Dende que en 2019 a consultora Times Higher Education puxo en marcha o Impact Rankings para avaliar o traballo das universidades na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) das Nacións Unidas, a UVigo suma cada edición novos éxitos. Na clasificación publicada este mércores correspondente ao ano 2024, a institución viguesa sitúase entre as 200 máis destacadas do mundo. Pero son as puntuacións acadadas nos ODS 4, 5 e 7 as que a fan que a UVigo destaque especialmente.
No ODS 7, relativo á enerxía accesible e non contaminante, a Universidade de Vigo acada o posto 40 do mundo, con 74 puntos, sendo a segunda mellor española na listaxe, por detras a Universidade de Jaén. No ODS 5, referido á igualdade de xénero, a UVigo sitúase no posto 53, con 71.4 puntos, como segunda mellor clasificada entre as españolas, tras a Rovira i Virgili. No ODS 4, que garda relación coa educación de calidade, consigue o posto 62 do mundo, con 77.2 puntos. Tamén destaca a posición que se consegue no ODS 16, que busca a paz, a xustiza e institucións sólidas, e no que se sitúa entre as 101 e as 200 primeiras do mundo.
Nesta edición, THE avaliou 2152 universidades de todo o mundo, sendo a Universidade Western Sydney de Australia a que encabeza a lista por terceiro ano consecutivo, seguida pola Universidade de Manchester, no Reino Unido, e a Universidade de Tasmania, en Australia. India é o país máis representado na clasificación deste ano, con 96 institucións.
Nesta clasificación España conta con outras cinco universidades, ademais da de Vigo, entre as 200 mellores do mundo no que se refire ao seu compromiso cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. A mellor clasificada é a Politécnica de Valencia, seguida por Rovira i Virgili, Barcelona, Girona, Jaén e Vigo. Outras sete aparecen na franxa 201-300 e son a Carlos III, IE University, Miguel Hernández, Alcalá, Lleida, Murcia e Valencia. En total, neste ránking foron avaliadas 52 institucións españolas.
Os resultados de España en xeral son especialmente bos xa que é o país que ten o maior número de universidades no top 100 no ODS 4, educación de calidade, e no 13, acción polo clima, con nove en cada clasificación. Ademais, conta coa maior cifra de institucións no top 200, un total de 17, no ODS 4.
Esta clasificación, que vai xa pola sexta edición, é a única do mundo que mide as achegas das universidades aos ODS e avalía o seu compromiso coa sostibilidade en catro áreas: investigación, administración, divulgación e ensinanza. En total, avaliáronse 2152 universidades de 125 países, o que representa un importante incremento respecto da edición de 2023, na que participaron 1705. A Universidade de Vigo participou en todas as edicións, entrando todos os anos na franxa 101-200, con excepción dos anos 2021 e no 2021, nos que baixo á franxa 201-300.
Para elaborar o ránking, THE integra puntuacións de múltiples ODS para reflectir o desempeño e o impacto xeral. Para isto, tense en conta o ODS 17, referido a alianzas para os obxectivos, que pesa un 22% da puntuación e que reflicte os esforzos das institucións para fomentar asociacións e cooperacións internacionais sólidas para acadar todos os ODS. Xunto co 17, téñense en conta os tres ODS nos que cada universidade obtén mellores puntuacións, cun peso do 26% cada un. Con este enfoque trátase de resaltar as fortalezas especializadas das universidades e, ao mesmo tempo, recompensar as achegas integrais á axenda global dos ODS.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL