Seis investigadoras referentes, seis retos e seis olladas de futuro. Así é a segunda edición da serie documental Desafíos do Océano: científicas ao mando, un proxecto posto en marcha pola Universidade de Vigo a través do Campus do Mar no que investigadoras de diferentes ámbitos do medio mariño contan a súa visión e experiencia ante novos retos de futuro. Cambio climático e produción primaria mariña, control da pesca, enerxía mariña e fontes alternativas, contaminantes emerxentes, xenética aplicada á conservación de especies e control do medio mariño son os desafíos que se abordan en cada un dos capítulos, de 10 minutos de duración, e xa dispoñibles para o público a través da páxina web do proxecto e das redes.
O edificio Redeiras da Universidade de Vigo acolleu este xoves a presentación pública desta serie documental, un proxecto que contou coa colaboración e cofinanciamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología - Ministerio de Ciencia e Innovación, FECYT. As seis protagonistas compartiron co público as súas experiencias no proxecto, dúas delas de forma presencial e outras catro a través de vídeos enviados para a ocasión. Un proxecto que naceu “para visibilizar a investigación mariña liderada por mulleres e espertar vocacións científicas e inspirar á mocidade abordando os novos problemas oceánicos críticos” e que, como sinalou o director do Campus do Mar, Daniel Rey, culmina esta segunda edición con novas temáticas, novos espazos de divulgación e novas melloras técnicas.
“Esta serie danos a oportunidade de promover a igualdade de xénero en STEM visibilizando modelos a seguir a través de historias atractivas que crean conexións emocionais coa audiencia, pero tamén de poñer en valor o traballo realizado por todas as investigadoras participantes, facilitando o poder influír en determinadas decisións políticas sobre a conservación oceánica”, explicou. Daniel Rey resaltou ademais a grande acollida da primeira edición de Desafíos do Océano, que acadou máis de 100.000 reproducións das seis pezas documentais e que foi destacado pola FECYT como exemplo de boas prácticas entre máis de 200 proxectos de toda España.
Pola súa banda, a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Mónica Valderrama, indicou que o proxecto é un reflexo da identidade da institución e unha oportunidade “de devolver á sociedade todo o que nos dá”. “Coa xeración Z, comprometida de forma persoal co medio ambiente, Desafíos do Océano é unha grande oportunidade para promocionar o que facemos ao tempo que cambiamos hábitos e comportamentos”, resaltou. A serie documental está xa accesible na web do Campus do Mar e tamén na páxina web do propio proxecto.
A segunda edición desta serie documental de seis capítulos de 10 minutos de duración está protagonizada por Cristina Sobrino, investigadora do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo que abordou o cambio climático e a produción primaria mariña; Begoña Santos, da Axencia Europea de Pesca (EFCA) en Vigo, que falou sobre o control da pesca; Maite de Castro, investigadora do CIM-UVigo que tratou a enerxía mariña e as fontes alternativas; Paula Sánchez, científica do Instituto Español de Oceanografía – CSIC para afondar nos contaminantes emerxentes; Paloma Morán, investigadora do CIM-UVigo que tratou sobre a xenética apllicada á conservación de especies; e Covadonga Salgado, directora de Intecmar, que trasladou o traballo que se realiza en Galicia de control do medio mariño
Todas as participantes coincidiron en destacar a importancia de levar a cabo iniciativas como Desafíos do Océano “para amosar o altísimo potencial científico de Galicia, moitas veces liderado por mulleres”, para divulgar temas de vixente actualidade entre a sociedade e espertar vocacións científicas non só entre a mocidade.
Para ampliar a súa acción, o proxecto complementouse con actividades dirixidas á mocidade co obxectivo de espertar vocacións e achegar a xuventude á ciencia mariña en seis ámbitos de nivel global. A través do concurso escolar convocado para alumnado de 3º e 4º da ESO e 1ª de Bacharelato, a rapazada puido colaborar a través de pequenas pezas audiovisuais na divulgación dalgúns dos retos de futuro en relación aos océanos e as posibles solucións.
Os gañadores do certame foron os alumnos e alumnas do Colexio Lestonnac Compañía de María de Valladolid, que puideron gozar dunha estancia de dous días en Vigo para coñecer a algunha das científicas protagonistas da serie, descubrir como é o seu día a día profesional e descubrir as instalacións e o traballo que se está a desenvolver na Estación de Ciencias Mariñas de Toralla. Ademais, as e os gañadores visitaron as illas Cíes, o Museo do Mar e outras zonas costeiras de Vigo, como a praia da Fonte. Os vídeos gañadores pódense contemplar nas redes sociais do Campus do Mar.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL