O nitróxeno é clave para a realización da fotosíntese mariña e a súa escaseza limita non só a produtividade dos recursos mariños senón tamén a capacidade dos océanos para captar e eliminar o dióxido de carbono da atmosfera. Unha das principais vías para que o nitróxeno chegue ao fitoplancto, que habita a superficie oceánica iluminada, é o transporte de nitrato mediante a mestura das augas profundas enriquecidas á superficie. Pero o coñecemento que a comunidade científica ten sobre a magnitude deste proceso é limitado, debido ás dificultades para cuantificar a turbulencia no océano. Neste contexto enmárcase o estudo realizado por investigadores da Universidade de Vigo e liderado por Beatriz Mouriño, investigadora do Grupo de Oceanografía Biolóxica do CIM-UVigo, que hoxe publica a revista Scientific Reports. “O noso estudo”, avanza a científica, “achega o primeiro mapa da mestura de nitrato dende augas profundas a escala global e os modelos elaborados permiten predicir a magnitude deste proceso en diferentes rexións de forma sinxela”.
Os investigadores explican que cuantificar a mestura no océano é moi complexo, motivo polo cal optaron por “construír modelos para poder predicila a partir de variables que son fáciles de medir e están dispoñibles nas bases de datos oceánicas ou son accesibles dende o espazo”. Para construír estes modelos empregaron os datos obtidos polo Grupo de Oceanografía Biolóxica en 181 estacións realizadas en 16 campañas oceanográficas nas rexións tropicais e subtropicais do Atlántico e do Pacífico, no Mediterráneo, na Antártica, nas rías galegas e no golfo de Biscaia entre outubro de 2006 e decembro de 2015, no transcurso de proxectos como Malaspina, CHAOS ou Nicanor. O modelo global construído con estas 181 estacións, explica Mouriño, “aplicámolo a datos de temperatura superficial e concentración de nitrato obtidos das bases de datos para construír o mapa global e calcular a magnitude da mestura nas rexións tropicais e subtropicais. Este cálculo desvelou que este mecanismo é un dos principais procesos que achegan nitróxeno as capas superficiais nestas rexións”.
De feito, os científicos da UVigo remarcan que o coñecemento sobre os procesos que achegan nitróxeno ás capas superiores do océano é clave para “entender o papel do océano na regulación do clima, xa que o nitróxeno é clave para a realización da fotosíntese e a captación de dióxido de carbono atmosférico por parte do océano”.
Como explica Mouriño, o estudo que hoxe publica Scientific Reports foi realizado case na súa totalidade por investigadores da UVigo, aínda que algúns deles agora pertenzan a outros organismos, sendo a única persoa allea á institución viguesa Borja Aguiar. Así, asinan este estudo xunto con Mouriño, os investigadores do Departamento de Bioloxía e Ecoloxía Animal da UVigo, Emilio Marañón, José Luis Otero, Mariña Blázquez, Paloma Chouciño, Víctor Moreira e Marina Villamaña, así como Bieito Fernández, agora na Universidade de Southampton, Rocío Graña, do Instituto Español de Oceanografía e Borja Aguiar, investigador da Universidade de Las Palmas de Gran Canaria.
A orixe deste estudo está no traballo de fin de grao de Mariña Blázquez, estudante de Ciencias do Mar no curso 2015/2016, dirixido por Mouriño e Bieito Fernández. A elaboración do modelo foi mellorada e forma parte da tese de José Luis Otero, defendida no 2020 cuxos directores son a propia Mouriño e Pedro Cermeño.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL