Investigadores e investigadoras das tres universidades galegas (USC, UVigo e UDC), liderados por Sebastián Villasante (CRETUS-USC) e coa colaboración das confrarías de Cambados, Redondela e a Lonxa de Campelo, analizan, nun estudo que acaba de ser publicado en Frontiers of Marine Science, os impactos do cambio climático sobre a vulnerabilidade socioeconómica do marisqueo nas rías galegas, e as posibles adaptacións a eles, desde unha perspectiva social. O artigo, Resilience and social adaptations to climate change impact in small-scale fisheries, parte dos resultados do proxecto Marisco, coordinado pola docente e investigadora do CIM UVigo Elsa Vázquez da Universidade de Vigo, e financiado polo Programa Estatal de I+D+i Orientada aos Retos da Sociedade do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.
O traballo axuda, segundo os seus autores, a encher, en parte, o baleiro de investigación sobre a compoñente socio-económica das ameazas que os efectos do cambio global poden xerar nas pesqueiras a pequena escala e as comunidades que viven delas, tanto en Galicia como nas outras partes do mundo que afrontan desafíos semellantes. Tomando como exemplo tres áreas de marisqueo relevantes para a produción en Galicia (Cambados, Campelo-Poio e Redondela), nas que se realizaron entrevistas a preto de 250 mariscadoras e mariscadores (o 92% eran mulleres), o artigo achega, segundo Villasante, “unha nova evidencia empírica sobre as estratexias de adaptación social desenvolvidas por mariscadoras e as súas familias en Galicia. Os estudos de caso, como os presentados aquí, son esenciais para construír a resiliencia e a adaptación colectiva para conter os impactos do cambio climático”.
Na costa atlántica de Europa, os efectos do cambio climático manifestaranse, segundo as estimacións científicas, en vagas de calor cada vez máis frecuentes e intensas ou precipitacións extremas que modificaran a salinidade das augas das rías. Isto provocará, segundo a docente e investigadora do CIM UVigo Celia Olabarría, efectos que levarán á perda de biodiversidade mariña e alteración dos ecosistemas. A costa galega, especialmente as Rías Baixas, destaca por acoller unha das pesqueiras de bivalvos máis importante de Europa en termos de capturas e emprego, así como pola súa gran relevancia socio-económica na contorna. Especies como as ameixas babosa, fina e xaponesa ou o berberecho son algunhas das máis notables nesta actividade. Porén, a actividade está exposta a importantes variacións espazo-temporais nas capturas por mor das flutuacións nas condicións medioambientais causadas polos cambios de temperatura ou salinidade.
Segundo os estudos que se realizaron ao abeiro do proxecto Marisco, os efectos do cambio climático poden aumentar o estrés nestes ecosistemas e levar aos límites da tolerancia a estas especies en factores como a reprodución e o crecemento. Isto xeraría problemas de recrutamento ou retrasos no tempo requirido para obter tallas comerciais, co conseguinte descenso de abundancia destas especies. Ademais, o aumento do nivel do mar podería causar o asolagamento dalgúns leitos intermareais, e as vagas de calor extrema no verán afectarán tamén ás condicións laborais das mariscadoras.
Neste contexto, o equipo autor do traballou analizou a capacidade das comunidades pesqueiras para adaptarse aos escenarios de cambio global, adaptacións que se definen como os procesos de axuste que teñen por obxectivo moderar o dano ou aproveitar as posibles oportunidades de beneficio que xorden ante estes impactos. Segundo os e as asinantes, “comprender os factores implicados na vulnerabilidade e a resiliencia, tendo en conta os aspectos sociais para a sustentabilidade das pesqueiras artesanais, axudaría á comunidade científica e aos decisores políticos a minimizar as causas subxacentes desta vulnerabilidade social para afrontar as crises e os impactos socioecolóxicos”.
Entre outros resultados, o traballo demostra que unha menor experiencia na actividade e un menor compromiso na participación das agrupacións marisqueiras tenden a incrementar os riscos de vulnerabilidade económica, o que pon sobre a mesa a necesidade de medidas correctoras fronte a estas cuestións. O artigo tamén advirte que o sector está afrontando a ausencia dun relevo xeracional para traballar no marisqueo e asegurar non só beneficios, traballo e presenza de poboación nova en comunidades costeiras, senón tamén para reter o coñecemento tradicional e memoria socio-ecolóxica de prácticas asociadas, experiencia e valores culturais.
Esta elevada vulnerabilidade nas persoas con menor experiencia pode disuadir á xente máis nova de incorporarse ao sector, polo que o estudo recomenda que as administracións deben dar prioridade os incentivos económicos cara á incorporación de xente nova para manter o sector vivo e fixar poboación nestas áreas costeiras. Deste xeito, os e as asinantes destacan que a non adaptación a este novo escenario “pode afectar a produtividade económica do sector e levar á sobreexplotación e perda de recursos, con consecuencias posiblemente graves para as familias”.
Con todo, os resultados tamén amosan que o sector marisqueiro en Galicia xa desenvolveu un amplo rango de estratexias de adaptación, como son a colleita de especies de alto valor comercial e de maior abundancia nos bancos marisqueiros. As mariscadoras tamén se adaptaron á situación reducindo os gastos domésticos e complementando os ingresos con outros traballos formais e informais para compensar as perdas económicas. Baseándose nestas accións, o traballo recomenda poñer o foco en aspectos clave como a mellora das relacións sociais dentro das agrupacións, fomentar unha maior conciencia sobre as ameazas do cambio climático, o impulso de novas habilidades e a participación do sector nos plans de adaptación e resiliencia.
O equipo manifesta a vontade de que “a investigación que levamos a cabo poida guiar estudos futuros e recomendacións de políticas públicas para o desenvolvemento do sector”, instando a que “as futuras orientacións para a xestión destas pesqueiras deberían implicar activamente ao sector marisqueiro, incluíndo os seus coñecementos tradicionais e locais”. “Esta inclusión”, conclúen, “axudaría a desenvolver políticas máis eficaces, xa que incorporaría a comprensión das estratexias de adaptación social local”.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL