Despois de catro anos de traballo, o proxecto transfronteirizo Risc Miño-Limia chega ao seu fin facendo os seus socios españois e lusos un balance moi positivo dos resultados acadados. Ao seu abeiro, entre outras iniciativas, o grupo de investigación Ephyslab Environmental Physics Laboratory (CIM-UVigo) desenvolveu un sistema de alerta temperá de inundacións para a conca internacional Miño-Limia.
Este xoves pola tarde celebrouse de xeito virtual a xornada de peche da iniciativa, que naceu para mellorar a xestión e a capacidade de reacción ante as problemáticas asociadas aos fenómenos extremos, concretamente inundacións e secas, e para mitigar os seus efectos na demarcación hidrográfica internacional das concas dos ríos Miño e Limia, tendo en conta a necesaria adaptación ao cambio climático. Financiado polo Programa de Cooperación Transfronteiriza Interreg V-A España-Portugal (Poctep), o proxecto contou cun orzamento de 2,3 millóns de euros (cunha achega de fondos europeos do 75% do total), iniciouse no verán do ano 2017 e finaliza o próximo 31 de decembro, tras ser prorrogado pola situación xerada pola covid-19. O líder da iniciativa é a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e os socios a súa homóloga lusa ARH Norte, da Agência Portuguesa do Ambiente; a Faculdade de Engenharia da Universidade do Porto e a Universidade de Vigo, cuxa participación se enmarca no proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus Auga.
No peche da iniciativa, os seus socios coincidiron en amosar a súa satisfacción polo “elevado grao de execución do proxecto a nivel técnico e económico”, o que permitiu, indicaron, lograr os obxectivos marcados. Deste xeito, desde a entidade líder de Risc Miño-Limia sinalan que atendendo ao alto grao de coordinación e cooperación transfronteiriza alcanzado e aos resultados obtidos, sería importante a continuidade do proxecto nunha nova candidatura conxunta, lembrando a importancia da prevención, a protección e a preparación fronte aos fenómenos extremos para evitar danos sobre as persoas e os seus bens.
Un dos principais froitos do proxecto foi a creación do sistema de alerta temperá Miño Flood Alert System (Midas). “Trátase dun sistema desenvolvido por Ephyslab que permite coñecer con horas de adianto o risco de inundación nas localidades máis poboadas e potencialmente en risco da conca Miño-Sil”, explica Moncho Gómez Gesteira, membro do grupo e catedrático de Física da Terra da Universidade de Vigo. O sistema execútase diariamente e está conectado a unha interface gráfica que permite cunha linguaxe sinxela e visual estimar o risco de inundación, así como a extensión da zona inundada, a partir de datos de precipitación (modelos de predición e/ou pluviómetros) e caudal antecedente de estacións de control.
A participación da UVigo en Risc Miño-Limia abrangueu outras liñas de actuación. Así, colaborouse, baixo a coordinación do profesor Pedro Araújo neste caso, na elaboración dunha cartografía máis detallada da conca en colaboración co Instituto Geográfico Nacional. Ademais, Ephyslab participou na análise de diferentes índices de seca para a conca estudada, tratando de analizar a súa correlación cos chamados patróns de teleconexión atmosférica e cos diferentes tipos de circulación atmosférica nas proximidades da península. Igualmente, indican desde o grupo de investigación da UVigo, analizouse o recurso de auga para o futuro en toda a demarcación internacional a través das predicións de máis de 30 modelos climáticos, co obxectivo de estudar o impacto do cambio climático nos recursos hídricos nesta zona. “Froito deste traballo chegouse á conclusión de que as precipitacións serán menores no futuro, ademais de máis irregulares, é dicir, haberá máis eventos de choivas intensas e de secas. Non só vai a chover menos, senón de xeito diferente”, comenta Moncho Gómez Gesteira.
Alén da participación da UVigo, na reunión de balance do proxecto deuse conta dos seus resultados globais. Entre eles, apuntouse que se levou a cabo a execución dunha ampliación do número de puntos de control da rede de hidrometría da demarcación, con oito novos puntos para o Sistema Automático de Información Hidrolóxica da parte española e dous para o Sistema Nacional de Información de Recursos Hídricos da parte portuguesa, cos que se obteñen datos de nivel, caudal e precipitación. Neste mesmo sentido, explicouse que se incrementou en cinco as estacións da Rede do Sistema Automático de Calidade das Augas, para a recepción, en tempo real, dos datos de temperatura, turbidez, osíxeno disoluto, condutividade, ph ou amonio, cos que se detectarán episodios puntuais de contaminación.
No proxecto Risc Miño-Limia tamén se levou a cabo unha análise da conca Miño-Limia mediante a revisión da rede hidrográfica da demarcación, así como a obtención dun novo modelo dixital do terreo da parte portuguesa, a partir dun voo Lidar realizado. Por último, na sesión de peche celebrada este xoves, expuxéronse os datos do plan especial de seca na conca realizado, no que se usaron os mesmos indicadores e índices de estado na parte portuguesa e na parte española, distinguíndose entre a seca prolongada e a escaseza conxuntural, de forma que mediante a aplicación dos mesmos se poida anticipar ao máximo as medidas mitigadoras ante fenómenos extremos.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL