“Que resulte premiada é, por suposto, algo marabilloso”, asegura Helena Cortés Gabaudán, Premio Nacional a la Mejor Traducción 2021 pola tradución ao español do orixinal en alemán da obra El Diván de Oriente y Occidente (West-östlicher Divan) de Johann Wolfgang von Goethe. “Foi unha grande alegría e supón un recoñecemento moi ilusionante a un labor bastante solitario de moitos anos”, explica a docente e investigadora do Departamento de Filoloxía inglesa, francesa e alemá da Universidade de Vigo, que recoñece que a tradución é unha parte moi importante da súa vida “que vai más aló da mera esixencia de investigación da universidade. É unha vocación”, afirma.
O Ministerio de Cultura y Deporte, a través da Dirección General del Libro y Fomento de la Lectura, confirmaba nas últimas horas o Premio Nacional a la Mejor Traducción 2021 para Helena Cortés, así como o Premio Nacional a la Obra de un Traductor para Anne-Hélène Suárez “polo seu gran labor de difusión da literatura china en España”. No caso de Cortés, o xurado propuxo a súa obra ao considerar que El Diván de Oriente y Occidente “é un intento pioneiro de fusionar as culturas de Oriente e Occidente”, ao tempo que destaca que se trata dun “texto clásico que se traduce íntegro por vez primeira respectando a forma do orixinal alemán, que, a súa vez, se basea nas formas da poesía persa. Trátase dun gran reto filolóxico para lingua castelá polo seus elementos rítmicos e métricos, cuxa incorporación enriquece o canon da nosa literatura”.
Uns dous anos, nos que tamén compatibilizou outros traballos, investiu Helena Cortés en traducir a que considera “unha obra con infinitos niveis de lectura”, ademais dun “verdadeiro monumento cultural de enorme importancia e, non obstante, apenas coñecido fóra de Alemaña”. Consciente de que West-östlicher Divan reúne todas as características para optar a un premio, “aínda que unha nunca se espera estas cousas, máxime cando nos dous últimos anos se premiaran dúas obras traducidas do alemán e non é costume repetir a mesma lingua premiada varios años seguidos”, Cortés quería dar a coñecer en España esta obra de Goethe que considera un impresionante canto á tolerancia cultural e ao diálogo entre civilizacións, anterior e máis verdadeiro que outros intentos do mesmo xénero e tamén máis natural e fresco no seu ton e forma.
“O manuscrito desta obra é por iso Patrimonio mundial da Unesco, foi musicalizado polos máis grandes como Schubert, Schumann ou Schönberg, e, por exemplo, Daniel Barenboim e Edward Said crearon en 1999 unha orquestra que trata de loitar pola paz entre árabes e israelitas que leva precisamente o nome da obra de Goethe, West-Eastern Divan Orchestra, é dicir, en todo o mundo é un símbolo de concordia”, explica a tradutora.
A Premio Nacional a la Mejor Traducción 2021 non agocha as moitas dificultades que entrañou o seu traballo de tradución dunha obra na que destaca a capacidade de Goethe de fusionar con total naturalidade “o alemán e o persa, o íntimo (como os seus amores cunha muller casada, Marianne von Willemer, que lle inspira en gran medida esta obra) e o público, o erudito e o popular, os problemas da súa propia época e unha base medieval, creando un pastiche absolutamente persoal dunha enorme orixinalidade, no que é imposible saber que é só da súa colleita, que é tomado dos seus modelos persas clásicos (sobre todo o poeta Hafiz) o que é versionado”, detalla Helena Cortés.
Ademais da dificultade que comporta a poesía, así como a gran distancia entre o alemán e o español, a docente e investigadora da UVigo enfrontou outros retos no proceso de traducir West-östlicher Divan. “Eu teño moito empeño en reproducir fielmente a forma estética elixida, pero neste caso, resaltaría sobre todo a complexidade de verter ao español unha obra alemá que leva na súa base moita veces un texto persa e que imita a forma poética persa da ‘gacela’ ou ‘gazal’, o que me obrigou a estudar (en traducións a outros idiomas) os orixinais persas para poder dar conta deste tons e metros orientais que deben ‘soar’ tamén na obra, sen deixar por iso de traducir fielmente o orixinal alemán”, explica a tradutora.
Licenciada e doutora en Filoloxía Alemá pola Universidad de Salamanca, profesora titular da UVigo, onde se incorporou no ano 1992, e directora do Instituto Cervantes nas súa sedes de Bremen, Hamburgo e Múnich entre os anos 2005 e 2015, Helena Cortés está especializada en Friedrich Hölderlin e na época clásico romántica alemá arredor de 1800. Xunto a Hölderlin, traduciu ao español obras de Martin Heidegger, Grimm, Fontane, Rilke e, por suposto, Goethe. “Traducín varias obras deste autor, a máis recoñecida seguramente é Fausto, que traducín nunha versión rítmica moi fiel, e que hai pouco foi a versión elixida pola editorial Galaxia Gutenberg para unha edición de luxo con láminas do artista Miquel Barceló”, detalla a autora.
O Premio Nacional a la Mejor Traducción 2021 que lle acaba de ser concedido se suma a outros galardóns recibidos por Cortés ao longo da súa traxectoria profesional, como a Medalla de Ouro Goethe da Sociedade Internacional Goethe pola súa contribución á xermanística. A docente e investigadora do Departamento de Filoloxía inglesa, francesa e alemá da Universidade de Vigo, que desde 2018 é membro numerario da Academia alemá da lingua e a literatura, acaba de entregar á editorial Tresmolins unha antoloxía poética da autora xudeo-alemá do século XX, Mascha Kaléko, titulada Hoja al viento, ademais de ter outros proxectos en curso, “ pero actualmente estou más concentrada en escribir unha biografía bastante persoal de Goethe”, avanza Helena Cortés.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL