O Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) está a participar, da man da investigadora Elena Ojea, nun proxecto Interreg Espazo Mediterráneo que ten por obxectivo aumentar a resiliencia, o bo estado medioambiental e o uso sostible dos recursos mariños das Áreas Mariñas Protexidas (AMPs) deste ámbito xeográfico. Trátase do proxecto MPA4Change, coordinado polo Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e no que, ademais do CIM da UVigo, participan outras nove entidades beneficiarias e 17 asociadas procedentes de 12 países: desde Suecia, Reino Unido e Alemaña ata Tunisia, Marrocos, Malta ou Croacia, toda unha rede internacional traballando de maneira conxunta a prol do medio ambiente. A iniciativa conta cun orzamento de preto dun millón de euros, dos que arredor de 90.000 lle corresponde ao CIM.
Os ecosistemas mariños mediterráneos e os medios de vida humanos que dependen deles estanse vendo afectados polo aumento da temperatura da auga, das vagas de calor, da subida do nivel do mar e da acidificación e desosixenación do mesmo. Ademais, os efectos da sobre-pesca, a perda de hábitats ou a contaminación, tamén están a remodelar a estrutura e o funcionamento dos hábitats mariños cuxa perda de biodiversidade repercute nos servizos que dependen da calidade dos mesmos, como a pesca ou a protección costeira. Neste contexto, MPA4Change pretende crear un plan de acción para que as AMPs do Mediterráneo aseguren a súa sostibilidade a longo prazo ademais de transferir a aprendizaxe ao longo dos anteriores proxectos con AMPs no Mediterráneo ao Atlántico, de aí que estea involucrado o Parque Nacional das Illas Atlánticas.
O fin último é aumentar a capacidade de adaptación ao cambio climático mediante a mellora da eficacia das AMPs e a súa restauración, mellorar a coordinación e a cooperación das partes interesadas e reforzar a sensibilización e a cultura ambiental ante o cambio climático.
O proxecto buscará, por unha banda, mellorar a capacidade das AMPs para adaptarse ao cambio climático e, da outra, apoiar o diálogo político, así como contribuír á implementación do plan de acción a través da creación dun grupo de especialistas que guiará o proceso máis aló da duración do mesmo. A investigadora do CIM Elena Ojea comenta ao este respecto que “para iso deseñamos un proxecto de transferencia e capacitación no que axudamos ás AMPs a adaptarse ao cambio climático achegando ferramentas, creando un grupo de expertos para guiar o proceso e fomentamos un diálogo político no ámbito mediterráneo e europeo”.
Ojea recoñece que “estamos involucrados na maioría das tarefas que se realizan no marco do proxecto e, en concreto, encargarémonos de coordinar a posta a punto e a transferencia dos kits de ferramentas xa consolidadas e que foron desenvoltas en anteriores proxectos do Interreg- Euro-Med (MPA-Adapt e MPA-Engage) e que foron probadas en distintas áreas protexidas do Mediterráneo”. Ademáis, desde Vigo lidérase tamén a tarefa da avaliación da pegada de carbono e as accións de mitigación para contribuír a unha sociedade climaticamente neutra.
Durante estes primeiros meses de traballo -arrancaron en xaneiro-, o equipo do CIM estivo actualizando e mellorando a ferramenta web que se desenvolveu no proxecto MPA-Engage para que as persoas xestoras das AMPs puidesen levar a cabo o estudo da vulnerabilidade climática das súas áreas. Desta forma, poden deseñar plans específicos de adaptación e mitigación fronte aos efectos do cambio climático que se observan nos seus respectivos territorios. Ademais, tiveron tamén a oportunidade de colaborar en distintas accións de difusión e transferencia dirixidas ás partes interesadas en todo o Mediterráneo grazas a un mapeo dos principais actores, así como de potenciais usuarios finais para a transferencia.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL