A pandemia impediu que o gran derbi de Entroido do sur da provincia de Pontevedra non se celebrara por vez primeira en décadas. Superou todas as adversidades imaxinables, incluída a ditadura franquista, pero a covid-19 impediu que o espírito satírico e festivo do enfrontamento entre A Feira e Castro Barreiro saíra ás rúas como de costume en 2021. Pero foi soamente unha pedra no camiño. Unha pausa para retomar as forzas. Este 2022, ambos os dous barrios de Salceda regresarán con "máis gañas que nunca" para encher de alegría, música e tamén moita mala uva as rúas do pobo nunha cita que se remonta canda menos ao ano 1888 e que quere ademais lograr a declaración de festa de interese turístico.
"É a nosa cita máis importante e o que nos diferencia do resto de entroidos de Galicia, o enfrontamento entre dous barrios pequenos da mesma parroquia que preparan co seu maior esforzo o mellor Entroido do mundo", resumiu este martes o concelleiro de Cultura, Álex Rodríguez Canosa, nunha rolda de prensa de presentación da programación na que un sentimento de vitoria medraba na sala á vez que se anunciaba o regreso da cita. Como de costume, ningún dos barrios adianta nada sobre como será a súa proposta para un desfile que acolle a centos de persoas e que se celebra ao aire libre entre cada un dos barrios e o centro da vila.
A loita entre A Feira e Castro Barreiro será, como de costume, o martes 1 de marzo ás 17:00 horas na Praza do Concello. Despois, irán cara o cruceiro de Fontedapedra. "Para a maioría do barrio é a mellor festa do ano, o único que non houbo o pasamos mal, todo o mundo tiña ganas de festa", explica un dos representantes de Castro Barreiro, Javier Martínez. "Había moitas ganas de Entroido", coincide unha veciña da Feira, Tere Acuña.
Unha das características deste particular desfile é que non se trata dun conxunto de comparsas que camiñan con maior ou menor ritmo polas rúas da vila. Neste Entroido todo é unha liorta entre dous barrios que aproveitan cada intre para intentar deixar mal ao outro. Os altofalantes de cada comparsa non dubidan en lembrar ao público o "mal" que o fixo o barrio oposto. En calquera caso, "hai unha rivalidade moi grande, pero sa", apuran a corrixir dende un dos barrios para asegurar que "dende fóra parece moi dura pero cando imos de volta e chegamos ao cruceiro saudámonos e dámonos un abrazo, felicitándonos".
O Entroido salcedense regresa pois coa súa proposta máis espectacular, pero non de forma completa. Nesta ocasión, ambos barrios decidiron non celebrar a gran festa verbeneira que habitualmente ten lugar despois do desfile e que, por motivos sanitarios, decidiuse non programar este ano. En calquera caso, o enfrontamento regresa por todo o alto como "unha cita que non podíamos deixar", recoñece a rexedora local, Verónica Tourón, que explica que "ao baixar o índice de contaxios non dubidamos en poñela en marcha de novo".
Máis alá do enfrontamento, Salceda vive o Entroido durante varias xornadas. Contará tamén con obradoiros para a cativada o sábado 26 durante boa parte da tarde na Praza do Concello e o concerto da Banda Cultural de Salceda no CEP Altamira ás 17:00 horas. O domingo comezará co rancho de Entroido da Feira acompañado dos Cabaleiros con cita ás 12:00 no Parque Raíña Aragonta, ás 12:30 horas na Praza da Devesa e ás 13:00 na Praza do Concello. Pola tarde será o momento do desfile de carrozas e comparsas que celebra a súa 23 edición. Arrancará na Praza da Devesa e finalizará no Concello.
O Entroido pecharase o martes 1 de marzo co enfrontamento entre A Feira e Castro Barreiro, coa previsión de presentar as carrozas e comparsas ás 17:00 horas na Praza do Concello. Será ademais unha cita especial. Este xoves o Goberno local espera aprobar, co apoio da oposición, a memoria para a solicitude de declaración do Entroido de Salceda como Festa de Interese Turístico de Galicia tras "un ano traballando na recopilación de imaxes e achegas dos veciños". Así, o Entroido de Salceda está máis vivo que nunca.
Una ruta nocturna por las calles del conjunto histórico de Tui llega con misterio, sorpresas y muchos sustos
Los vecinos de Vigo se han encontrado estos días con una propuesta de ocio que amenaza con brillar más que las luces. de Navidad ¡Es esta!
Una exposición de calacús, túnel del terror para todas las edades y música para celebrar un terrorífico Samaín en Porriño
Llega el tiempo de comer cocido y A Cañiza ya pone fecha para disfrutar de este plato típico de la gastronomía gallega en estos ocho locales
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL