Compartir e difundir o material cedido con institucións educativas de todo o mundo, e ao tempo beneficiarse de mostras procedentes doutras universidades, son as dúas consecuencias que se derivan da decisión da docente e investigadora do Departamento de Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde da UVigo Encarna de Miguel Villegas de doar medio cento de imaxes de histoloxía, xeradas por ela mesma ao longo da súa carreira, a Virtual Microscopy Database (VMD) da American Association for Anatomy. De Miguel convértese así na primeira docente dunha universidade española en participar nesta iniciativa, que permite a profesorado e alumnado sen acceso a equipos de microscopía de alta calidade ou equipos de escaneo e dixitalización, dispor das 3500 imaxes, procedentes dun cento de países, que neste intre conforman o proxecto VMDatabase.
“Non me sorprende ser a primeira docente dunha universidade española en facer unha doazón deste tipo. Ata onde eu sei, moitas universidades en España dixitalizaron a súas preparacións microscópicas para cubrir parte das súas necesidades docentes. Son iniciativas importantes, pero con escasa difusión”, explica a investigadora, que cre que ao igual que ocorreu coas publicacións en acceso aberto, a libre dispoñibilidade de material docente dixital será a norma que rexa nas institucións educativas, facilitando así o intercambio de información. 100 países participan actualmente no proxecto VMDatabase que supera as 3500 imaxes e proporcionada ademais o microscopio virtual para a súa visualización.
“O feito de que a plataforma VMD incorpore un microscopio virtual abre a posibilidade de que estudantes e docentes poidan realizar unha exploración microscópica de gran calidade ser ter que investir grandes sumas de cartos en instrumentación. As imaxes pasan a estar dispoñibles en equipos informáticos, o que implica unha maior accesibilidade para o alumnado, que ata agora só podía analizar mostras nun laboratorio con equipos de microscopía”, detalla Encarna de Miguel, que tamén destaca que a contorna virtual facilita, caso de ser preciso, unha aprendizaxe a distancia sen diminución da calidade docente.
A doazón realizada pola investigadora da UVigo inclúe arredor de 50 imaxes histolóxicas, froito do traballo docente e investigador dos e das integrantes do grupo Indbio, Innovación Docente en Bioloxía da UVigo. Cada unha delas ten a súa correspondente descrición e foron realizadas con técnicas convencionais e outras pouco habituais, máis laboriosas, ou que amosan a ultraestrutura celular. “En conxunto, o material doado foi moi valorado polos patrocinadores da plataforma, xa que cobre áreas nas que polo momento existe pouco material gráfico”, detalla De Miguel, que avanza a súa intención de seguir dixitalizando mostras ao longo deste curso e aumentar a colección existente.
“Unha gran parte das nosas liñas de investigación inclúen o estudo histolóxico do sistema nervioso e doutros sistemas de órganos. As técnicas desenvolvidas nestes estudos proporciónannos un material valioso para incluír neste proxecto, ao que tamén engadimos imaxes derivadas da colección de mostras propias utilizadas para ensinar ao noso alumnado a microanatomía de células e tecidos”, confirma a docente e investigadora. Encarna de Miguel considera que ao igual que ocorreu coas publicacións en acceso aberto, a libre dispoñibilidade de material docente dixital será a norma que rexa nas institucións educativas, facilitando así o intercambio de información. “As vantaxes deste tipo de plataforma son evidentes e a medida que se coñecen se incrementan o número de institucións participantes”, explica De Miguel.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL