"A Deputación inviste en Vigo e ten un modelo que comparte coa Alcaldía". Así defendeu Carmela Silva este pasado martes o proxecto do ente provincial na primeira cidade de Galicia para destacar que a Deputación "nunca tivo un proxecto de inversión nesta ciudade, sempre xogou a confrontar con esta cidade. Iso ten rematado". A presidenta provincial fixo balance dos seis anos de Goberno e o seu impacto na cidade de Vigo para enumerar proxectos como a humanización e mellora de estradas, o carril-bici de Coia a Teis, novas infraestruturas deportivas xunto coa reforma de Balaídos, actuacións en centros educativos, dotacións culturais, apoio a grandes eventos, subvencións a entidades sociais para celebrar ata 560 actividades, unha forte aposta pola cultura e a igualdade, e máis dun cento de actos na nova sede da rúa Eduardo Chao.
“Situamos á cidade no lugar que por dereito lle correspondía”, expresou Carmela Silva acompañada dos deputados provinciais Carlos Font, Santos Héctor e Gorka Gómez. “A Deputación ten unha presenza histórica e un investimento como nunca antes”, expresou Silva. A sede, inaugurada en xaneiro de 2020, “é xa unha das grandes referencias da actividade na cidade, e reactivou ademais todo o entorno no que se sitúa”. De aquí a xaneiro están confirmadas 20 accións máis do ámbito da cultura, a igualdade, a cohesión social e o emprendemento e ademais, segundo adiantou Silva, inaugurarase a sala Maruja Mallo, un novo espazo expositivo no edificio. “Esta sede está chea de vida e é un espazo tamén para os colectivos da cidade, que piden salas e celebran aquí reunións e actos”, manifestou.
A mandataria provincial resaltou a actividade que a Deputación acometeu, xunto ao Concello, no centro e en todas as parroquias con “obras, proxectos e accións moi potentes” nestes seis anos. En materia de viais lembrou que realizáronse as humanizacións de Ronda de Don Bosco, a Estrada Provincial (Rúa Emilia Pardo Bazán), a estrada Calvario – A Garrida; as reformas de Hispanidade, Taboada Leal e Serafín Avendaño; e o novo carril que permite circular en bici polo centro da cidade, ademais de mellorar diferentes viais no rural.
No que respecta as infraestruturas deportivas, a Deputación costea a metade da remodelación de Balaídos, ademais de ter reformado as pistas do IMD no estadio, construír os pavillóns de Quirós e Romil ou mellorar e modernizar dez campos de fútbol. Na área de educación habilitáronse as aulas da UNED e os vestiarios do pavillón do IES de Beade, e estase a executar a cubrición dos patios dos CEIP Pintor Laxeiro e Balaídos. En canto ás dotacións culturais, a Deputación rehabilitou Villa Solita, en Alcabre. A Deputación tamén colabora con O Marisquiño, a feira Mindtech, a promoción do balonmán, os World Paddle Tour 2019 e 2021, o Vigo Sea Fest, o Simposio Nacional de Iluminación que acollerá esta semana a cidade e ata 11 grandes acontecementos máis.
A presidenta detallou a acción de todos os servizos da Deputación en Vigo. En materia de igualdade creouse a Cátedra Feminismos 4.0., unha iniciativa pioneira en España “convertida en referente internacional e posta en marcha en colaboración coa Universidade, coa que temos unha extraordinaria relación”, precisou. Tamén púxose en marcha o proxecto Inspira Steam para fomentar a vocación científico-tecnolóxica entre as rapazas. “A igualdade é unha prioridade absoluta para a Deputación”, subliñou Carmela Silva, que lembrou o lanzamento en Vigo da plataforma Descúbreas, un “potentísimo proxecto de visibilización das mulleres artistas para que as mozas poidan construír unha carreira musical”. A Escola de Igualdade María Vinyals, tamén pioneira en Galicia, tivo presenza na sede coa celebración de tres xornadas, á que se sumará antes de que remate o ano unha cuarta, segundo avanzou a presidenta. “Colaboramos con máis de 250 actividades na cidade e concedemos preto de 300 subvencións na área de igualdade”, engadiu.
No eido cultural, nestes seis anos colaborouse con entidades para celebrar 560 accións. Tamén se referiu á Escola de Letras en colaboración coa Editorial Galaxia, que celebra os seus obradoiros en Vigo na sede da Rúa Chao; ao programa musical Pontegal; a celebración de roteiros culturais ou á financiación de programación con mulleres artistas no MARCO, ademais de subliñar o apoio aos festivais escénicos e audiovisuais e ás Escolas de Música.
Nos programas da Deputación en materia social como En Ruta coa Depo, Depotermal, Depo en Marcha, DepoAventura ou DepoRuarte participaron máis de 25.200 persoas en Vigo, e a Deputación concedeu case 400 axudas a entidades sociais da cidade.
A sede de Vigo no Casco Vello albergou neste tempo máis dun cento de actos culturais, sociais, de igualdade, emprendemento e deportivos. No ámbito da igualdade a presidenta lembrou que o edificio acolleu o nacemento da plataforma de apoio a mulleres artistas “Descubre-As”, así como dous actos máis desta iniciativa pioneira, ademais de tres xornadas da Escola María Vinyals, as entregas dos premios Sofía Novoa ou a presentación da campaña de Nadal de xoguetes non sexistas, exposicións e actos polo 8M. O edificio é lugar frecuente de presentacións de novidades editoriais, acolle a Escola de Letras, e a sala Rosalía de Castro albergou sete exposicións.
O investimento da Deputación manterá o seu ritmo na cidade co acordo xa alcanzado co Concello para realizar obras ata 2023. A colaboración inclúe o inicio da recuperación do dunar de Samil, ademais de accións do programa Vigo Vertical en Aragón e Juan Ramón Jiménez, novas humanizacións en Castelao, San Roque e Martínez Garrido, a mellora de firmes en viais e a cubrición do patio do colexio Javier Sensat. O investimento total é de 16 millóns, dos que a Deputación aporta 11.
A sede seguirá a ser punto de encontro da cidade nos vindeiros meses. Ata xaneiro hai confirmados xa 20 actos. O edificio acollerá tres exposicións: “Lebres coma gacelas”, que homenaxea a Xela Arias e recolle poemas de creadoras en diálogo con artistas visuais; unha mostra do artista cangués Raúl Velloso, e outra da creadora e crítica cultural Rosario Sarmiento. “Con esta última inauguraremos a sala Maruja Mallo, un novo espazo na sede para a exhibición artística que acollerá mostras de artes plásticas e queremos convertela tamén en sala importante de exposicións fotográficas”, detallou.
Tamén terán lugar novas sesións da Escola de Letras con Anna Figueiredo, un DemoDay da aceleradora de comercio de SmartPeme, e no ámbito da igualdade o cuarto acto da Escola María Vinyals e unha acción polo 25N. “Ademais presentaremos a nova campaña do xoguete non sexista, que será totalmente diferente, e en xaneiro faremos de novo a entrega dos Premios Sofía Novoa aquí”, adiantou a mandataria provincial.
O lanzamento de novidades editoriais continuará co acto de presentación de O cemiterio de barcos, de Francisco Castro, o 8 de outubro, e a selección de escritos Polos vieiros do fabulador: Cunqueiro e Pontevedra, o día 19 do mesmo mes.
Los operarios apuran la instalación de los elementos que forman el idílico mercado la Navidad de Vigo, el Cíes Market
Ningún secreto se guarda mejor en Vigo que la fecha del encendido de las luces de Navidad. ¿Cuándo será?
Caballero anuncia que ya comenzó la tramitación urbanística de un ámbito que incluirá zonas verdes y una plaza pública
¿Tienes un negocio en Vigo y te apasiona la Navidad? Puedes participar en este concurso para sorprender a tus clientes y llevarte un gran premio
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL