O proxecto europeo In Common Sports, do que forma parte o grupo de investigación HealthyFit, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, ten como obxectivo tanto desenvolver programas de actividade física e torneos deportivos para maiores de 65 anos, como analizar os efectos que estes teñen na súa calidade de vida e a influencia que ten a competición como factor de motivación. Coordinado pola Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, este proxecto levou nos últimos anos á organización de ‘olimpíadas’ de deporte sénior en diferentes países, unha iniciativa que, unha vez a situación sanitaria o permita, terá continuidade ata 2023 ao abeiro de In Common Sports: Fit, Food and Fun for Elderly, un proxecto seleccionado na última convocatoria do programa Erasmus + Sports. Cun financiamento de máis de 350.000 euros e coordinado tamén por Vila Nova de Cerveira, trátase ademais do único proxecto con participación da Universidade de Vigo seleccionado na última convocatoria deste programa comunitario.
“Isto demostra que as cousas estanse facendo ben, porque é unha convocatoria á que se presentan gran cantidade de proxectos”, salienta o profesor José María Cancela, investigador principal do grupo HealthyFit. Xunto á Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira e á Universidade de Vigo, o novo proxecto mantén como socios ao Instituto Politécnico de Viana do Castelo, ao municipio italiano de Cesena, á asociación Zoldpont de Hungría e ao municipio búlgaro de Aksakovo, aos que se suma o Instituto Público de Deportes da localidade eslovena de Nova Gorica. Coordinado pola técnica da Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira Manuela Ferreira, o proxecto mantén tamén unha liña de traballo e investigación centrada no desenvolvemento de programas de actividade física e na organización de competicións de deporte sénior. Desta volta, incorporando a análise da alimentación dos maiores participantes nos seis países á avaliación que realizan do seu estado físico e da súa calidade de vida.
Esta liña de traballo tivo como precedente Olympics4All, un proxecto de deporte sénior impulsado en 2015 en Vila Nova de Cerveira, que levou á posta en marcha das “olimpíadas interxeracionais”, unhas competicións de deporte sénior ás que se deu continuidade nos seguintes proxectos. De feito, está previsto que, se a Covid19 o permite, se desenvolvan ata 2023 un total de 18 torneos nos seis países, que involucrarán a máis de 500 maiores de 65 anos. No caso de España, esta actividade levarase a cabo de novo cos e coas participantes no programa de actividade física para maiores do Concello de Sanxenxo, cos que o grupo HealthyFit organizou en 2019, xunto co servizo de deportes, unha competición na que participaron máis de 100 persoas.
Os investigadores realizarán un seguimento tanto dun grupo experimental, que suma á súa participación no programa a preparación dos xogos nos que vai competir, como un dun grupo de control, que participará no programa pero non nas competicións. Este comprenderá unha avaliación do seu equilibrio, niveis de forza corporal e resistencia aeróbica, deterioro cognitivo, motivación cara a práctica deportiva e saúde xeral. Á súa vez, completarase cun “rexistro da súa alimentación”, apunta Cancela, co obxectivo de realizar unha análise da súa dieta e observar como esta “pode condicionar o desenvolvemento da práctica deportiva”, á vez que o de estudar tamén se “a alimentación neste colectivo é moi diferente dun país a outro”. De feito, explica, a análise dos resultados do actual proxecto permitiu constatar “que a competición motivaba ás persoas maiores a seguir facendo exercicio”, pero tamén que "tanto as motivacións como os obxectivos polos que fan actividades deportivas son diferentes se comparamos os países do sur cos do centro de Europa”, como recollen nun artigo recentemente publicado no Journal of Aging and Physical Activity.
O grupo HealthyFit é tamén o responsable de coordinar os traballos de deseño e avaliación dos programas de exercicio físico que se desenvolverán nos seis países. “O que se fixo na primeira parte foi determinar unha serie de deportes e adaptalos para esta poboación, con moi bos resultados, xa que tiveron moi boa aceptación”, sinala Cancela. Nese senso, outro dos propósitos deste proxecto é crear un “protocolo normalizado” para as adaptacións realizadas de disciplinas como o voleibol ou o balonmán, de tal xeito que as competicións “se leven a cabo da mesma forma en todas as sedes”. Ademais, estes torneos completaranse con xogos tradicionais dos diferentes países nos que se desenvolve o proxecto.
Aínda que estaba previsto que a primeira edición In Common Sports concluíse o pasado ano, a situación sanitaria provocada pola covid-19 obrigou a trasladar o peche do proxecto a 2021, á vez que marcará tamén a avaliación final das e os participantes. De feito, o parón que supuxo o confinamento no programa de actividade física motivou que non poida realizarse unha análise final dos seus posibles beneficios. Mais, no seu lugar permitirá estudar, como apunta Cancela, “como evolucionaron neste período as variables físicas e cognitivas, xa que o normal é que se produza unha baixada”.
Se ha registrado una nueva propuesta para evitar que el faro de la illa de Ons caiga en descuido. Esta es la petición que hacen
Alfonso Rueda señala a Óscar Puente tras sufrir en primera persona las incidencias de los trenes de Galicia. El presidente de la Xunta ha quedado atrapado en Ourense
Redondela continúa trabajando para reducir el número de gatos callejeros. Este es el programa "pionero" que acaban de presentar
La Guardia Civil ya investiga la muerte del niño que ha aparecido en Ares. El joven salió a pasear en bici y desapareció misteriosamente
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL