A 198,7 millóns de euros ascende o orzamento da UVigo para 2022, o máis elevado da súa historia e “que confirma a senda de estabilidade orzamentaria da institución académica e permitirá seguir avanzando nos eixos estratéxicos do programa de goberno, especialmente centrados nas persoas”, asegurou o vicerreitor de Economía, José María Martín Moreno. O derradeiro proxecto de orzamentos presentado polo actual equipo de goberno ante o Consello de Goberno foi aprobado por asentimento polo órgano colexiado da institución académica, que ve incrementado o seu presuposto nun 7,6% respecto do ano 2021. Á espera que o Consello Social o ratifique na sesión que celebrará o vindeiro día 28 de decembro, a Universidade de Vigo disporá para o ano que vén dun orzamento superior ao do 2021 debido, ao importante incremento experimentado nas axudas derivadas do novo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e ao aumento da financiación do Plan de Financiamento do SUG 2022-2026. O orzamento do 2022 terá de novo como eixo principal nas contas da institución, o capítulo correspondente ao persoal, que crece un 4,73%, representando o 61,59% do total, 122,4 millóns de euros, fronte aos 116.833.700 € do exercicio en curso.
A aprobación do proxecto de orzamentos foi o punto máis destacado da orde do día da derradeira sesión de Consello de Goberno do ano 2021, na que tamén se deu luz verde a un teito de gasto non financeiro para o exercicio 2022 por importe de 164.467.978,32 euros. Logo do informe co que reitor iniciou a sesión, procedeuse a aprobar por asentimento unha declaración institucional sobre a loita contra a fraude, na que a UVigo manifesta a súa decidida vontade a combater esta práctica, a corrupción e os conflitos de intereses na xestión de fondos públicos en xeral, e os que proveñan do Plan de recuperación, transformación e resiliencia. Con este obxectivo, ademais de comprometerse a implementar os estándares máis altos no cumprimento das normas xurídicas, éticas e morais, e respectar os principios de integridade, imparcialidade, obxectividade e honestidade. Aprobando esta declaración, a UVigo “ratifica o seu compromiso firme na loita contra a fraude e a súa política de tolerancia cero fronte a ela, á corrupción e aos conflitos de intereses, que efectúa cun robusto sistema deseñado para, na medida do posible, previr, detectar, corrixir e perseguir os actos de fraude ou calquera práctica que se afaste dun comportamento ético no uso dos fondos públicos, así como para corrixir o seu impacto, no caso de producirse”.
Na sesión celebrada este martes, ademais de aprobarse a concesión a 49 estudantes dos Premios Extraordinarios de grao correspondentes ao curso 20-21, tamén se deu luz verde ao regulamento do Comité de ética de investigación con seres humanos e medio ambiente (Ceishma), e á modificación do regulamento do Comité de ética de experimentación animal.
Do total 198,7 millóns de euros para 2022 , 155.568.008 € son ingresos ordinarios, o que representa case 5 millóns de euros máis que nas contas de 2021. O resto do montante global corresponde á financiación afectada, é dicir, a asignada especificamente a proxectos ou investimentos dependentes de convocatorias de terceiros. Con todo, o vicerreitor de Economía apuntou que a cantidade total podería verse incrementada “á espera de confirmación de novas partidas procedentes da Unión Europea, que estimamos non sexan inferiores aos 7 millóns de euros, polo que o montante total de ingresos que poderá recibir a Universidade o ano que vén superará os 200 m€”, sendo o orzamento de ingresos máis alto da historia da institución. O orzamento do 2022 terá un ano máis como eixo principal, o capítulo correspondente ao persoal, que crece un 4,73% e representará o 61,59% do total, 122,4 millóns de euros, fronte aos 116.833.700 € do exercicio en curso. Xunto co capítulo de persoal, os orzamentos contemplan 36 millóns de euros para investimentos reais (18,13%) e 31,4 millóns (15,79%) para gasto corrente.
“Os derradeiros orzamentos elaborados neste último ano de mandato van na liña dos tres anos anteriores de cumprir o programa electoral co cal nos presentamos ás eleccións. É dicir, seguen priorizando o gasto en persoal, destacando aspectos como a estabilización e promoción do persoal, a baixada en 280 horas de docencia no primeiro ano de mandato, o baleirado total que se producirá na bolsa de catedráticos e titulares de universidade, captación e retención de talento, funcionarización do PAS laboral, etc.”, enumerou Martín Moreno, que destacou que o exercicio 2022 supón un inicio de ciclo debido ao Plan de Financiamento autonómico, e ao que a UVigo chega “cunhas contas saneadas, co cumprimento de todos os criterios de estabilidade orzamentaria e presentando na súa liquidación superávit estrutural desde 2014”.
A preguntas da docente e investigadora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Edita de Lorenzo, que amosou a súa preocupación ante o incremento experimentado na masa salarial, e preguntou se a UVigo está a cumprir coas normas, o vicerreitor de Economía asegurou que si se está a facer, “senón a Xunta daríanos o toque e estaríamos fiscalizados”, ao que reitor engadiu que “somos a universidade galega que gasta menos porcentaxe do seu orzamento en masa salarial e un bo referente de facer as cousas con seriedade”. Pola súa banda, o presidente da Xunta de Persoal, Xoan Cebro, reiterou que a UVigo está en número de efectivos e gasto moi por debaixo da media estatal e galega, afirmación que Reigosa compartiu ,asegurando que “debemos mellorar as ratios e achegarnos máis arriba”.
De Lorenzo tamén preguntou ao vicerreitor de Economía, por unha banda, polo cambio de signo no saldo corrente, ao que Martín Moreno respondeu concluíndo que se trata dun cambio de criterio contable; así como pola perda que rexistrou a institución nos últimos anos nos seus aforros. Neste sentido, o vicerreitor explicou que “o remanente de tesourería de fondos líquidos baixou por mor dos préstamos reintegrados. Pagamos o que herdamos en débeda e cando se nos pague todo o que se nos debe, resultará que non se tocou nada dos fondos líquidos”, sinalou José María Martín Moreno.
A proposta de proxectos de orzamentos foi aprobada por asentimento, como o teito de gasto o exercicio orzamentario 2022, por un importe de 164.467.978,32 euros.
49 estudantes da UVigo, 28 mulleres e 21 homes, recibirán os Premios extraordinarios de grao correspondentes ao curso 2020-2021. O Consello de Goberno aprobou na súa sesión de hoxe por asentimento outorgar este galardón a 24 estudantes do campus de Vigo, dos que 14 son mulleres e 10 homes; a 14 estudantes do campus de Ourense, dos que oito son homes e seis mulleres e a 11 do campus de Pontevedra, oito mulleres e tres homes. O alumnado galardoado cos Premios extraordinarios de grao recibirá a insignia da UVigo no acto de celebración de San Tomé, patrón da universidade, que o pasado mes de xaneiro foi suspendido por mor da pandemia.
Noutra orde de cousas, na derradeira sesión do ano 2021, aprobouse a selección de áreas de coñecemento para participar na convocatoria de prazas de profesorado titular e contratado doutor correspondente a persoal investigador Ramón y Cajal con certificación 13 que rematan contrato ao longo de 2022, e a creación das prazas correspondentes. Así mesmo, deuse luz verde á reserva dunha praza para o cupo de discapacidade no seguinte concurso de prazas permanentes da OPE 2022, cumprindo así co regulamentado e tamén se aprobou o calendario para a tramitación de propostas y modificacións de titulacións para o 23/24, coa novidade de que por vez primeira se acordou un calendario común ás tres universidades, “o que nos facilitará o traballo, xa que cada vez temos máis titulacións interuniversitarias”, destacou o vicerreitor de Profesorado e Ordenación Académica, Manuel Ramos.
A sesión deste martes tamén aprobou, por unha banda, o Regulamento do Comité de Ética de Investigación con Seres Humanos e Medio Ambiente (Ceishma), así como o nomeamento dos seus membros, e pola outra, a modificación do Regulamento do Comité de Ética de Experimentación Animal (Ceea/OH). O Ceishma é un órgano colexiado que ten a finalidade de avaliar os aspectos éticos da investigación realizada na UVigo con fins científicos que implique a seres humanos, ou ao medio ambiente, así como a obtención e tratamento de datos persoais que poidan afectar a dereitos fundamentais. Adscrito á Vicerreitoría de Investigación, o Ceishma estará integrado por nove membros, oito PDI e un PAS.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL