Co obxectivo de consolidarse como unha Universidade aberta, flexible e inclusiva UVigo está a poñer en marcha, baixo o paraugas da Escola Aberta de Formación Permanente, cursos complementarios abertos a todos os colectivos da cidadanía. Unha das principais novidades deste ano académico 2021-2022 é un título propio destinado a persoas con diversidade intelectual, o primeiro deste tipo que se pon en marcha da Universidade viguesa. Este martes o reitor recibiu aos seus 12 estudantes que, ata o mes de xuño, asistirán diariamente a clase no campus vigués co obxectivo de aumentar a súa autonomía, mellorar a súa formación académica e adquirir diferentes habilidades e competencias para potenciar a súa inserción laboral.
Esta iniciativa inclusiva, como explicou o reitor, Manuel Reigosa, no acto de benvida, é o resultado do traballo desenvolvido polas vicerreitorías de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación e de Ordenación Académica e Profesorado, xunto coa Asociación Down Vigo que, a través do Programa ALIDA, busca dar resposta á necesidade formativa de ámbito superior para as persoas con diversidade intelectual que finalizan a etapa de escolarización obligatoria. “Estamos moi contentos de tervos aquí connosco porque somos dos que pensamos que a Universidade ten que ser aberta, igualitaria, inclusiva e aspirar a unha sociedade máis xusta”, explicaba o reitor, que agradeceu o apoio da Fundación ONCE. Pola súa banda, a vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, Maribel Doval, dirixiuse ás e aos alumnos para explicarlles que ao longo da súa formación van “aprender moitas cousas importantes para a vida e para conseguir un bo traballo cando rematedes” e lembroulles que durante estes meses terán a ocasión “de coñecer os estudantes da nosa Universidade e os nosos profesores e profesoras que vos impartirán seminarios, charlas e obradoiros”. Estes 12 estudantes tamén realizarán visitas aos centros de investigación da UVigo, onde poderán coñecer “as cousas incribles que os investigadores e investigadoras fan en beneficio da sociedade” e visitarán os campus de Pontevedra e Ourense. José Manuel García, presidente de Down Vigo, agradeceu tanto a implicación da Universidade como a dos profesionais da asociación para sacar adiante este proxecto e cualificou como un “fito moi importante” que estes estudantes se poidan forman cun título propio da Universidade de Vigo, “estou convencido de que o van aproveitar con todo o entusiasmo que normalmente poñen en todo o que fan”.
O curso está destinado a persoas de entre 18 e 29 anos con diversidade intelectual recoñecida igual ou superior ao 33 % e inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil e conta co apoio económico do “Programa Unidiversidad curso 2021-2022: programas universitarios de formación para el empleo dirigidos a jóvenes con discapacidad intelectual inscritos en el sistema nacional de garantía juvenil” da Fundación ONCE e está cofinanciado polo Fondo Social Europeo.
O curso comprende 670 horas de docencia presencial e 50 de prácticas en empresas. O obxectivo é aumentar a autonomía, a formación académica e as habilidades e competencias que permitan aos asistentes mellorar a súa inserción laboral. Para iso recibirán unha formación interdisciplinar da man tanto dos profesionais de Down Vigo como de docentes da UVigo. As actividades formativas realízanse no campus de Vigo, en concreto na Biblioteca Central, en convivencia cotiá coa comunidade universitaria co obxectivo de acadar o enriquecemento que achega a diversidade. Ademais, outras actividades como obradoiros de emprego, realizaranse de xeito conxunto co resto do alumnado da UVigo.
O programa está formado por materias como Economía, Finanzas, Organización de Empresas, Comunicación e atención ao cliente, Informática, Matemáticas ou Inglés para acadar un perfil profesional de auxiliar administrativo. O currículo formativo é de carácter integral e abrangue tamén competencias transversais para mellorar a calidade de vida do alumnado, a comunicación interpersoal ou o autocoñecemento. No acto desta mañá as e os alumnos tiveron oportunidade de explicarlles ás autoridades cales son as súas materias favoritas, tras as primeiras semanas de clase. E case todos coinciden: Informática, Inglés, Finanzas e Habilidades emocionais. Tamén lles relataron tanto a súa experiencia laboral como a formación académica previa, en moitos casos moi ampla, abranguendo dende a ESO ata ciclos de formación profesional. Javier, por exemplo, explicoulles que rematou a ESO no IES Coruxo e posteriormente acadou o título de Xestión Administrativa, ademais de completar cursos de contabilidade, informática, deseño gráfico, asesoría laboral e fiscal ou prevención de riscos laborais, entre outros. A súa compañeira Ruth, pola súa banda, fixo un percorrido pola súa ampla experiencia laboral, que a levou a traballar no Alcampo, en Decathlon, na Autoridade Portuaria ou Aldeas Infantiles. A formación que recibirán ao longo deste curso na Universidade permitiralles ampliar estes currículos, mellorar a súa inserción profesional e ampliar as súas metas laborais e persoais.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL