O estado de execución do Plan Suvi, o plan de mellora da eficiencia enerxética e redución da pegada de carbono da Universidade de Vigo, centrou este venres a sesión ordinaria do Claustro Universitario celebrada no campus de Ourense. Coas instalacións fotovoltaicas, de xeotermia e de biomasa postas en marcha ao seu abeiro nos dous últimos anos, a UVigo conseguiu reducir un 8,12% a súa pegada de carbono, cun aforro anual de 1821 toneladas de emisións. O obxectivo é continuar na senda cara a sostibilidade con iniciativas como a creación de comunidades eléctricas nos campus de Vigo e Ourense e o fomento dunha mobilidade máis sostible.
A sesión celebrada no edificio Politécnico do campus de Ourense, que puido seguirse de xeito telemático, arrancou cun informe de Manuel Reigosa, reitor da UVigo, no que deu conta de avances e novidades en temas de interese acontecidos desde o último claustro. Así, comezou abordando as negociacións sobre plan de financiamento das tres universidades galegas, “seguramente o reto máis importante que temos nestes momentos nas mans”. Sobre el comentou que “xa temos un acordo” que será presentado en datas próximas polas tres universidades e as consellarías implicadas. O novo plan, indicou o reitor, “márcanos unha senda de crecemento razoable” e vai permitir afrontar o seu período de duración “cunhas bases sólidas”. Na súa intervención, o responsable institucional tamén fixo un repaso polo estado de tramitación das novas titulacións e polos acordos acadados no Consello de Goberno do pasado 27 de outubro. Neste repaso subliñou a súa satisfacción pola aprobación nel da Oferta Emprego Público de PDI, a maior da historia da institución académica, e a ratificación do acordo de funcionarización do PAS, destacando o esforzo e o diálogo entre os axentes implicados que permitiron ambos acordos.
Respecto ao Plan Suvi, Manuel Reigosa explicou que, ao igual que en temas de igualdade e diversidade, a UVigo aspira “a ser unha universidade sostible” a través de actuacións en dous eixos fundamentais: nos propios edificios, con instalacións de xeotermia en Ourense, bioamasa en Pontevedra e fotovoltaica en todos os campus, e a concienciación en mobilidade. Alén das cifras económicas de investimento e de aforro, o reitor recalcou que “o importante é dar exemplo, ser referencia para a sociedade” no eido da sostibilidade. Neste reto, quixo agradecer o apoio das diversas institucións que apoian os proxectos que desenvolve a institución académica, e de xeito especial tivo palabras de agradecemento para o que foi conselleiro de Facenda e Administración Pública Valeriano Martínez, recentemente falecido.
José Luis Míguez, vicerreitor de Planificación e Sostibilidade da Universidade de Vigo, foi o encargado de presentar aos membros da comunidade universitaria o informe sobre as actuacións en materia de sostibilidade. Nel debullou as actuacións realizadas en cada campus, as medidas de eficiencia postas en marcha, as a actuacións en curso e proxectadas, a mobilidade sostible e novas ideas e proxectos. Segundo os datos expostos, a pegada de carbono da UVigo ascende a 22.443 toneladas anuais, 0,99 por persoa. O 49,2% desta pegada derivada do seu funcionamento e dentro dela, o 18,7% provén do consumo eléctrico, que actualmente equivale a 4197 toneladas de emisións e que o Plan Suvi intenta reducir á metade. O outro 49,8% da pegada da UVigo corresponde á mobilidade. “A idea sería poder chegar a ser un campus autosuficiente, pero é difícil” polo que, afirmou Míguez, “intentaremos rebaixar o máximo posible a pegada”.
Ao longo da súa intervención, o vicerreitor explicou que as actuacións de mellora da eficiencia enerxética realizadas en 2019/2020 na UVigo ao abeiro do Plan Suvi permiten un aforro anual de 1821 toneladas de CO2, o 8,12% da pegada de carbono total da institución académica. Para exemplificar esta cifra, apuntou que equivale a 71.000 árbores plantadas ou 757.000 litros de gasóleo consumidos. Cos proxectos solicitados e planificados a curto prazo, o aforro total, indicou, ascenderá a 2132 toneladas de carbono anuais, estimándose un investimento total de 3,5 millóns de euros (financiado ao redor do 80% a través da Xunta de Galicia, o Inega e o Idae).
O vicerreitor de Planificación e Sostibilidade detallou as actuacións que permitiron chegar á redución actual de 1821 toneladas. No campus de Vigo, no período 2019/2020 as actuacións realizadas foron as instalacións fotovoltaicas de 100kWp do edificio Cintecx; a de 42kWp da Escola de Enxeñería Industrial (sede cidade); a de 100 kWp do Cacti; a de 100 kWp da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía e a de 200 kWp da Escola de Enxeñería Industrial (sede campus). A ela sumouse a renovación Led de catro edificios. O aforro total de emisións de carbono anual neste campus ascende a 1038 toneladas, sendo o investimento total (sen IVE) de 1.225.260 euros.
Polo que respecta ao campus de Pontevedra, o vicerreitor falou da instalación fotovoltaica de 100 kWp da Facultade de Ciencias Sociais e Comunicación e da de 78kWp de Ciencias da Educación e do Deporte, ambas de 2019, e da District Heating, da rede de produción e distribución de calor con biomasa de 2000kW destes dous centros, do ano 2020. Míguez apuntou como en total permiten a redución de 339 toneladas de carbono/ano, sendo o investimento total de 787.528 euros.
As actuacións no campus de Ourense foron a instalación fotovoltaica do edificio Politécnico de 100 kWp e a instalación híbrida de xeotermia/aerotermia de 500 kW do Edificio de Ferro, formada por cinco bombas de calor auga-auga, 36 pozos de 125 m de profundidade e tres unidades de aerotermia exteriores. Segundo os datos expostos, a redución de emisións grazas a estas infraestruturas ascende a 444 toneladas anuais e o investimento total a 764.968 euros.
Respecto ás actuacións en curso e proxectadas, o vicerreitor apuntou que a institución académica está pendente da resolución das solicitudes presentadas ás axudas Idae 2021 e que abranguen instalacións solares fotovoltaica de autoconsumo de 100 kws no edificio Olimpia Valencia (Vigo); no Edificio de Ciencias Experimentais (Vigo) e no Edificio de Ferro (Ourense), prevendo un aforro anual total de 147 toneladas. Igualmente falou dos proxectos que están en preparación e lanzamento, concretamente de instalacións fotovoltaicas de autoconsumo de 40 kW na Escola de Enxeñaría Forestal (Pontevedra), na Facultade de Dereito (Ourense); e na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (Vigo), ademais doutra en Cintecx (Vigo). A previsión de aforro de emisións anual ascendería a 75 toneladas.
Respecto a novos proxectos, José Luís Míguez destacou o proxecto de crear unha comunidade enerxética da Universidade de Vigo, destinada “á optimización do aproveitamento enerxético e económico das instalacións de xeración eléctrica mediante fontes renovables en réxime de autoconsumo”. Esta iniciativa, apuntou, “queremos que marque o rumbo da universidade” e consistirá en que os excedentes de xeración de enerxía duns centros poidan compensar o consumo de electricidade doutros próximos, sempre e cando ambos se constitúan como comunidade enerxética segundo a normativa vixente. Tendo en conta os requirimentos legais para a súa posta en marcha, a idea é desenvolver estas comunidades nos campus de Vigo e Ourense. A creación dunha plataforma común para a monitorización en cada centro do consumo e xeración de todo tipo de combustible; a instalación dunha pérgola fotovoltaica e dun aeroxerador de mediana potencia para autoconsumo; e o fomento da mobilidade sostible, coa adquisición de novos vehículos sostibles, puntos de recarga eléctrica nos tres campus e o impulso do uso compartido de vehículos empregando aplicacións foron outras das medidas expostas.
Na sesión celebrada este venres en Ourense tamén se aprobaron as modificacións en varios artigos do regulamento electoral xeral e elixíronse membros do Consello de Goberno polo sector estudantes. Ademais aprobouse a creación dunha comisión, cuxos membros serán aprobados no seguinte claustro, para impulsar un manual de boas prácticas no marco do programa Docentia, de modo que se “facilite o labor de detección de boas prácticas docentes e que estas sexan recoñecidas a través do programa Docentia da Universidade de Vigo”.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL