Ao abeiro dun convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo e a Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, a Escola de Enxeñaría Forestal coordinou un “proceso participativo pioneiro”, como o define o seu director, Juan Picos, que tiña como obxectivo a definición dunhas directrices que servirán de punto de partida para a elaboración do futuro anteproxecto de lei de loita integral contra os incendios forestais de Galicia. Baseado nas opinións de preto de 200 especialistas e profesionais, este documento presentouse este martes nunha reunión telemática do Consello Forestal de Galicia. “A tendencia que nos estamos enfrontando, tanto polo abandono das terras como polo cambio climático, é a incendios cada vez máis complicados”, salienta Picos, secretario da unidade mixta de investigación creada ao abeiro deste convenio, o que motiva que as directrices presentadas nesta xornada poñan o foco “no concepto de loita integral”, que abranga tamén a preparación e anticipación, así como a restauración dos terreos afectados polos lumes e “a incorporación de aspectos técnicos e científicos ao operativo” que permitan facer fronte de forma máis eficaz “á evolución da tipoloxía de incendios forestais”.
O director da EE Forestal e o coordinador científico desta unidade, o ex-director do Departamento de Incendios de Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán e ex-profesor da escola, José Antonio Vega, foron os responsables de presentar un documento que se basea nos resultados enquisas realizadas a máis de 200 axentes do sector. A reunión contou coa participación, de forma telemática, do conselleiro do Medio Rural, José González, así como dos directores xerais de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e desde a Consellería púxose de relevo o “amplo consenso” acadado, tanto co servizo de prevención como coas universidades, para a elaboración dunhas directrices que servirán como paso previo ao inicio da tramitación da lei, que desde o Goberno galego agardan poida aprobarse neste 2022.
“Unha das propostas que facemos é ir máis aló da prevención e da defensa”, sinala Picos, que incide en como, nesa idea da "loita integral", estas directrices afondan en aspectos, “que teñen que ver coa restauración dos solos despois dos incendios, coa preparación técnica do persoal” dos operativos e que afondan na idea de prevención dunha maneira “mais integral”. Nese senso, as directrices baséanse nos principios de xestión integral da paisaxe forestal e rural, sustentabilidade do territorio, corresponsabilidade, adaptación e mitigación e seguridade operativa e inciden en que o obxectivo xeral da lei debería ser “reducir os impactos e a vulnerabilidade ante os efectos sociais, económicos e ambientais dos incendios forestais en Galicia”. Isto, como recolle o documento, implica “xestionar o territorio rural para mellorar a súa resiliencia”; reducir o risco de incendios a través da adaptación dos ecosistemas e a preparación da sociedade para cando poidan ocorrer; adaptar o sistema de defensa “aos novos escenarios”; afondar no coñecemento dos lumes e da súa influencia nos ecosistemas e “fomentar a participación e concienciación da sociedade”.
Como informou a Xunta, entre outros principios, as directrices establecen a distribución competencial na loita contra o lume e fundamentan que o “sistema galego de loita integral contra os incendios” estea baseado nunha “estrutura profesionalizada, composta principalmente por persoal propio da Consellería do Medio Rural, complementado con novas brigadas municipais tamén profesionais, cun mecanismo de selección uniforme a nivel autonómico e cun tempo de contratación mínima de seis meses”. Un dos aspectos, como sinala Picos, nos que pon o foco este documento é na “tecnificación do dispositivo”, incluíndo propostas como a “creación dunha unidade de análise que dea soporte aos directores de extinción”, proporcionando información no momento da emerxencia sobre as previsións que, co apoio das novas tecnoloxías, poidan realizarse sobre o comportamento do lume. Así mesmo, sinálase tamén a necesidade de configurar equipos especializados para a intervención nos grandes incendios e na súa posterior análise.
En materia de prevención, as directrices poñen o foco en diferentes medidas que contribúan “reducir, ben a propagación dos lumes, ben a súa intensidade”, como sinala Picos. De acordo cunha idea de “anticipación” insírense propostas como “estudar potenciais incendios que poidan ocorrer en determinadas áreas” e que poidan servir como fonte de información, á vez que se incide no concepto de “infraestruturas preventivas”, que van máis aló, explica, do “clásico cortalumes”, para abranguer accións como o impulso ás “faixas secundarias” ou os “puntos estratéxicos de xestión”. As directrices tamén poñen de relevo a importancia de “intermediar no abandono” e utilizar as ferramentas previstas na lei de mobilización de terras para “xestionar parcelas” abandonadas que “podían ser importantes para a prevención de lumes”, explica o director da EE Forestal. Do mesmo xeito, o texto incide tamén na idea de promover unha “paisaxe en mosaico”, promovendo diferentes usos naquelas áreas nas que se poida “fomentar a intervención pública” en parcelas abandonadas, así como o impulso das queimas prescritas como un xeito de reducir a cantidade de biomasa nos montes.
Neste eido insírense así mesmo diferentes actuacións preventivas sobre a poboación, como plans de autoprotección en interface urbano forestal, accións e sensibilización e concienciación ou a posibilidade de establecer limitacións, tanto de usos como de acceso, a determinadas “zonas de moi alto risco” en momentos concretos.
“Foi unha aproximación pioneira á redacción dunha lei de incendios. Que eu coñeza, non houbo outra así en Europa”, sostén Picos, que destaca a “honra e o reto” que supuxo para a EE Forestal coordinar uns traballos dirixidos “a aflorar as opinións de moita xente cualificada respecto dun problema tan importante para Galicia”. Estruturado en catro bloques, centrados no reparto competencial, as actuacións preventivas, as limitacións de uso a extinción, este traballo comprendeu en cada unha das fases un proceso de consulta con expertos en cada unha das áreas e representantes do Consello Forestal de Galicia, do Servizo de Prevención de Defensa contra Incendios e da propia Consellería. Este grupo, á súa vez, encargábase de definir os contidos da enquisa que, en cada un dos bloques, se trasladou a un “grupo ampliado” conformado por preto de 200 profesionais, nuns traballos coordinados polo profesor Pedro Figueroa, director do grupo G4+, da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.
Do grupo de expertos desta unidade mixta formaron parte as tamén investigadoras da EE Forestal Julia Armesto e Laura Armesto; o profesor da escola e investigador do CIF Lourizán José María Fernández; os investigadores do CIF Enrique Jiménez e Cristina Fernández; os expertos da USC Stefano Arellano, Roque Rodrígue e Ana Daria Ruiz; os docentes da Universidade da Coruña Francisco Javier Sanz, Juan Jesús Raposo e Antonio Rigueiro; o investigador da Universidad de Córdoba Francisco Rodríguez Silva, e os representantes da Consellería Alfonso Barreiro, Guillermo Acebal, Manuel Francisco e José Carlos Costas, co apoio técnico de José Ángel Tellería.
Por outra banda, no marco deste convenio, a Universidade de Vigo levou a cabo a realización dunha enquisa sobre o Plan de Dotación de Medios da Consellería, dirixida a reunir opinións das 13 categorías profesionais vinculadas con tarefas de prevención e extinción de incendios. Realizada a máis de 2500 persoas, esta consulta permitiu reunir as súas opinións sobre diferentes temáticas relacionadas coas súas funcións, medios e equipamentos, así como sobre o impacto da covid-19 no desempeño do seu labor.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL