“Se 20 anos non son nada, 30 dan para moito”. Así comezaba a súa intervención o decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais no acto conmemorativo do 30 aniversario do edificio que alberga o centro, e no que xunto a Jorge Falagán, compartiron lembranzas e vivencias destas tres últimas décadas, o arquitecto Alfonso Penela; o reitor, Manuel Reigosa; o alcalde de Vigo, Abel Caballero e o primeiro decano do centro, Manuel Varela. Persoal docente e investigador e PAS do centro participaron este mediodía na celebración na que tanto os decanos, como o reitor, o alcalde e o arquitecto coincidiron en sinalar o valor, non só arquitectónico do inmoble, “é a xoia da coroa no que respecta á arquitectura do noso campus”, asegurou Falagán, senón tamén a súa importancia “na democratización do ensino e dos espazos de convivencia”, asegurou Caballero, desde que no curso 1991-1992 abriu as súas portas. Ao final do acto, celebrado no salón de actos da facultade, descubriuse un mural conmemorativo desta efeméride creado polo artista Marcos Míguez Puhinger.
Manuel Varela, primeiro decano da facultade, rememorou na súa intervención que a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais comezou a súa actividade en maio de 1987, “cando aínda estabamos integrados na USC e os estudos de economía e empresa en Vigo formaban parte das atribucións académicas do Colexio Universitario (Cuvi), lembrando que xa daquela o centro acollía 1098 estudantes, que no curso 89-90 sumaban 2355. As seis aulas das que dispuñan nos seus inicios resultaban, segundo o primeiro decano do centro, “manifestamente insuficientes”, pero a boa disposición, tanto do equipo reitoral da USC, como da Consellería de Educación permitiu avanzar no proceso de contar con novas instalacións, para o que se asignou un orzamento inicial de 150 millóns de pesetas, “unha cantidade que se duplicaría xa na primeira fase da obra”. Así mesmo, seleccionouse unha parcela no campus; determináronse as necesidades xerais e aceptouse que o proxecto do edificio fose seleccionado nun concurso de ideas, “un procedemento novo que non coñeciamos”, rememorou o primeiro decano do centro.
Dos 16 proxectos presentados, dos que máis da metade foron desbotados por presentar estruturas tipo edificio de pisos e mesmo torres, seleccionáronse aqueles que mellor se adaptaban ao perfil e desniveis da parcela asignada, “así como á paisaxe da zona e que presentaban solucións axeitadas para as instalacións requeridas, así como para as conexións de mobilidade entre os diferentes espazos”, explicou o primeiro decano. Logo da elección da proposta asinada polo arquitecto Alfonso Penela, este recibiu ás necesidades e preocupacións do equipo decanal, que segundo Varela acolleu “con total dispoñibilidade e sensibilidade”, incluída a necesaria expansión do centro, concretada na dotación da biblioteca, salón de graos e actos. “Co da expansión avanzábase tamén na idea de novas aulas e espazos para desafogar o que xa mirabamos insuficiente, e para poder ubicar máis doadamente as actividades de terceiro ciclo”, explicou Varela, que tamén destacou que xa daquela o arquitecto lles avanzara por onde podería ir a solución futura para esta novas pezas e que virían efectivamente a concretarse en dúas fases sucesivas e a completar a estrutura das instalacións coas que as facultade conta actualmente. “Son unhas instalacións nas que se traballa ben, gózase do escenario natural, aínda que son valoracións que dependen das comparacións de cada quen”, dixo Varela.
Tras lembrar que o proxecto da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais foi unha das súas primeiras obras importantes, o arquitecto Alfonso Penela rememorou os inicios dunha obra que se comezou “facendo un claro no bosque e utilizando unha plomada e un metro” e cunha idea común de lugar de unión, onde confluían alumnado e docentes e no que se crea o coñecemento universitario. Na súa intervención, o arquitecto destacou a división que se realizou do bosque “que era cuarta fachada do edificio”, e referiuse a unhas aulas “tipoloxicamente novidosas porque todas se unían dous a dous e incluso tres a tres, cunha rúa única que ía á aula que sube e á que baixa e crea a posibilidade de atoparse”.
Aínda que satisfeito polo traballo realizado, “creo que se construíu un bo edificio e no seu momento houbo un campus no que o coñecemento se compartía”, Penela non agochou a súa decepción polo que veu despois. “ Logo empezou o desastre, empezáronse a construír edificios polo monte, como se fosen vivendas particulares. Cando xurdiu a intención de conectar empezaron os problemas porque había decanos que non querían quitar a valla metálica que os delimitaba e iso non favorecía o desexo de construír un verdadeiro campus”, asegurou o arquitecto. Penela aínda afondou máis nesta idea, trasladándoa ao momento presente, asegurando que “este é un lugar único. Non hai outro que teña esta situación urbanística, pero hai que unir e moito por facer, pero se hai algunha posibilidade é a de apostar por construír un campus e unha cidade universitaria. Campus significa moitas cousas, pero se se define por algo é por estar xuntos e compartir coñecemento”, explicou Penela.
Pola súa banda, o actual decano do centro destacou que máis aló do edificio “tan ben proxectado por Alfonso Penela, non sería tan brillante senón tivese alma”. Para Falagán o verdadeiro sentido do acto de hoxe é recoñecer o labor de todas as persoas que contribuíron a dotar ao edificio de alma: profesorado, alumnado e persoal de administración e servizos. Mentres, o alcalde referiuse ao inmoble como “un edificio moi notable e unha referencia na arquitectura porque flota no aire. O sol vive aquí dentro, a luz vive aquí dentro” asegurou Abel Caballero, que tamén gabou a capacidade da facultade de “democratizar o green”, tradicionalmente vedado nas grandes universidades ao alumnado.
O reitor foi o encargado de pechar o acto cunha mensaxe de futuro, na que Reigosa advertiu que “non teremos o número tan impresionante de estudantes que tivemos”, e no que o centro de investigación Ecobas debe enfrontar o reto de que se lle compare cos mellores de Galicia e do Estado. “Tócanos sementar para o futuro”, dixo o reitor, que tamén asegurou que “podemos estar satisfeitos polo pasado”.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL