O momento actual de debate dos dereitos e do xeito de estar da comunidade LGTBIAQ+ na sociedade, “que nos cremos que ten que ser, obviamente, en igualdade de condicións xurídicas, pero tamén sociais, e é neste segundo eido onde a comunidade atopa máis obstáculos e os más difíciles de remover”, detalla o doutorando da UVigo Antonio Villanueva, está na xénese da organización do Evento In, que a vindeira semana arrancará na Facultade de Filoloxía e Tradución cunha mesa de traballo sobre teoría feminista e teoría queer e un obradoiro de linguaxe inclusiva. Evento In (Internacional, Inclusiva, Investigadora). A UVigo celebra diversidade é unha iniciativa da Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, o Consello de Estudantes e o Consello Social da UVigo que ten o obxectivo de, a través de relatorios, obradoiros e poesía, sensibilizar e celebrar a diversidade da comunidade LGTBIAQ+, “o cal tamén beneficiará todo tipo de diversidade, pois comprender e respectar a diversidade é máis unha actitude e un hábito que outra cousa”, explica o seu director, que agradece á Universidade, e en especial á vicerreitora Maribel Doval, o seu interese e apoio para poñer en marcha esta iniciativa.
Neste sentido, Maribel Doval explica o compromiso da UVigo con este iniciativa "por seren unha actividade proposta polo estudantado, e o seu carácter divulgativo e de transferencia do coñecemento dende a Uvigo cara á sociedade nunha área, como é a diversidade da comunidade LGTBIAQ+, o que fai destas xornadas unha iniciativa pioneira en Galiza". As e os organizadores teñen moi presente que a celebración de Evento In coincide no tempo coa reaparición en España e noutros países de mostras públicas de violencia LGTBIfóbica “no seo dunha sociedade fragmentada, polarizada e, polo tanto, radicalizada, que carece puntos de apoio e referentes honesto e superficiais”, sinala Antonio Villanueva, que considera que “a reflexión é imprescindible, pero na sociedade actual tamén é unha cuestión de supervivencia, por desgraza”, asegura. Pola súa banda, a vicerreitora considera que "o colectivo atópase IN, dentro da sociedade, pero todavía privada de certos dereitos e, sobre todo, enfrontándose a obstáculos sociais", lamenta Doval.
18 relatores e relatoras achegarán entre os días 4 ao 6 de outubro os seus coñecementos e opinións sobre cuestións que van da regulación do trans, á biodiversidade e construción de identidades, pasando pola transexualidade e transxenerismo, a arte e diversidade ou a etnografía e identidade de xénero non binario. O Círculo de Empresarios de Galicia en Vigo acollerá os relatorios, que tamén se poderán seguir de xeito virtual, e que se organizan en tres áreas temáticas: relacións de veciñanza, urbi et orbi e control de masas.
“A primeira xornada”, que se celebrará o luns 4 de outubro a partir das 16.00 horas, “chámase Relacións de veciñanza, porque se falará dos distintos colectivos da comunidade e tamén da relación entre eles, cunha reflexión final que aborda a relación coa sociedade. O segundo día, Urbi et orbi, reflexionarase sobre a situación da comunidade dende unha perspectiva internacional, etnográfica. E o último día, Control de masas, céntrase na representación da comunidade na cultura de masas que, como sabemos, é un medio para controlar a opinión e o comportamento da xente. Esta reflexión axudará a desenvolver unha mirada crítica ante os estereotipos que nos rodean”, detalla Antonio Villanueva. O organizador, que destaca os méritos académicos e o nivel intelectual de todas e todos os poñente, incide na participación nestas tres xornadas da reitora trans da Universidad de EAN de Colombia, Brigitte Baptiste; da primeira catedrática abertamente trans de España, Maria Echebarría Sáenz; de Natividade Gutiérrez Chong, referente no estudo dos muxes mexicanos ou do profesor José Ignacio Pichardo, investigador da comunidade LGTBIAQ+ en España e no estranxeiro. As persoas interesadas en seguir os relatorios deberán inscribirse cubrindo un formulario.
Con anterioridade á celebración das conferencias, o Evento In comezará os días 28 e 29 de setembro con dúas actividades na Facultade de Filoloxía e Tradución, organizadas pola docente e investigadora do centro Beatriz Suárez Briones. O día 28 terá lugar a presentación da mesa de traballo Teoría feminista e teoría queer e o Obradoiro linguaxe inclusiva In-formando a diversidade, que tamén se celebrará ao día seguinte. A mesa de traballo dará a coñecer esta actividade á comunidade universitaria a través da análise de textos que pertencen a estes estudos, mentres que o obradoiro de linguaxe inclusiva diríxese ao alumnado co obxectivo de formalo na utilización deste tipo de linguaxe na redacción de traballos académicos, como TFG. “Cremos que a nosa linguaxe coñecerá un cambio neste senso que afectará á nosa maneira de expresarnos e, en consecuencia, temos que ir coñecendo a maneira de incorporar a diversidade tamén neste ámbito”, explican desde a organización do Evento In.
As actividades chegarán ao seu fin coa celebración o 15 de outubro, a partir das 20.00 horas, no Teatro Principal de Pontevedra, do recital In- Amor-Es no que participarán as poetas Andrea Nunes Brións e María Rosendo Priego, o poeta Jesús Castro Yañez e o músico Lois Búa. “In' significa ‘dentro’, ‘ao interior’ (infiltrar), aínda que tamén ‘privado de’ (inacabable), e cando é unha cuestión de Amor (Amor-Es) a comunidade LGTBIAQ+, coma todos, podemos estar dentro, como privados del. E trátase de que todos esteamos dentro. Ademais, dun xeito coloquial, ‘in’ significa estar de moda, e o amor sempre está de moda: non pode ser doutro xeito”, explica Antonio Villanueva, que reivindica o poder subversivo da poesía, “tanto coma o dun escrito científico”, asegura.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL