Para o curso académico 2022/2023, a Universidade de Vigo oferta nos seus campus de Ourense, Pontevedra e Vigo en total 59 titulacións de grao e 65 de mestrado e un total de 5383 prazas de novo acceso (3626 de grao e 1757 de mestrado). As principais novidades son a posta en marcha de dúas novas titulacións de grao: Relacións Internacionais e Intelixencia Artificial, as dúas ubicadas no campus de Ourense. Igualmente, póñense en marcha na UVigo catro novos mestrados, en Enxeñería Biomédica; en Exercicio Terapéutico e Funcional en Fisioterapia; en Intelixencia Artificial e en Desafíos das Cidades.
Dado o protagonismo do campus de Ourense nesta ampliación, a oferta de prazas da institución académica para o curso 2022/2023 foi presentada este martes na cidade das Burgas, tendo como anfitrión á Deputación de Ourense. No acto, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, amosou a súa satisfacción pola posta en marcha das novas titulacións de grao nun campus que, indicou, “está a medrar dentro do Sistema Universitario Galego en gran parte polo pulo que están tendo moitas das novas titulacións que conseguimos que cheguen”. Neste senso, o reitor agradeceu “o apoio que sentimos continuamente” tanto desde a Deputación de Ourense como das demais administracións públicas para o seu “mellor desenvolvemento”. O responsable institucional tamén lembrou que agora mesmo estase abrindo de novo o mapa de titulacións e “ábrese para intentar traer para o Sistema Universitario Galego titulacións que se imparten en España pero non en Galicia” e neste senso amosou a súa confianza en traer para os diferentes campus da UVigo novas titulacións “atractivas para o estudantado e que permitan que os nosos campus sexan mellores”.
Pola súa banda, Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, recalcou o “orgullo” que supón para a provincia o feito de que o campus de Ourense “é dos sete campus galegos o que sigue mantendo unha liña ascendente” e felicitou á institución académica pola posta en marcha das novas titulacións. Trátase, indicou, de “importantes novas para o campus que son importantes novas para Ourense e para a súa provincia” e que “dan boa proba do traballo do reitorado, da comunidade docente e do estudantando, e por suposto das sinerxías que son capaces de pór en marcha co goberno provincial e con outras administracións”. Sobre os retos de futuro deste campus e as posibles necesidades de ampliación ante a chegada de novas titulacións, o responsable do órgano provincial recalcou que a Deputación de Ourense é un aliado da institución académica que “estará á altura das circunstancias”.
Natalia Caparrini, vicerreitora de Estudantando e Empregabilidade da UVigo, foi a encargada de explicar a oferta da institución académica para o vindeiro curso facendo especial fincapé nas novidades para o campus de Ourense, campus do que subliñou que “cubre de sobra as prazas ofertadas” cada ano. As novidades, apuntou, son a posta en marcha en setembro do Grao en Intelixencia Artificial, que se impartirá na Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense, onde se ofertarán 50 prazas. Trátase dunha titulación interuniversitaria no Sistema Universitario de Galicia, de catro cursos (240 ECTS), na que as materias dos dous primeiros cursos son comúns ás tres universidades (A Coruña, Santiago e Vigo) e en terceiro e cuarto na Universidade de Vigo impartirase a orientación en Sistemas de Información Intelixentes. O título de graduado ou graduada en Intelixencia Artificial quere proporcionar “a formación ampla, profunda e multidisciplinar que precisan os e as profesionais deste ámbito e que resulta imprescindible para construír con éxito os servizos e aplicacións intelixentes que están a ter un impacto tan relevante na sociedade actual a todos os niveis", tal e como recolle a memoria deste título.
A segunda das novidades é a posta en marcha do Grao en Relacións Internacionais e a conseguinte creación da súa Facultade de Relacións Internacionais, aprobada xa no Consello Galego de Universidades e pendente de aprobación polo Consello da Xunta. Titulación única no noroeste de España, ten carácter interuniversitario, sendo conxunta coa Universidade da Coruña, e oferta 22 prazas no campus de Ourense, onde terá a súa sede no Edificio Xurídico-Empresarial. Este grao persegue dotar ao seu alumnado dunha formación “integral e interdisciplinaria, con particular atención a actores e a temáticas de interese mundial como os desafíos que expón o cumprimento dos obxectivos de desenvolvemento sostible das Nacións Unidas, a cooperación para o desenvolvemento, o papel das grandes empresas multinacionais ou a xestión de proxectos e de plans de desenvolvemento de carácter público e privado”.
Ademais desta oferta de grao, na Universidade de Vigo poranse en marcha en 2022/2023 catro novos títulos de mestrado de diferentes características. Trátase de dous novos títulos en exclusiva: Enxeñería Biomédica (20 prazas), adscrito á Escola de Enxeñería Industrial do campus de Vigo, e Exercicio Terapéutico e Funcional en Fisioterapia (20 prazas), que se impartirá na Facultade de Fisioterapia do campus de Pontevedra. A estas titulacións cómpre engadir os mestrados interuniversitarios en Intelixencia Artificial, que ofertará as tres universidades galegas, con 20 prazas na Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense, e o Máster en Desafíos das Cidades, que compartirán UVigo, USC e UDC con tres universidades portuguesas no marco de UNISF: Universidade sen Fronteiras e que no caso da UVigo terá a súa sede na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL