As medidas de control nutricional diminúen o risco de complicacións e aumentan a seguridade do paciente que vai ser sometido a unha cirurxía por cancro colorrectal, un dos máis comúns e cuxa incidencia vai en aumento. Así o conclúe a cirurxiá da Unidade de Coloproctoloxía do Hospital de Montecelo e investigadora da Universidade de Vigo Erica Barreiro na súa tese de doutoramento, unha investigación na que se achegan evidencias sólidas para recomendar que o diagnóstico e soporte nutricional sexan incorporados á práctica clínica habitual das unidades de coloproctoloxía.
O estudo, dirixido polo profesor Federico Mallo, responsable do Laboratorio de Endocrinoloxía do Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo, e a doutora Raquel Sánchez, presidenta da Sociedade Española de Cirurxía Bariátrica e Enfermidades Metabólicas e xefa de servizo no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, pon de manifesto que, a pesar das recomendacións da maioría das sociedades científicas, a avaliación nutricional dos pacientes que van ser sometidos a este tipo de cirurxía aínda non está implantada na práctica clínica diaria de moitos servizos cirúrxicos, pese a que é unha estratexia que se demostrou moi positiva e debería xa formar parte da práctica clínica habitual.
“Canto antes detectemos a desnutrición antes poderemos intervir sobre a mesma e preparar ao noso paciente de cara a cirurxía, conseguindo así mellores resultados”, explica a autora da tese, ao que engade que, ademais, “si como é o noso caso”, que traballan nunha unidade de coloproctoloxía, o perfil máis frecuente é o paciente oncolóxico, un grupo con maior risco de deficiencias nutricionais, “aínda se fai máis necesario contar con información continuada sobre o seu estado nutricional, o que terá repercusión non só nos resultados tras a intervención cirúrxica, senón nos efectos secundarios e na eficacia de tratamentos como a quimioterapia e radioterapia”, recalca Barreiro.
O estudo partiu da hipótese de que a desnutrición afecta ás persoas que van ser sometidas a cirurxía por cancro colorrectal. “O paciente malnutrido ten un maior risco de presentar complicacións infecciosas, mala cicatrización das feridas e, en xeral, unha peor evolución que o paciente cun estado nutricional correcto”, salienta a investigadora, facendo así fincapé na importancia de identificar desde a consulta, “mediante un cribado nutricional”, aos pacientes en risco de desnutrición, así como facer un seguimento nutricional estreito durante o posoperatorio.
Analizáronse en total 382 pacientes sometidos a este tipo de intervención e demostraron, por unha banda, que a cirurxía supón un grande estrés para o organismo, afectando negativamente ao estado nutricional e, pola outra, que os pacientes que chegan á cirurxía cun estado nutricional deteriorado presentan máis complicacións e unha peor evolución posoperatoria.
Baseándose no Índice de Masa Corporal observouse que moi poucos pacientes chegaron á consulta con cifras de baixo peso e só catro casos presentaron un IMC por debaixo de 18,5 Kg/m2 e, por tanto, estaban en risco de desnutrición. De feito, algo máis da metade dos pacientes presentaba sobrepeso e un 34,6% -132 casos- un IMC superior a 30, situándose no rango de obesidade. “Pero a desnutrición non pode avaliarse só tendo en conta o IMC, senón que debemos avaliala conxuntamente con diferentes indicadores”, salienta a facultativa, quen explica que os parámetros analíticos máis recomendados para avaliar a desnutrición son a albumina, transferrina e prealbumina, que se atopan en menor concentración nos pacientes desnutridos.
Considerando os distintos factores de risco de desnutrición, puido comprobarse que 242 pacientes tiñan alterado algún dos indicadores de risco, o que supón un 43,2% dos pacientes. “Isto demostra que é unha falsa crenza que os pacientes con cancro colorrectal , ao non presentar un adelgazamento evidente como o que se observa en pacientes con cancro de páncreas ou estómago, non están desnutridos”, apunta a autora da tese, ao que engade que tamén se observou que a cardiopatía e a idade –sobre todo maior de 75 anos- son factores de risco de presentar desnutrición, mentres que a diabetes resultou ser un factor protector.
Respecto á valoración do efecto da cirurxía, puido comprobarse o impacto negativo da intervención sobre o estado nutricional, “polo que é importante corrixir a desnutrición antes da intervención, pero tamén avaliala e corrixila despois da mesma”. Nesta liña, Barreiro destaca que “canto máis desnutrido está o paciente no preoperatorio máis risco ten de estalo no posoperatorio”.
Dada a relevancia desta cuestión a investigación incluíu a valoración do emprego de suplementos de inmunonutrición, que achegan ácidos graxos omega 3, nucleótidos, arxinina... e que teñen importantes funcións á hora de mellorar a inmunidade e o proceso de cicatrización. Finalmente, ao analizar as complicacións en función de si o paciente recibiu ou non este tipo de achega, constatouse de xeito claro que os pacientes suplementados tiveron menos complicacións e, en consecuencias, as súas estancias hospitalarias foron en xeral máis curtas. “O emprego deste tipo de suplementos deu excelentes resultados e é algo que xa se empeza a recomendar tamén nas últimas guías RICA de Recuperación intensificada en cirurxía abdominal”, subliña a doutora.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL