Logo de ser consensuada coas universidades de Vigo, Santiago e Coruña, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades vén de rexistrar na aplicación informática do Ministerio de Universidades a proposta de oferta de prazas de novo ingreso en títulos oficiais de grao e mestrado para o vindeiro curso 2022-2023 para as universidades públicas galegas. A oferta, que será oficial unha vez que se ratifique formalmente por parte da Conferencia General de Política Universitaria nas próximas semanas, contempla a incorporación de seis novas titulacións, dous graos e catro másteres, ao catálogo de títulos da UVigo. No global do SUG, as tres universidades galegas incorporarán 13 novos títulos: tres de grao e 10 de máster, que sumados á actual oferta, elevan a 11.759 as prazas de grao (209 máis ca no actual curso) e en 5162 (26 menos que este ano académico) as de mestrado.
Cara o vindeiro curso a UVigo tamén engadirá como novidade, neste caso, á súa oferta de estudos propios, dependentes da Escola Aberta de Formación Permanente, o título de Experto en Tecnoloxías cuánticas da información, coordinado polo docente e investigador Marcos Curty e que se impartirá no segundo cuadrimestre. Pola súa banda, os, ata de agora cursos de especialista en Auditoría e Contabilidade e en Negocio Dixital, serán o vindeiro curso mestrados de formación permanente. O catálogo de estudos complétase con outros catro títulos de especialista que xa se estaban a impartir.
O campus de Ourense será o único da UVigo que o vindeiro curso estreará titulacións de grao, concretamente dúas interuniversitarias. Así, no caso do Grao en Intelixencia Artificial, que se impartirá na Escola Superior de Enxeñaría Informática, ofértanse un total de 150 prazas, a repartir a razón de 50 entre os campus de Ourense, Santiago e A Coruña. Pola súa banda, o Grao en Relacións Internacionais botará a andar con 45 prazas totais, das que 23 se impartirán no campus ourensán e as 22 restantes no de Ferrol. A Facultade de Relacións Internacionais do campus de Ourense comezaría a súa actividade no edificio Xurídico-Empresarial, para posteriormente localizarse nun inmoble propio, cedido ou construído.
“A UVigo poderá ofertar estudos que non había na comunidade autónoma e que cobren ámbitos nos que a sociedade demanda profesionais para acadar os retos dos vindeiros anos. É o caso da Intelixencia Artificial e das Relacións Internacionais, onde na Uvigo se vai ofertar a Mención en Xestión de proxectos e negocios internacionais, que son titulacións de ampla proxección”, destaca Alfonso Lago, que asumirá a Vicerreitoría de Profesorado, Docencia e Titulacións no novo equipo de goberno.
Pola contra, o vindeiro curso 2022-2023 non se poderán implantar na UVigo os graos en Deseño e en Enxeñaría de Automoción con mención dual, unha cuestión sobre a que Lago explica que “se fixo todo o posible para que se puideran impartir no curso 2022/23. Neste intre, os graos teñen o informe positivo da Xunta de Galicia e están subidos ao portal do Ministerio, polo que se espera que se reciba pronto o informe correspondente da ACSUG, así que se segue a traballar nos procedementos establecidos para que se poidan incorporar ao catálogo de títulos da Universidade de Vigo no curso 2023/24”.
A nova oferta de grao se completa no SUG coas 72 prazas de Xestión de Empresas Hostaleiras, que impartirá o Centro Superior de Hostelaría de Galicia, novo centro adscrito da USC.
No caso dos mestrados, a UVigo estreará o vindeiro curso dous novos títulos en exclusiva: Enxeñería Biomédica (20 prazas), adscrito á Escola de Enxeñería Industrial, e Exercicio Terapéutico e Funcional en Fisioterapia (20 prazas), que se impartirá na Facultade de Fisioterapia. A estas titulacións cómpre engadir os títulos interuniversitarios en Intelixencia Artificial, que ofertarán as tres universidades con 60 prazas e o Máster en Desafíos das Cidades, que compartirán UVigo, USC e UDC con tres universidades portuguesas.
“O mestrado en Enxeñaría Biomédica vén complementar o grao que se implantou no curso 2018/19 e conta coa colaboración do Servizo Galego de Saúde e, en particular, coa participación do persoal da Área Sanitaria de Vigo. Respecto, ao mestrado Universitario en Exercicio Terapéutico e Funcional en Fisioterapia será o primeiro na universidade no ámbito de Ciencias da Saúde e contará coa participación de importantes expertos”, detalla Lago, que tamén destaca o comezo do primeiro mestrado interuniversitario UNISF (Universidades Sen Fronteiras) de Desafío nas Cidades, onde ademais das tres universidades do SUG, participan a Universidade do Minho, Universidade de Porto e Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro.
No caso da UVigo o vindeiro curso non se poderán poñer en marcha os mestrados en Enxeñaría Aeronáutica e en Ensinanza do Español como lingua estranxeira ou segunda lingua. “Neste caso tamén se segue a traballar nos procedementos establecidos para que se poidan incorporar ao catálogo de títulos da Universidade de Vigo no curso 2023/24.”, apunta Lago.
No resto de universidades do SUG, a USC sumará á súa oferta actual os mestrados en Dereito Transnacional da Empresa e das Tecnoloxía (en colaboración cunha universidade lusa); o Máster en Enxeñaría Ambiental e o Máster en Goberno Local e Políticas Públicas Innovadoras. Mentres, a UDC incorpora os mestrados en Eficiencia Enerxética e Sustentabilidade; en Estudos Avanzados sobre a Linguaxe, a Comunicación e as súas Patoloxías e en Métodos en Investigación e Análise Social.
Cara o vindeiro curso, a Escola Aberta de Formación Permanente renova a súa oferta co título de experto en Tecnoloxías cuánticas da información, coordinado polo docente e investigador Marcos Curty e que se impartirá no segundo cuadrimestre. Pola súa banda, os, ata de agora cursos de especialista en Auditoría e Contabilidade e en Negocio Dixital, pasarán a impartirse o vindeiro curso como mestrados de formación permanente. O catálogo de estudos complétase con outros catro títulos de especialista que xa se estaban a impartir: especialista en Ciberseguridade industrial; en Dereito laboral e seguridade social; en Electrónica para compoñentes de automoción e en Tradución para a industria do videoxogo.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL