5154 mozas e mozos iniciaron este martes os exames da ABAU 2022 (Avaliación de Bacharelato para Acceso á Universidade) nas catro comisións da Universidade de Vigo, situadas en facultades e escolas dos campus de Ourense, Pontevedra e Vigo, así como na localidade ourensá de A Rúa. O campus vigués, con 2712 estudantes rexistrados, é o que maior número de alumnos e alumnas de Bacharelato acolle ata o vindeiro xoves; seguido de Pontevedra con 1228, Ourense con 1110 e A Rúa con 104. “Na UVigo examinamos desde hoxe algo máis do 40% de estudantes de Galicia”, explica Luis Muñoz, delegado da Universidade de Vigo na Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) , que confirma, respecto do curso pasado, unha lixeira baixada no número de estudantes rexistrados para a realización de dos exames (5437). No global de Galicia o número de estudantes rexistrados que hoxe inician os seus exames, nunha decena de comisións, elévase a 12.845.
Logo da presentación, que se iniciou ás 9.00 horas, as probas comezaron ás 10.00 co exame de Historia de España, no que tiveron que elixir entre opcións como a Transición e a figura de Adolfo Suárez ou a crise da Restauración, e continuaron a mediodía con Lingua Castelá e Literatura, para seguir pola tarde coas probas de Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais e Fundamentos da Arte e rematar con Economía da empresa e Deseño. “Os modelos de exame son os mesmos que os da pandemia e seguirá sendo así o próximo ano. Seguramente mudarán para o 2024, cando se examine o alumnado que comeza o novo bacharelato en setembro deste ano”, confirma Luis Muñoz, que lembra que as probas estanse a realizar nas mesmas condicións que se utilizaron nas universidades para os exames de grao, “polo tanto elimináronse case todas as restricións dos anos 2020 e 2021”.
Nos tres campus da UVigo o número de facultades e escolas nos que se están a celebrar as probas ascende a 18 (9 en Vigo, 4 en Ourense e 3 en Pontevedra), aos que se engaden o IES Cosme López Rodríguez de A Rúa e o Colexio Santiago Apostol- ONCE de Pontevedra, onde se está a examinar o alumnado con discapacidade ou necesidades especiais. “Elimináronse dúas comisións, unha en Ourense (edificio do Campus da Auga) e outra en Pontevedra (pavillón polideportivo), mentres en Vigo mantense o mesmo número de comisións, aínda que con diferente distribución que o ano pasado”, confirma o delegado da UVigo na CIUG, que explica que a razón de utilizar todos os centros da Universidade de Vigo busca “tratar de repartir as molestias que poida causar a ABAU aos responsables académicos por coincidir co período de exames de grao”.
O campus de Vigo é, tras o da Coruña, a segunda comisión delegada de Galicia onde máis estudantes se examinan. Os 2721 alumnos e alumnas rexistrados para realizar as probas da ABAU están distribuídos por nove facultades e escolas do campus vigués, nas súas dúas sedes. “Este ano pérdese a comisión do pavillón universitario, pero hai dúas comisións en Torrecedeira, en vez da única que houbo o ano pasado. Deste xeito examinamos na cidade a máis de 550 estudantes de centros públicos de Vigo para que non suban ao campus”, detalla Muñoz.
Estreáronse con Historia, “para min a materia máis complicada”, explicaba Ana Charlotte Bartölke, alumna do IES Xelmirez, nada máis rematar o exame na Facultade de Filoloxía e Tradución. “Chegas con moitas dúbidas, con curiosidade por saber como é, un pouco nerviosa, pero, pasada esta primeira, proba teño que dicir que ben”. Elixiu o comentario sobre a crise da Restauración, “pareceume máis doado que o da Transición”, explica a alumna, quen agarda poder matricularse no Grao en Psicoloxía na UNED. Menos contenta saíu do exame Loredana González, do IES Ricardo Mella, a quen lle saíu ben a parte teórica, “na que elixín como tema a Guerra de Secesión, pero o comentario non tanto, xa que os dous temas eran do século XX, que eu apenas estudara”. No seu caso aínda non ten nada claro que titulación vai elixir, “gústame Ciencias da Educación, pero tamén Administración e Dirección de Empresas ou, incluso, Dereito”. Agardará, polo tanto, a coñecer a nota final para decidir a titulación. “O importante agora é que pasou o exame de Historia e que xa estou moito menos nerviosa que a primeira hora da mañá”, sorrí, tras admitir que tivo que tomar unha tila antes de saír da casa.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL