Que procesos inflúen en que algunhas especies vivan nunha parte determinada da Terra e non en outra? Débese a que as condicións non son axeitadas para vivir nese punto ou simplemente non foron quen de chegar alí? Unha investigación liderada pola USC, e na que participan investigadores da UVigo, do Museo Nacional de Ciencias Naturales de Madrid e do Natrual History Museum de Londres, achega luz a estas cuestións ao desenvolver una ferramenta de simulación de escenarios nos que comunidades de especies son sometidas a distintos graos de limitación no relativo á súa propia capacidade de dispersión, así como a diversas restricións ambientais.
O artigo publicado na revista Ecography expón unha metodoloxía coa que comparar eses escenarios simulados con datos reais e inferir, deste xeito, cal é a relevancia de cada un dos procesos. Dilucidar cal é o factor máis importante detrás das diferenzas entre comunidades biolóxicas resulta crucial para saber como responderá a biodiversidade ante o desafío global do cambio climático. O traballo foi liderado polo Laboratorio de Bioxeografía, en colaboración cun equipo internacional de persoal investigador no participan os investigadores do Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía do Cinbio da UVigo, David Posada e Miguel Arenas; do Museo Nacional de Ciencias Naturales de Madrid e do Natural History Museum de Londres.
“A diversidade biolóxica é un compoñente esencial para o correcto funcionamento dos ecosistemas e, en consecuencia, do planeta”, explican os autores do artigo que pertencen á USC, Andrés Baselga e Carola Gómez-Rodríguez. Para protexer a biodiversidade e, polo tanto, “asegurar o equilibrio dos nosos ecosistemas”, é necesario comprender os mecanismos responsables da existencia da devandita diversidade, engaden á hora de xustificar a relevancia desta investigación. Acadar este horizonte inclúe catalogar a biodiversidade, pero tamén entender por que as especies se distribúen da forma na que o fan. Entender os procesos que xeran a biodiversidade permitirá preservala “dunha maneira eficiente”, matizan, ante os riscos que emanan do cambio climático.
A biodiversidade non se distribúe de maneira uniforme no planeta. Diferentes lugares albergan diferentes especies e en diferente número, de forma que todos eses lugares contribúen de forma desigual á diversidade rexional ou global. As diferenzas entre as comunidades de especies de dous lugares é o que se denomina ‘diversidade beta’ e “vainos a proporcionar información moi importante para a toma de decisións de xestión e conservación da diversidade biolóxica”, explican os investigadores.
Se unha especie vive nun lugar, pero non noutro, a diferenza entre esas dúas comunidades, e, polo tanto, a ‘diversidade beta’, aumenta. Os dous factores principais que inciden en que diferentes especies vivan en lugares distintos son as limitacións á dispersión —a propia capacidade que teñan os organismos de moverse entre os dous lugares— e as restricións que supoña o ambiente para que as especies sexan ou non capaces de adaptarse ás condicións ambientais de cada un deses lugares —por exemplo, un pode ser máis frío que o outro—. Canto máis afastados están dous sitios, menos especies comparten. “O problema é que, canto máis afastados sexan estes lugares, as súas condicións ambientais serán tamén máis diferentes, polo que normalmente é difícil saber se as diferenzas nas comunidades biolóxicas se deben ás limitacións á dispersión ou ás restricións ambientais”, explican.
Os plans de manexo e xestión de espazos naturais baséanse na premisa de que, protexendo certas especies representativas, normalmente, animais vertebrados, estas van actuar como “paraugas” e contribuír á conservación doutras especies que se atopen no mesmo lugar. “Con todo, os vertebrados constitúen soamente unha pequena parte da biodiversidade total do planeta, fronte ao millón e medio de especies de invertebrados que existen aproximadamente. Os invertebrados proporcionan numerosos servizos ecosistémicos, que abarcan dende a polinización, o mantemento dos solos e a xestión de residuos, ata o control de pragas e, con todo, continúan sendo os grandes ausentes nos plans de xestión e conservación”, subliñan os investigadores. Por outra banda, as respostas dos invertebrados ás alteracións ambientais son moi diferentes ás dos vertebrados, polo que “extrapolar as conclusións que se deriven do estudo destes últimos a todo o conxunto da diversidade biolóxica resulta, cando menos, pouco realista”, matizan.
Neste senso, o Laboratorio de Bioxeografía da USC conta cunha traxectoria consolidada no desenvolvemento de novas metodoloxías de análises que axuden a unha mellor comprensión acerca dos procesos que determinan a estrutura espacial das comunidades e, polo tanto, á distribución da biodiversidade do planeta a diferentes escalas espaciais e temporais; enfocándose nunha gran variedade de organismos, máis alá dos vertebrados.
Unha das claves que permitiu atopar unha maneira efectiva de caracterizar a relevancia da limitación á dispersión ou as restricións ambientais foi a análise conxunta de como as variantes xenéticas e as especies se distribúen entre as comunidades biolóxicas de diferentes lugares.
A importancia dos resultados deste estudo radica no uso dos modelos de simulación como unha ferramenta de predición que vai permitir valorar de forma obxectiva cal dos dous factores , a capacidade de dispersión ou as restricións ambientais, ten máis relevancia á hora de explicar como cambian as comunidades ao longo dun gradiente espacial. A aplicación desta ferramenta a conxuntos de datos reais permitirá identificar que grupos biolóxicos, en rexións concretas do planeta, se verán máis afectados polos cambios ambientais, ben sexa porque respondan de forma directa aos mesmos, ou porque exista unha limitación á súa capacidade de dispersarse cara a lugares con condicións ambientais favorables.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL