O programa Xeración Docentes da Fundación Princesa de Girona selecciona anualmente a 30 universitarias e universitarios para que realicen durante catro meses as súas prácticas nunha escola rural de referencia de Aragón, Estremadura ou Galicia coa finalidade de que “se convertan en docentes transformadores, con capacidade para innovar e xerar solucións aos grandes retos educativos”. Entre as e os elixidos na súa última convocatoria, están tres estudantes da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense.
O alumnado que superou o proceso selectivo para acadar unha das prazas dispoñibles son as e os estudantes de terceiro curso do Grao en Educación Primaria Anahí Barros, Alba Álvarez e Juan Domínguez. “Estamos moi satisfeitos porque das 30 prazas que ofertaba o programa tres foron para os nosos estudantes, o que pon de manifesto que están ben formados e que teñen unhas boas habilidades para traballar de forma colaborativa”, comenta Mar García, coordinadora de prácticas da Facultade de Educación e Traballo Social xunto a Manola Raposo. Participar nesta iniciativa, subliña a profesora, permitirá ao alumnado beneficiario “traballar con outros estudantes de Educación Infantil e Primaria en comunidade de aprendizaxe, en estreita colaboración entre alumnado e profesorado de cara a producir melloras significativas na aprendizaxe”.
A mentora das e dos estudantes da UVigo que participan no programa é a profesora da facultade Isabel Mociño, que destaca que “é o segundo ano que participamos nesta convocatoria e estamos moi contentas cos resultados acadados”. A iniciativa, sinala, “é unha oportunidade moi interesante para o noso alumnado” que lle permite “coñecer outros futuros mestres e mestras como eles que están chamados a ser a renovación das escolas”. Do programa Xeración Docentes, a profesora subliña ademais aspectos como o feito de que “pon moito en valor o rural” e que permite ás e aos participantes “vivir unha experiencia de posta en común de competencias e de autocoñecemento”.
Anahí Barros é unha das tres beneficiarias da UVigo deste programa. Ela, explica, decidiu presentarse porque “pareceume interesante facer as prácticas nun centro rural”. Do ensino nun centro deste tipo, sinala, atráelle de xeito especial “a oportunidade de traballar con nenas e nenos de diferentes idades no mesmo grupo. Seméllase moito ao que eu xa vivín, porque estudei sempre debuxo e arte e traballei con xente de diferentes idades nunha mesma aula, para min é moi interesante ese ambiente”. Participar nesta iniciativa, engade a alumna, tamén lle permitirá “aproveitar mellor o curso” xa que os seus catro meses de prácticas completarán os seis que realizará o vindeiro curso académico a través da facultade. “Primeiro experimentarei a docencia nun centro urbano en Galicia e logo nun rural en Estremadura ou Aragón, podendo comparar a experiencia”, afirma.
Igualmente ilusionada con vivir esta experiencia está a alumna Alba Álvarez, outra das beneficiarias de Xeración Docentes. “Sempre me interesou moitísimo o que é saír fóra de Galicia e coñecer o rural, porque eu son do rural”, sinala a alumna. O programa, afirma, “supón unha oportunidade moi grande para aproveitar case todo o ano de prácticas, para formarme e para ter diferentes experiencias. Estamos os tres moi contentos”. Na súa opinión, “a educación no rural é un modo de vida totalmente distinto, que trae moitísima liberdade, onde podes traballar de moitas maneiras distintas, xuntando arte, literatura, música... é unha maneira máis orgánica de aprender e na que podes colaborar con moitas xentes diferentes”, motivo polo cal decidiu presentarse á convocatoria da Fundación Princesa de Girona.
Juan Domínguez é o terceiro dos beneficiarios do programa na UVigo. “Pedín esta bolsa porque quería traballar nun centro rural e tamén quería ter a experiencia de vivir noutra comunidade autónoma e ver como funcionaba o seu sistema educativo”, explica. O programa, subliña, permite facer prácticas en centros rurais “cunhas moi boas cualificacións a nivel da súa comunidade autónoma, centros que dalgún xeito son pioneiros ou de referencia en facer algún tipo de actividade educativa no rural”. Estes centros, engade, “teñen unha forma de traballar diferente e a min gustaríame ver como son capaces de desenvolver esta forma de ensino”.
As e os beneficiarios superaron diferentes etapas no proceso selectivo, desde un cuestionario e curriulum ata diferentes talleres nos que amosaron o seus coñecementos e unha entrevista final. As súas prácticas desenvolveranas durante catro meses a principios do segundo cuadrimestre do vindeiro curso académico, non coñecendo aínda o seu destino en Aragón ou Estremadura. Na súa estadía, o programa pretende pór en contacto ás e aos futuros docentes coa realidade dunha escola rural, “onde aprender de maneira activa, significativa e transversal nunha contorna que favorece a experimentación e a pedagoxía activa”. A experiencia, destácase desde a iniciativa, ofrece a oportunidade ás e aos participantes de coñecer a “docentes cunha profunda vocación, altamente motivados e con gran capacidade de xestionar situacións complexas ante o cambio social” e o “valor pedagóxico da aula multigrao e a heteroxeneidade do grupo, que facilitan a igualdade de oportunidades, a cooperación, o autocoñecemento e a inclusión”. Ademais, engaden, as e os estudantes seleccionados poderán coñecer da escola rural "a personalización da aprendizaxe, traballando da man das familias para potenciar o mellor de cada alumno, o clima familiar na aula que favorece a convivencia e o desenvolvemento da intelixencia emocional, ademais de crear comunidade e xerar impacto social” e os “espazos de aprendizaxe que van máis aló da aula e xeran oportunidades ao alumnado e ao profesorado para mellorar as súas competencias”.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL