Visualizar especies singulares de diferentes ecosistemas. Detectar manipulacións nas imaxes. Descubrir como evoluciona o cerebro e as súas neuronas. Achegarse e imitar as pinturas rupestres. Aprender cuestións relacionadas coa economía, a sociedade e o medio ambiente. Subtitular un vídeo. Estas son só algunhas das actividades nas que ata última hora da tarde deste venres poderán participar todos os nenos e nenas, mozos e mozas, así como as súas familias, na feira científica A ciencia que vén ten nome de muller. Organizada pola Unidade de Cultura Científica da Universidade de Vigo, con financiamento da Deputación de Pontevedra e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) - Ministerio de Ciencia y Tecnología- e a colaboración do Concello de Vigo, a feira achega a través dunha ducia de postos ubicados nunha carpa situada na praza do Berbés, o traballo que desenvolve o persoal investigador da UVigo, nomeadamente as mulleres, co obxectivo de espertar vocacións científicas, en especial entre as nenas e as mozas.
Uns 80 estudantes de 5ºe 6º de Primaria do CEIP Frián de Teis foron os primeiros en descubrir este mediodía os 12 postos da feira, dos que nove corresponden a grupos de investigación da UVigo; un á Unidade de Igualdade, no que se amosan diferentes xogos e actividades vinculados á muller na cienci; e outros dous informativos sobre a Deputación de Pontevedra e a propia Universidade de Vigo. Durante dúas horas, as es os estudantes convertéronse en detectives de imaxes da man das e dos investigadores do Grupo de Procesado de Sinal en Comunicacións do Centro atlanTTic; responderon ás preguntas que sobre economía e sociedade lles formularon os integrantes de Ecobas; descubriron a evolución do cerebro e o seu funcionamento e puideron extraer o ADN do plátano, cos grupos de Neurofisioloxía e Xenómica; aprenderon como se pintaba na prehistoria co grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio; descubriron propiedades da linguaxe e a comunicación co Grupo de Investigación en Lingua Española e Linguas Signadas; manipularon os recursos minerais co Grupo de Xestión Segura e Sostible de Recursos Mineiros e familiarizáronse con especies mariñas e terrestres cos grupos de Oceanografía Biolóxica e Bioloxía Ambiental.
Esta tarde, ata as 20:00 horas a feira estará aberta ao público en xeral que queira achegarse á ciencia dun xeito lúdico.
O reitor da UVigo e a presidenta da Deputación de Pontevedra foron os encargados este mediodía de inaugurar a feira, e ambos coincidiron á hora de poñer en valor o traballo que desenvolven as mulleres nos ámbitos científico e tecnolóxico, así como na necesidade de incrementar o número de mozas que se matriculan nestes estudos universitarios.
Manuel Reigosa destacou o compromiso da UVigo con levar a ciencia ás rúas, como un xeito de estar máis presente na sociedade na que se insire. O reitor da UVigo sinalou a ciencia como un posibilidade de futuro profesional e animou ás mulleres a que “non deixen as ciencias fóra das súas carreiras”, ao tempo que afirmou que “o talento feminino pode agromar na UVigo e en calquera universidade”.
Pola súa banda, Carmela Silva felicitou á UVigo “por sacar a ciencia á rúa” e lamentou a escasa representación feminina nas carreiras científicas, así como nas direccións dos grupos de investigación. “É fundamental poñer o foco para alertar da inxustiza e animar ás mulleres a que sexan científicas”, dixo a presidenta da Deputación de Pontevedra.
A ciencia que vén ten nome de muller está organizada ao abeiro do programa Ciencia de ida e volta, o plan anual de actividades para o curso 2021/2022 da Unidade de Cultura Científica da Universidade de Vigo, ao abeiro do que xa se levaron a cabo actividades como a exposición itinerante 100 lunas cuadradas, un concurso de vídeos científicos, diferentes iniciativas organizadas co gallo do 11F, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia... Por diante quedan múltiples eventos, entre eles, algúns cos que celebrar datas coma o Día Mundial da Saúde, o 7 de abril, ou o Día Mundial dos Océanos, o 8 de xuño.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL