O pleno do Consello Social da Universidade de Vigo deu este martes o seu visto e bo ás contas universitarias para 2022 nunha xuntanza marcadamente económica na que tamén se informou sobre o teito de gasto da institución académica viguesa para o exercicio orzamentario do vindeiro ano e se aprobaron, entre outras cuestións de carácter máis académico, o orzamento e as liñas xerais do plan de actuación do Consello Social para o novo ano e a desadscrición do Instituto de Educación Superior Intercontinental da Empresa, IESIDE, dependente de Abanca, entidade que está inmersa na posta en marcha da súa propia universidade privada.
As contas da Universidade de Vigo para 2022, aprobadas por asentimento no Consello de Goberno celebrado o pasado martes 21, ascenderán a 198,7 millóns de euros, as máis elevadas da súa historia e que supoñen un incremento dun 7,6% respecto do ano 2021. Neste senso, o presidente do Consello Social Ernesto Pedrosa destacou que se trata dun presuposto no que a partida da Xunta representa cada vez menos -o 61,3% do total para 2022 fronte ao 63,1% do 2020-, o que evidencia a capacidade da UVigo para atraer recursos externos. “Recollo aquí as felicitacións feitas desde a comisión económica que preside Juan M. Vieites ao equipo reitor, neste caso pola xestión económica e de persoal que se está a desenvolver”, subliñou o presidente do Consello Social, palabras que máis tarde agradeceu o reitor, Manuel Reigosa, antes de dar conta ás persoas que asistiron á reunión, celebrada nesta ocasión de xeito presencial na sala 1 do edificio Miralles, das cuestións máis destacadas que afectaron á universidade nos últimos meses: mapa de titulacións e plan de financiamento.
Respecto ao mapa de titulacións Reigosa indicou que os procesos electorais que se vivirán en próximas datas tanto nas universidades de Santiago de Compostela, primeiro, como na de Vigo, “a finais de abril ou principios de maio”, aconsellaron adiar de momento este debate “de xeito que non se comprometa aos novos equipos reitorais que saian das urnas nunha cuestión tan importante para o futuro da universidade galega”.
En canto ao plan de financiamento, o reitor volveu manifestar unha vez máis a súa satisfacción “porque supón unha evidente mellora”: por unha banda, “porque hai máis cartos a disposición da universidade pública” e, pola outra, “porque supón un recoñecemento explícito e implícito da importancia que ten o Sistema Universitario Galego dentro da sociedade galega”. Similar grao de satisfacción con respecto a este plan amosou o máximo responsable do Consello Social da UVigo, quen destacou dous aspectos claves: “o decidido apoio á ciencia e á investigación, e a obriga de render contas á sociedade”. Nesta liña, Pedrosa resaltou o feito de que as universidades reciban máis fondos en función do éxito dos seus estudantes, para o que un dos criterios será que a taxa de cambio de carreira ou de abandono sexa baixa, “un problema sobre o que volveremos solicitar ao equipo de goberno información e medidas de choque previstas, tal e como pide a Xunta, xa que representa un problema de perda de recursos públicos e de frustración de expectativas persoais dunha xeración”.
A posible modificación da Lei Orgánica do Sistema Universitario, LOSU, foi outra das cuestións sobre a que informaron tanto o reitor como o presidente do Consello Social. O reitor fixo referencia neste sentido ao rexeitamento “practicamente unánime entre os reitores” que tivo este proxecto de lei, “sobre todo entre as universidades catalás” e manifestouse esperanzado “en que se produzan cambios substanciais, que sexan permeables a todas as suxestións que se fixeron chegar desde a CRUE, dos estudantes e dos consellos sociais e que permitan que o proxecto mude e sexa máis positivo”.
Pola súa banda, Pedrosa subliñou que as últimas noticias indican que a saída de Castells “non cambiará a axenda significativamente” porque a aprobación desta lei é un compromiso con Bruxelas cara aos fondos europeos e a previsión é aprobala no primeiro semestre de 2022, á vez que a reforma da Lei da Ciencia. No que se refire aos consellos sociais, Pedrosa indicou que o documento “está moi lonxe do que se pedía dende a conferencia, pero o secretario xeral de universidades xa adiantou que será difícil introducir cambios substanciais e a ver si se pode tentar durante a súa tramitación parlamentaria”.
Tamén se referiu Pedrosa a que se agarda que, en breve, poida tratarse no pleno do Consello Social o Máster de Aeronáutica exclusivo no Campus de Ourense, despois de dous anos de negociacións improdutivas coa Universidade da Coruña. “Agardo que no primeiro pleno de 2022 poida ser informada a memoria do mestrado, que deberá ser enviada á Xunta antes do 30 de abril para que o título poida ser ofertado o próximo curso”, recalcou o presidente, ao tempo que fixo fincapé en que a decisión final dependerá da posición que adopte a consellería, pero “o cambio de fórmula realizado desde esta Universidade abre serias esperanzas e, sobre todo, achega a tranquilidade de que todo o que se pode facer, faise”.
Con respecto á desascrición do IESIDE esta era unha cuestión que se viña tramitando desde que en xuño de 2019 o Consello de Goberno decidira denunciar o convenio entre a Universidade e Caixanova para a adscrición deste instituto a raíz da decisión da antiga caixa de aforros de promover unha universidade privada no ámbito xeográfico de Galicia. O proceso dilatouse no tempo porque tal e como indicaron desde o Consello Social e da propia Universidade, o obxectivo era protexer en todo momento os dereitos do alumnado alí matriculado e garantirlles que ían poder rematar con garantías a súa titulación. “Agora mesmo temos xa un convenio entre as dúas institucións, asinado por asentimento e, simplemente, estaba pendente deste trámite final”, explicou Reigosa, quen se amosou moi satisfeito cun documento que “garante os dereitos do alumnado que entraron no IESIDE como escola adscrita da Universidade de Vigo”.
A Oferta de Emprego Público (OEP) do Persoal de Administración e Servizos para o ano 2021 -82 prazas- foi outro dos aspectos sobre o que tamén se pronunciou o pleno do Consello Social. Nas cuestión de carácter máis académico o pleno emitiu informes favorables sobre diferentes cuestións que xa pasaran previamente por Consello de Goberno como a modificación dos títulos de Máster universitario en Biotecnoloxía avanzada e Máster universitario en Tradución para a Comunicación Internacional para o curso 2022-2023, dous títulos que o pasado verán acadaron a mención de excelencia da Xunta, o que obrigaba a incorporar no seu plan de estudos formación en materias de emprendemento e empregabilidade.
Deuse ademais luz verde ao calendario e procedemento para a aprobación de verificación e modificación de títulos de grao, máster e doutoramento para o curso 2023-2024. Falouse tamén sobre os prezos dos cursos dos títulos propios e da proposta de prezos reducidos para o Curso de especialista en Ciberseguridade industrial.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL