A Real Academia Galega dedicaralle o Día das Letras Galegas 2023 a Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá, 1913 – Vigo, 2010). O pleno da institución, reunido hoxe en sesión ordinaria, acordou homenaxealo o vindeiro 17 de maio, cadrando coa celebración do sesenta aniversario do primeiro Día das Letras Galegas, do que foi inspirador, e os cento dez anos do seu nacemento.
Membro da nova xeración de intelectuais que lle deron continuidade ao ideario do Grupo Nós, Francisco Fernández del Riego foi un loitador cultural incansable que chegou a se converter nunha auténtica institución do país, respectado por todos e aberto ás diversas manifestacións do galeguismo. Foi unha das figuras centrais do galeguismo progresista e clave da resistencia no exilio interior durante o franquismo, cunha traxectoria polifacética e prolífica que abrangueu dende a política, a creación e crítica literaria á edición. A comezos dos anos 50 foi un dos fundadores da Editorial Galaxia, empresa que desempeñou un papel central na resistencia cultural de Galicia durante o franquismo, e na última etapa da vida presidiu a Real Academia Galega (1997-2001).
Francisco Fernández del Riego ingresou como membro de número da RAG no ano 1960. Tres anos despois, a institución dedicáballe a Rosalía de Castro, no centenario de Cantares Gallegos, o primeiro Día das Letras Galegas, unha proposta que, co apoio das sinaturas dos académicos Ferro Couselo e Gómez Román, presentara ao pleno aquel novo académico cheo de arelas renovadoras, que contaba xa cunha sólida historia de compromiso coa lingua e a cultura galegas e a modernidade. Demostrárao con claridade dende os seus anos de estudante en Santiago de Compostela durante a II República. Con só 20 anos, os seus compañeiros elixírano para pronunciar o discurso de representación do alumnado na inauguración oficial do curso 1933-1934, no que demandaba unha universidade foco de modernización e galeguización da sociedade.
Fóra das aulas, fora membro do Partido Galeguista, secretario xeral da Federación de Mocidades Galeguista e, posteriormente, parte do Seminario de Estudos Galegos. Na etapa compostelá comezou tamén a escribir nos xornais como articulista, redactou manifestos, pronunciou discursos e conferencias, participou na constitución de Galeuzca e integrouse dende o primeiro momento na comisión encargada de redactar o proxecto do Estatuto de Galicia. A súa actividade foi tal que Ramón Piñeiro chegou a cualificar a súa voz como “unha das manifestacións máis vibrantes do pensamento galeguista daqueles anos” .
Coma moitos outros compañeiros, Francisco Fernández del Riego sería pouco despois represaliado polos golpistas. Foi destituído como profesor de Dereito Civil da USC e tivo que abandonar Santiago de Compostela e instalarse en Vigo, onde era menos coñecido, e sobrevivir dando clases particulares. Despois dos anos máis escuros da posguerra, nos que mesmo tivo que ocultar o seu verdadeiro nome para gañar a vida, comezou de novo a escribir co pseudónimo de Salvador Lorenzana no xornal compostelán La Noche. Dende esta cabeceira, xunto a Ramón Otero Pedrayo, conseguiu que os temas sobre Galicia e a súa cultura acadasen cada vez unha maior presenza e proxección, atraendo canda eles plumas ata daquela caladas coma as de Florentino López Cuevillas, Valentín Paz Andrade, Vicente Risco, Ricardo Carballo Calero, Álvaro Cunqueiro e os irmáns Álvarez Blázquez.
Pero tan salientable ou máis foi o seu labor de ponte entre a Galicia do interior e a do alén mar. A súa correspondencia con Luís Seoane mostra como o seu talante aberto e dialogante, xunto coa súa autoridade intelectual e inquebrantable entusiasmo, conseguiron manter vivo un fío de entendemento entre eses dous xeitos de vivir a galeguidade. En América foi onde publicou tamén o seu primeiro libro, Cos ollos do noso esprito (Buenos Aires, 1949).
Na década dos 50 do século pasado participou moi activamente nos diferentes proxectos que procuraban a recuperación do proceso cultural de Galicia, nomeadamente na creación da Editorial Galaxia, da que foi secretario do consello de administración e máis tarde director xerente, e dende a que animou a novos escritores a crearen en galego. Foi tamén cofundador da revista Grial (1951) e da Fundación Penzol (1964), da que acabou sendo director ata o seu pasamento.
Cando os grupos nacionalistas e resistentes antifranquistas máis novos comezaron a manifestar o seu rexeitamento ás posicións do galeguismo histórico, Fernández del Riego foi, unha vez máis, o elo que tentou manter canles de diálogo e achegamento.
O seu nomeamento en 1997 como presidente da Real Academia Galega significou un cambio radical nas actividades desta institución, que se reactivaron significativamente e, sobre todo, se axeitaron aos novos tempos que estaban a vivir Galicia e o mundo.
A súa obra escrita, que tocou case todos os xéneros, foi inmensa, comezando polas súas colaboracións en practicamente todos os xornais de Galicia e nas revistas máis representativas do interior e da diáspora. Posiblemente o seu número, aínda sen catalogar, supere o milleiro de artigos.
Participou en numerosos libros, propios ou colectivos, nos que acotío asinaba cos pseudónimos Salvador Lorenzana, Cosme Barreiros, Adrián Solovio ou Adrián Soutelo. No eido do ensaio, case sempre sobre a produción literaria galega, asinou, entre outros títulos, Galicia no espello (Buenos Aires, 1954), Historia de la literatura gallega (Vigo, 1951), Escolma de poesía galega. Os contemporáneos (Vigo, 1955), Escolma de poesía galega. O século XIX (Vigo, 1957), Letras do noso tempo (Vigo, 1974), Diccionario de escritores galegos (Sada, 1990) ou Sinais dunha cultura (Pontevedra, 2003).
A literatura de viaxes é outro xénero que cultivou en volumes como As peregrinacións xacobeas (A Coruña, 1983), A pegada das viaxes (Vigo, 2000), Portugal norteño (Vigo, 2000), a serie Vigo, Pontevedra, Ourense e A Coruña, sentimental (Vigo, 2001-2003) e Lourenzá (2004). Escribiu, así mesmo, monografías sobre diversos autores da cultura galega, como A xeración Galaxia (Vigo, 1996), O señor da Casa Grande de Cima de Vila (Ourense, 1988), Antolín Faraldo, o gran soñador (Vigo, 1998), Con Pondal en Bergantiños (Sada, 2001) ou O Padre Sarmiento e Galicia (Vigo, 2002), e a novela O cego de Pumardedón (Vigo, 1992). Cun carácter autobiográfico, cómpre nomear O río do tempo. Unha historia vivida (Sada, 1990) e Camiño andado: memorias (Vigo, 2003).
A súa traxectoria foi recoñecida en vida con numerosas distincións, entre elas o nomeamento de doutor honoris causa da Universidade de Vigo, o Premio Trasalba, ou a Medalla Castelao.
Reivindican a "excelsa calidade" da obra de Ledicia Costas, "unha das máis lidas e premiadas do panorama literario galego
Josefa, que actuó con artistas como Manu Chao, Cristina Pato o Susana Seivane, fue una de las líderes del movimiento musical y cultural 'Bravú
Concibió a su hija como un proyecto para crear a la mujer del futuro, Hildegart, quien fue niña prodigio de la República
La cita busca consagrase como el mayor festival de cine de Vigo y uno de los pocos eventos dedicados al séptimo arte que existen en la ciudad
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL