O Grupo de Tecnoloxías da Información, adscrito ao centro de investigación atlanTTic da Universidade de Vigo, acaba de facerse cun novo galardón internacional, neste caso o primeiro premio do ETSI MEC Hackaton, un certame promovido anualmente polo Instituto Europeo de Normas de Telecomunicación -European Telecommunications Standards Institute- e que se enmarca dentro do congreso internacional Edge Computing World, celebrado en liña desde San Francisco. Fíxoo cun traballo desenvolto en colaboración coa empresa Optare Solutions sobre softwarización das redes e as redes 5G.
“Este recoñecemento permítenos demostrar que seguimos sendo un dos grupos punteiros a nivel mundial en distintas tecnoloxías relacionadas co 5G”, explica o profesor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Felipe Gil, un dos investigadores implicados neste proxecto. Xunto a el formaron parte deste traballo os tamén investigadores do Grupo de Tecnoloxías da Información Rubén Pérez Vaz e José Antonio Álvarez Fernández, así como Santiago Rodríguez e Xosé Ramón Pousa, de Optare Solutións, firma coa que adoitan colaborar. O obxectivo da competición era demostrar novas aplicacións e servizos innovadores que se poden construír utilizando as APIs para MEC do propio Instituto Europeo de Normas de Telecomunicación, é dicir, aplicacións e servizos despregados no ‘edge’ ou periferia dunha rede de comunicación 5G de cara a conseguir implementar solucións que noutro caso non serían viables debido aos requisitos de latencia, ancho de banda, etc.
A proposta que presentaron e que, finalmente, resultou gañadora consistiu nunha solución de intelixencia artificial no ‘edge’ que permite procesar o vídeo enviado por un drone, tomar decisións e actuar sobre el para que se desprace seguindo algún elemento ou persoa detectado ou realizando algún outro tipo de acción.
“A flexibilidade proposta pola nosa solución facilita a integración de novas técnicas de Intelixencia Artificial que responden a un dos principais retos da videovixilancia mediante drone”, detalla Felipe Gil. Por outra banda, o proxecto permite tamén a extensión das funcionalidades básicas dos drones proporcionando un servizo máis escalable, dinámico e adaptativo, podendo así ofrecer servizos de vixilancia específicos en función do obxecto detectado inicialmente e das súas características (natureza do obxecto, localización, etc.).
No ano 2019, outro equipo do GTI e Optare xa participara neste mesmo hackathon, acadando o segundo premio. Nesa ocasión, a convocatoria realizárase a nivel europeo e o equipo tivera que acudir presencialmente a Londres e facer unha demostración en vivo ante o xurado do certame. O traballo premiado nesa ocasión fora un demostrador para a Industria 4.0 no que o xurado valorara non só o correcto funcionamento do sistema, senón tamén a claridade da explicación dos seus obxectivos, a súa integración nas plataformas dos provedores e, finalmente, o correcto uso dos estándares da ETSI.
Neste sentido, Gil, que tamén formou parte dese equipo gañador que acudiu a Londres en 2019, destaca que gañar este tipo de premios supón un incentivo que os motiva para seguir traballando e son tamén unha boa forma de darse a coñecer entre a comunidade investigadora e a sociedade en xeral. Nesta edición de 2021 os outros finalistas foron equipos das empresas tecnolóxicas Telcaria e Wipro.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL