Trinta anos despois do seu nacemento, a Universidade de Vigo pon en funcionamento desde hoxe a Comunidade Alumni-UVigo, un servizo que crea un novo espazo de comunicación que permite, non só manter activo o vínculo entre a institución e as persoas tituladas e outros colectivos que mantivesen relación académica ou contractual coa institución, senón tamén establecer sinerxías dentro do colectivo, que faciliten o seu desenvolvemento persoal e profesional. Este mediodía na presentación da Comunidade, o reitor destacou a importancia de pór en marcha este espazo de relación coas persoas egresadas que queren formar parte do futuro dunha universidade na que “faltaba a sensación de pertenza a unha institución da que podemos estar orgullosos”, dixo Reigosa. Xunto ao reitor, o presidente da Federación de Asociaciones de Antiguos Alumnos y Amigos de las Universidades Españolas, Alumni España, Antonio José Redondo; o presidente do Consello Social da UVigo, Ernesto Pedrosa e a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, incidiron na relevancia desta iniciativa, que segundo Pedrosa fai deste día “un dos máis gratificantes da miña etapa á fronte do Consello Social da Universidade de Vigo”.
Cunha páxina web de seu, que as persoas interesadas deberán utilizar para unirse á Comunidade Alumni-UVigo e na que se recompila toda a información de interese deste novo servizo, esta rede de contacto das persoas vinculadas á Universidade de Vigo ten como obxectivos principais os de colaborar coas tarefas de coñecemento da situación e da bagaxe profesional do antigo alumnado; facilitar a localización de antigo estudantado a quen lle poida xurdir algún asunto de interese particular ou colectivo; favorecer as relacións da rede de contactos profesionais, así como aumentar as posibilidades de xerar oportunidades de negocio entre a comunidade ou organizar encontros ou estreitar vínculos de colaboración entre as empresas e as institucións nas que se atopen integrados os usuarios da comunidade Alumni-UVigo e a propia UVigo, en materias de interese común.
Tras estudar os modelos existentes noutras universidades, a UVigo optou por unha fórmula mixta para implantar este servizo que poderán integrar persoas tituladas, PDI, PAS ou alumnado de programas de mobilidade. Ademais, de forma motivada, poderáselles outorgar os recoñecementos de alumni-UVigo honorífico a persoas que sen pertencer a ningunha das categorías anteriores, teñan unha relevancia, ou méritos de excelencia, que as fagan merecedoras de tal distinción, como é caso dos doutores/as honoris causa pola propia universidade. Outras dúas categorías son as de alumni-UVigo distinguido en atención a súa especial implicación coa comunidade, sexa a través de accións de mecenado, mentoría, facilitadoras de emprego, acollida etc, e amigo de alumni-UVigo para persoas achegadas e amigos da institución, que sen pertencer a ningunha das categorías definidas previamente, mostren o interese en formar parte activa da comunidade.
“As persoas usuarias da comunidade Alumni-UVigo disfrutarán, entre outros, dos beneficios de participar de accións formativas, apoio laboral ou ao emprendemento; vantaxes que ofrezan tanto a UVigo coma entidades colaboradoras á comunidade, como actividades de extensión universitaria, tanto culturais coma deportivas, uso do servizo da biblioteca e servizos de préstamo de libros ou acceso á oferta formativa ofrecida polo Centro de Linguas”, explicou Natalia Caparrini, que agradeceu a implicación de todas as persoas e entidades que participaron na posta en marcha desta iniciativa. Pola súa banda, o reitor, desexou que todas as persoas que participen na comunidade obteñan dela as maiores vantaxes e que este servizo “sexa unha canle aberta coas persoas que forman parte dela”, sinalou Reigosa.
Nas súas respectivas intervencións, o presidente da Federación de Asociaciones de Antiguos Alumnos y Amigos de las Universidades Españolas, Alumni España, Antonio José Redondo e o presidente do Consello Social da UVigo, Ernesto Pedrosa, coincidiron en sinalar ás egresadas e egresados como “os mellores embaixadores que teñen as universidades”. Redondo, que lembrou que a día de hoxe son máis de 50 as universidades que integran a Asociación de Antiguos Alumnos y Amigos de las Universidades Españolas, incidiu no papel das persoas egresadas para “axudar aos actuais alumnos sobre o que lles agarda fóra”. Así mesmo, lembrou o importante papel dos antigos alumnos nas campañas de recollidas de fondos, como as desenvolvidas recentemente polas universidades de Deusto e Valencia para acadar cartos destinados a paliar os efectos da pandemia e nas que acadaron máis de 700.000 euros.
Pola súa banda, o presidente do Consello Social da UVigo manifestou a súa satisfacción porque “por fin os alumni poidan encontrarse e apoiarse, aproveitando capacidades e potencialidades recíprocas”. Ernesto Pedrosa referiuse á creación da Comunidade Alumni-UVigo como “unha iniciativa fertilizadora, porque os exalumnos teñen o ben máis prezado que unha universidade pode ofrecer ao seu estudantado: poñer ao seu servizo formación competencial e experiencia de quen os precedeu”, dixo o presidente do Consello Social da Universidade de Vigo.
Os antecedentes da Comunidad Alumni-UVigo que hoxe entra en funcionamento remóntanse ao ano 1997, cando se creou a Asociación de Amigos e Antigos Alumnos da Universidade de Vigo co obxectivo de impulsar e favorecer os lazos da sociedade, o tecido empresarial, e a Universidade. Na actualidade a asociación continúa a súa actividade con José María Franco García á cabeza e mais de 100 asociados que participan activamente nas accións que dende entón se levan impulsando.
Xa no ano 2016, botaba a andar o Observatorio das Persoas Tituladas da Universidade de Vigo, unha iniciativa pioneira en España, liderada por Luis Espada Recarey, primeiro reitor da UVigo coa finalidade de manter un canle que permitise continuar coa elaboración de estudos de seguimento da inserción laboral do antigo alumnado.
Los operarios apuran la instalación de los elementos que forman el idílico mercado la Navidad de Vigo, el Cíes Market
Ningún secreto se guarda mejor en Vigo que la fecha del encendido de las luces de Navidad. ¿Cuándo será?
Caballero anuncia que ya comenzó la tramitación urbanística de un ámbito que incluirá zonas verdes y una plaza pública
¿Tienes un negocio en Vigo y te apasiona la Navidad? Puedes participar en este concurso para sorprender a tus clientes y llevarte un gran premio
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL