Cunha estética inspirada no disco El Madrileño de C. Tangana e coa posta en valor do talento do alumnado como eixo de campaña, a formación El Publicista converteuse neste 2022 na gañadora das eleccións ás que cada curso concorren catro partidos creados polo alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Inserido nas actividades da materia Técnicas de comunicación electoral e institucional, do Grao en Publicidade e Relacións Públicas, a iniciativa que desde hai máis dunha década promove o profesor Xosé Rúas ten como obxectivo que o alumnado poña en práctica os coñecementos adquiridos sobre estratexias de campaña e comunicación política nunha contenda electoral que decide unha parte da nota final da materia. Tras dúas semanas de campaña, este xoves tivo lugar unha votación, aberta a todo o alumnado e persoal da facultade coa excepción do estudantado da materia, na que participaron un total de 173 persoas. Con 79 votos, El Publicista proclamouse gañador destes comicios, nos que a formación Patrones rematou segunda, con 79, mentres que os partidos Pasión de Facultades e Polítiko obtiveron 21 e 17 apoios, respectivamente.
“Foi toda unha aprendizaxe, tanto a nivel académico como persoal”, recoñece Óscar Domínguez, candidato do partido gañador, dunha “actividade moi intensa”, da que destaca o “gratificante” de ver como “tras suores e nervios, todo o esforzo daba os seus froitos”. Iniciada o 2 de maio coa pegada de carteis, a campaña comprendeu iniciativas como un debate entre candidatos, con bloques temáticos pactados previamente e tempos taxados, xunto coas diferentes iniciativas que cada partido ía desenvolvendo nos postos que instalaron na planta baixa do centro e que foron desde o reparto de comida á organización de xogos ou sorteos. “Foi unha campaña moi correcta, sen ruído”, salienta Rúas dunha iniciativa “que todos os anos crea grande expectación entre o alumnado e que lles permite gozar aprendendo cun xogo de rol”.
Tomando como fonte de inspiración a estética de El Madrileño, o partido gañador destas eleccións centrou a súa campaña no “recoñecemento do traballo e do talento” do alumnado de Publicidade e RRPP, como explica Domínguez. De aí que, entre as actividades que levaron a cabo nestes días figurasen iniciativas como “promocionar perfís de alumnos que levasen a cabo un proxecto artístico que quixesen mostrar o mundo ou escoller pemes locais como patrocinadores, para apoiar e visibilizar o seu traballo”.
“Centramos a nosa campaña en dar solucións a problemas reais”, sinala Alejandro Fernández, candidato de Patrones, partido que tiña como obxectivo contribuír á “mellora da comunicación interna entre decanato, profesorado e alumnado”. Con esa idea, levaron a cabo iniciativas como xogos de preguntas sobre a facultade ou unha “busca do tesouro” que cada día dedicaban a un profesor, escondendo no centro un “obxecto identificativo” dese docente e outorgando un premio a quen atopase.
Cunha estética inspirada na serie Pasión de Gavilanes e coa “unión e a cooperación” como eixo de campaña, Pasión de Facultades levou a cabo diferentes iniciativas dirixidas a fomentar a convivencia no centro, como explica a súa candidata, Clara Medina. Entre elas, un coloquio con alumnas que participaron no programa Erasmus+, dirixida a “facilitar a información necesaria a todos aqueles que están interesados no tema” ou a realización dun cuestionario que permitiu pór en contacto aos estudantes “máis afíns”.
Por último, coa “lei do mínimo esforzo” como lema, o partido Polítiko tiña como idea central “velar pola saúde tanto física como mental do alumnado”, como explica o seu candidato, Diego Sáenz. De aí que tratasen de converter o seu posto, coa colocación un sofá, nun espazo “onde relaxarse e sentirse cómodos”, ao que sumaron iniciativas como xogos ou o reparto de agasallos como unha matrícula nunha autoescola.
“O mellor que nos levamos é o orgullo de ter feito un bo traballo en equipo”, recoñece Óscar Domínguez dunha campaña que Alejandro Fernández define como “un xogo de rol que axuda tamén a fomentar a cooperación entre os membros do partido”. Ao mesmo tempo, como engade Clara Medina, esta actividade permitiulles “aplicar todos os coñecementos adquiridos durante estes anos de carreira” nunha “experiencia real”, que ademais se desenvolveu “nun ambiente de cooperación entre todos os alumnos”; idea na que tamén insiste Diego Sáenz, que destaca que “a actividade conseguiu que nos coñecésemos entre todos un pouco mellor”, á vez que recoñece como o máis positivo dunha iniciativa que resultou tamén “esgotadora”, o feito de “ter traballado cóbado con cóbado cos meus compañeiros”.
Los operarios apuran la instalación de los elementos que forman el idílico mercado la Navidad de Vigo, el Cíes Market
Ningún secreto se guarda mejor en Vigo que la fecha del encendido de las luces de Navidad. ¿Cuándo será?
Caballero anuncia que ya comenzó la tramitación urbanística de un ámbito que incluirá zonas verdes y una plaza pública
¿Tienes un negocio en Vigo y te apasiona la Navidad? Puedes participar en este concurso para sorprender a tus clientes y llevarte un gran premio
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL