Medio cento de alumnas e alumnos de cinco institutos de Vigo, Moaña e Baiona participaron este xoves no campus na III Olimpíada de Química para 3º e 4º da ESO, unha iniciativa coa que se busca espertar vocacións e amosarlle ao alumnado que está a rematar a educación secundaria obrigatoria que a ciencia e, en particular, a Química “pode ser moi divertida”, tal e como lles insistiu na presentación a decana da facultade, Ángeles Peña, que foi a encargada de darlles a benvida no exterior do centro, onde posaron para unha foto de familia xunto a unha inmensa táboa periódica que chamou a atención de máis dun deles.
A xornada, de carácter moi lúdico, organizouse, ao igual ca nos dous anos anteriores, en dúas partes. Divididos en pequenos grupos enfrontáronse a dous tipos de probas. Primeiro, unha xincana de temática química na que, a través de distintas probas distribuídas por toda a facultade, tiveron que demostrar as súas habilidades, tanto químicas como de lóxica e traballo en equipo. Despois, prácticas nos laboratorios, onde da man dos docentes da facultade realizaron diferentes experimentos adaptados á súa idade e coñecementos.
“Esta é xa a terceira Olimpíada que organizamos e, o certo, é que estamos moi satisfeitos coa acollida que ten nos institutos, tanto entre o profesorado como entre o alumnado”, explica a decana, quen puxo como exemplo, que “algúns dos participantes xa viñeron o ano pasado e este ano quixeron repetir porque lles gustou moito a experiencia”. Tamén lles sorprendeu “bastante” que preto da metade dos asistentes xa participaron en distintos eventos divulgativos previos organizados desde a Universidade, polo que “estamos convencidos de que a divulgación funciona”.
A diferencia das olimpíadas destinadas ao alumnado de bacharelato, nas que o alumnado participante ten que enfrontarse a un exame, esta actividade ten un carácter moito máis lúdico. “O que queremos é que se acheguen á química, que saiban o que é, o tipo de cousas que se fan neste centro, pero que o fagan dunha maneira divertida e, sobre todo, antes de elixir a opción de bacharelato que queren cursar”, apuntou a decana, quen agradeceu a grande implicación de todos os membros da facultade nesta actividade.
No día no que miles de estudantes están pendentes de coñecer os resultados das probas ABAU que determinarán a elección da titulación na que se matricularán en apenas uns días, a decana da Facultade de Química pon en valor a importancia de achegarlle ao alumnado de ESO as diferentes titulacións. No seu centro non acostuman ter problemas de matrícula e a nota de corte habitúa situarse en torno ao 8, pero “máis alá da nota de corte para nós o máis importante é recibir alumnos e alumnas que elixan este centro como primeira opción, pois habitualmente sempre son as persoas máis motivadas”.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL