No Xurásico Medio, hai 170 millóns de anos, a península ibérica vivía un momento de grande actividade volcánica. Varias zonas do leste estaban nese momento somerxidas, e mentres o dinosauros eran os vertebrados dominantes, a flora estaba composta, sobre todo, por fentos, bennettitais e cicadais. Nese escenario, preto da fronteira do que na actualidade son as provincias de Teruel e Valencia, orixinouse, a máis de 150 quilómetros da costa máis próxima, unha illa de orixe volcánica, denominada Camarena, que foi colonizada por unha flora dominada por ximnospermas.
170 millóns de anos máis tarde, o investigador da UVigo Artai Santos López decidiu centrar a súa tese de doutoramento en material escavado nesa zona e, aínda que de inicio, a súa intención era unicamente o estudo paleobotánico, “durante a análise das pezas, detectamos a presenza de varias marcas de herbivoría (unha forma de depredación na que un animal consume parte dunha planta) de insectos nas follas estudadas. "Aproveitando unha estadía que realicei este ano en Alemaña co doutor Torsten Wappler, especialista en paleoentomoloxía, propuxémonos intentar identificar e interpretar a presenza destas interaccións de insectos na flora desta illa volcánica efémera”, explica o investigador do Departamento de Xeociencias mariñas e ordenación do territorio. A decisión de Artai Santos de afondar neste achado derivou nunha investigación e a recente publicación do artigo A Robinson Crusoe story in the fossil record: Plant-insect interactions from a Middle Jurassic ephemeral volcanic island (Eastern Spain) en Palaeogeography, Palaeoclimatology, Palaeoecology de Science Direct, un traballo que converte a Santos, ao seu director de tese na UVigo Bienvenido Diez e aos investigadores Torsten Wappler (Museo estatal de Hesse, Alemaña), Michael S. Engel (Universidad de Kansas) e Luis M. Sender (Universidad de Zaragoza e codirector da tese), nos autores da primeira referencia das interaccións planta-insecto do Xurásico Medio na Península Ibérica.
“As interaccións planta-insecto non son doadas de recoñecer no rexistro fósil e esta é a primeira vez que traballamos neste tipo de interaccións do Xurásico Medio. De feito é a primeira referencia a este tipo de interaccións neste período en toda a península ibérica”, detalla o autor principal do artigo, no que investiron, desde a súa redacción e ata o seu envío á revista uns tres meses, “aínda que se contamos o tempo investido na escavación e identificación dos fósiles o tempo sería algo maior”, explica Artai Santos.
Os restos fósiles das plantas investigadas no traballo publicado en Palaeogeography, Palaeoclimatology, Palaeoecology presentan marcas de herbivoría e oviposicións (posta de ovos) de insectos que conseguiron chegar a illa Camarena. “Os insectos que foron quen de chegar á illa, como Robison Crusoe na novela de Daniel Dafoe, pronto atoparon comida e aloxamento entre as plantas ‘indíxenas’. Concretamente atopamos 11 morfotipos de danos (Damage Types) diferentes que conseguimos asociar con varios grupos de insectos como Coleópteros (escaravellos), Odonatos (libélulas), Hemimpteros (chinches) e Lipidopteros (bolboretas)”, enumera o investigador da UVigo.
As comparacións estatísticas realizadas polos investigadores con outras asociacións de interaccións planta-insecto do Xurásico Medio evidencian que a diversidade da illa é demasiado baixa como para que existise un corredor de illas que actuasen coma ponte biolóxica entre o continente e Camarena. “Os insectos probablemente chegaron á illa mediante métodos de dispersión pasivos, literalmente naufragaron. Estes métodos de transporte inclúen ‘rafting and floating’, cando pequenos insectos viaxan no pleuston arrastrados polas correntes de auga”, explica Artai Santos, que tamén sinala que os de menor tamaño tamén podían viaxar pasivamente en correntes de aire a varios quilómetros de altitude. “Non obstante, non descartamos que puidesen chegar mediante foresis, é dicir, utilizando outras especies para viaxar, como poden ser restos de plantas arrastradas polas correntes mariñas ou, incluso, utilizando vertebrados voadores como os pterosauros para desprazarse”, engade.
Aínda que esta é a primeira vez que este grupo de investigadores aborda as interaccións planta-insecto do Xurásico Medio e que estas non son doadas de recoñecer no rexistro fósil, Artai Santos avanza que “actualmente estamos a traballar sobre outras asociacións de interaccións de diferentes idades, polo que é unha liña de investigación que continuaremos a potenciar”, confirma.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL