, xa que, segundo adiantou a vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade Natalia Caparrini, que inaugurou o encontro, estanse a ultimar os detalles dun convenio de colaboración entre ambas institucións. “Ambas entidades estamos aliñadas cuns obxectivos comúns que van dirixidos a alcanzar o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible”, salientou Caparrini, quen explicou que a sinatura deste acordo reforzará o impulso conxunto de actividades coas que dar a coñecer a importancia, sensibilizar, difundir e pór en marcha diferentes iniciativas relacionadas coa loita contra o lixo mariño. “Ademais de dar cumprimento ao ODS 17, relativo a revitalizar a alianza mundial para o desenvolvemento sostible, esta xornada permite tamén a creación de novas alianzas, non só con Coca Cola, senón tamén co resto de entidades participantes”, subliñou a vicerreitora, quen fixo fincapé en que este tipo de actividades “axudan a pór en valor a investigación, a docencia, o emprendemento e a innovación que promoven a redución da contaminación mariña e o impacto que isto ten no medio e, por tanto, na sociedade”.
O lugar de encontro foi o edificio Redeiras, emprazamento que, tal e como lembrou a vicerreitora, non podía ser máis acaído, xa que, por unha banda, recupera dúas casas mariñeiras tradicionais e, pola outra, a súa denominación é unha pequena homenaxe a todas aquelas mulleres que día a día se dedicaban a tecer as redes coas que se faenaba. Alí se reuniron máis de 60 participantes, aos que se engadiron outra trintena de persoas que seguiron as xornadas en liña a través de UVigoTv. Previamente, ás 07.00 horas da mañá, parte do grupo participara xa nunha visita á lonxa e porto pesqueiro de Vigo.
A presentación do proxecto Mares Circulares correu a cargo de María Troncoso, xestora de comunicación de Coca-Cola Europacific Partners Iberia, quen fixo fincapé en que esta iniciativa leva máis de tres anos involucrando a diferentes institucións e organizacións, tanto de España como de Portugal, co obxectivo común de reducir o impacto da actividade humana nas costas e pasar dunha produción lineal a unha circular. O máis urxente é, segundo explicou Troncoso, a recollida do lixo no mar, pero isto non é o único, trátase tamén de concienciar á sociedade para que recicle e de contribuír ao desenvolvemento de solucións ao problema da contaminación mariña, tanto apoiando estudos científicos que vaian nesta liña como starp-ups que promovan a economía circular.
“Todos os anos chegan aos nosos mares preto de 10 millóns de toneladas de lixo e se temos algo en común os que hoxe coincidimos nestas xornadas é a preocupación por esta cuestión”, explicou Troncoso, quen insistiu en que solucionar esta problemática é un dos grandes retos deste século. “Desde Coca Cola somos conscientes de que somos parte do problema, pero queremos ser tamén parte desa solución”, indicou a representante da empresa nas xornadas, quen admitiu que a aspiración de Coca Cola pasa por ser quen de reutilizar cada un dos envases que sae ao mercado.
O programa de conferencias arrancou coa participación de Rubén Rodríguez, de Asociación Vertidos Cero, que impartiu a conferencia Lixos Mariños, unha mirada desde o sector pesqueiro. A continuación, Antonio Castro, da Asociación Chelonia, centrouse na monitorización de lixos mariños en zonas costeiras. Este primeiro bloque de relatorios terminou coa intervención de dous representantes do Departamento de Sustentabilidade da Autoridade Portuaria de Vigo, que fixeron un pequeno esbozo da estratexia Blue Growth do Porto de Vigo.
O segundo bloque de relatorios arrancou coa intervención do catedrático de Ecoloxía da Universidade de Vigo Ricardo Beiras, quen trasladou aos asistentes unha análise do impacto da contaminación por plásticos na fauna mariña. Doutra banda, as profesoras da Área de Marketing e Organización de Empresas da UVigo Pilar Piñeiro e Ángeles Pariente analizaron a importancia do ensino do concepto de sustentabilidade e do mar como motor de procesos de innovación e emprendemento, respectivamente.
Como mostras de emprendemento e innovación xurdidas do mar, o tamén profesor da UVigo Julio Garrido presentou o proxecto de investigación Reutilización de plásticos para a obtención de recambios a bordo de barcos. O segundo bloque pechárono Mónica Figueroa (EnergyLab), que afondou na Revalorización dos residuos do mar para a extracción de enerxía, e Jose Ignacio Peleteiro (ECOPLAS Barbanza), gañador da última edición do concurso anual de Mares Circulares, quen presentou o proxecto Fabricación de envases biodegradables e compostables para os sectores pesqueiro, marisqueiro e acuícola.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL