A difusión de noticias falsas e boatos a través das redes sociais e aplicacións de mensaxería instantánea tense convertido nun problema global, con efectos en múltiples ámbitos, desde a política e os procesos electorais á saúde ou a proliferación dos discursos do odio. De xeito paralelo, tamén medrou nos últimos anos a visibilidade e relevancia das iniciativas de verificación de datos, dos fact-checkers, que fan uso destas mesmas plataformas, empregadas cada vez en maior medida como vía de acceso á información, para loitar contra a desinformación. Analizar as características formais e narrativas dos contidos xerados polos fact-checkers iberoamericanos co propósito de identificar que factores poden contribuír a facer virais estes contidos e lograr así unha maior difusión é un dos obxectivos centrais da investigación que desenvolve o grupo Sepcom, da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Seleccionado na convocatoria de proxectos de I+D+i Retos Investigación do Ministerio de Ciencia e Innovación, o proxecto, que se estenderá ata 2022, comprende tamén a elaboración dunha serie de recursos didácticos para a alfabetización dixital da cidadanía.
“Sabemos que a desinformación circula de xeito moi rápido, que ten moitas vías para difundirse, e nós queremos centrarnos en coñecer que están facendo os que loitan contra ela”, salienta o profesor Alberto Dafonte, investigador principal, xunto coa coordinadora do grupo Sepcom, Mabel Míguez, do proxecto Narrativas digitales contra la desinformación. Estudio de redes, temas y formatos en los fact-checkers iberoamericanos. O seu obxectivo é analizar todos aqueles elementos que poden ter incidencia na difusión das mensaxes dos fact-checkers, tendo en conta, como salienta Míguez, que “as estratexias que se seguen para a transmisión dos boatos non son válidas para os desmentidos, xa que o simple feito de que teñas que basearte nos datos e na obxectividade condiciona moito as túas posibilidades de viralización”.
En primeiro termo, o proxecto centrarase na análise dos contidos difundidos ao longo de 2020 por 17 fact-checkers de España, Portugal, Bolivia, Brasil, Arxentina, México, Colombia, Perú, Ecuador e Venezuela. Como explica Dafonte, baixo este termo englóbanse iniciativas de verificación de datos “moi diferentes”, desde “seccións específicas de medios de comunicación convencionais a organizacións sen ánimo de lucro”. Neste caso, a análise centrarase naquelas iniciativas iberoamericanas acollidas á International Fact-Checking Network (IFCN), que fixa unha serie de principios éticos neste labor de loita contra a desinformación. O estudo comprenderá a identificación de “características comúns en canto a aspectos formais, narrativos e temáticos” das mensaxes que xeraron maior interacción en redes sociais; a análise daqueles “parámetros cuantificables” que poidan ter incidencia na difusión, como a frecuencia ou o horario de publicación; a adaptación dos contidos ás características das diferentes redes sociais ou o uso das diferentes aplicacións de mensaxería.
De feito, esta proxecto tivo como punto de partida a estadía de investigación que, co financiamento do programa José Castillejo, Dafonte desenvolveu en 2019 na Pontificia Universidad Católica de Chile e que lle permitiu identificar as diferentes redes e ferramentas que empregan os medios inseridos na IFCN para a difusión dos seus contidos.
Os investigadores e investigadoras deteranse tamén nas temáticas más frecuentes nestas publicacións, e, polo tanto, os ámbitos nos que maior incidencia teñen as fake news. A pesares de que os boatos están sempre ligados á actualidade de cada momento, “en estudos previos detectamos que existen certas temáticas recorrentes”, explica Dafonte, como aquelas relacionadas coa política, coa inmigración, os boatos dirixidos contra os movementos feminista e LGTBI ou aqueles centrados en cuestións de saúde. Estes últimos converteranse, por mor da covid-19, nun dos grandes protagonistas desta análise. De feito, a Organización Mundial da Saúde ten alertado nos últimos meses dos perigos que, máis aló da propia pandemia, pode xerar a “infodemia”, como lembra Dafonte, que incide en que, polo xeral, tralos boatos, “normalmente non hai xente que inventa unha cousa sen máis, senón grupos organizados”.
A partires desta análise, o proxecto completarase coa creación dun “banco de recursos para a alfabetización dixital e mediática da cidadanía”, así como dun curso de formación en liña orientado principalmente a un público adulto. Do mesmo xeito, deseñaranse tamén recursos educativos abertos dirixidos ao alumnado de educación secundaria, “nos que traballaremos con diferentes formatos e materiais” e que estarán dirixidos a “divulgar boas prácticas á hora de verificar información e ser crítico co que recibes”, apunta Dafonte. Con esa idea, o proxecto suma aos investigadores e investigadoras do grupo Sepcom a participación da docente do Departamento de Didáctica, Organización Escolar e Métodos de Investigación da UVigo Silvia Sierra. Á súa vez, na investigación participan tamén os investigadores da Pontificia Universidad Católica de Chile e expertos en iniciativas de fact-checking latinoamericanas Francisco Javier Fernández e Enrique Nuñez e a docente da Universidade da Coruña Teresa Piñeiro.
A organización, en 2022, dun congreso centrado nesta temática é outra das actividades previstas no marco do primeiro proxecto con financiamento estatal que acada o grupo Sepcom (Investigación en Comunicación para o Servizo Público), creado en 2016. “É un fito importante na nosa traxectoria, que supón a nosa consolidación como grupo”, sinala Míguez.
Los operarios apuran la instalación de los elementos que forman el idílico mercado la Navidad de Vigo, el Cíes Market
Ningún secreto se guarda mejor en Vigo que la fecha del encendido de las luces de Navidad. ¿Cuándo será?
Caballero anuncia que ya comenzó la tramitación urbanística de un ámbito que incluirá zonas verdes y una plaza pública
¿Tienes un negocio en Vigo y te apasiona la Navidad? Puedes participar en este concurso para sorprender a tus clientes y llevarte un gran premio
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL
Teño a impresión de que os fact-checkers (polo menos en España) teñen máis implicación política do que queren comprobar nada.