Con motivo da conmemoración do Día Mundial dos Océanos, o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo anunciou este venres a concesión do I Premio CIM á científica da Universidade de St. Andrews (Reino Unido) Maria Dornelas. Este galardón, que se convocou por primeira vez este ano, nace co obxectivo de destacar a excelencia na investigación mariña no eido internacional e foi outorgado a Dornelas polas súas achegas pioneiras no estudo da biodiversidade mariña, especialmente en relación coa dinámica dos arrecifes de coral e os patróns globais de biodiversidade no Antropoceno. A súa investigación non só desafía conceptos establecidos, senón que tamén proporciona novas perspectivas cruciais para a conservación e xestión dos ecosistemas mariños.
O director do CIM, Daniel Rey, explica que “a elección de Maria Dornelas como primeira galardoada reflicte o noso compromiso coa excelencia investigadora. O seu traballo innovador sobre a biodiversidade e os ecosistemas mariños é un exemplo inspirador de como a investigación pode contribuír á comprensión e preservación do noso planeta”.
Sobre a posta en marcha do Premio CIM destaca que “supón un paso significativo cara á internacionalización do noso centro, permitíndonos recoñecer e colaborar con investigadores de renome mundial” e reafirma “a nosa dedicación para fomentar a investigación de alta calidade e promover o diálogo e a colaboración entre científicas e científicos de todo o mundo”. En definitiva, con el o CIM “non só honra investigadoras e investigadores excepcionais, senón que tamén inspira á próxima xeración de científicos mariños a continuar explorando e protexendo os nosos océanos”.
A elección de María Dornelas correspondeu aos membros do Comité Científico da Asamblea CIMentos, que tamén son os coordinadores e coordinadoras dos ámbitos de especialización do CIM. Tras a presentación de candidaturas, cinco en total, seleccionouse a persoa que mellor presentase un exemplo no seu campo de traballo e que realizase unha investigación valiosa para algún dos ámbitos de especialización do centro. No caso de Dornelas, puxéronse en valor os seus logros e a súa dedicación para o avance da ecoloxía mariña a través de enfoques interdisciplinarios, combinando marcos teóricos con datos empíricos, e metodoloxías de investigación innovadoras. Considerouse relevante o seu enfoque á hora de cuantificar a biodiversidade e explorar os procesos subxacentes que conforman os ecosistemas mariños, proporcionando coñecementos moi valiosos sobre as complexidades da dinámica ecolóxica.
María Dornelas, investigadora e profesora de bioloxía na Universidade de St. Andrews, está á vangarda da ciencia da biodiversidade. O seu traballo innovador desafía o coñecemento convencional, desde redefinir a traxectoria da dinámica dos arrecifes de coral ata desentrañar os cambios globais da biodiversidade no Antropoceno.
Formada na Universidade de Lisboa e na Universidade James Cook, a investigación fundamental de Dornelas, publicada en Nature, revolucionou a comprensión do desenvolvemento dos arrecifes de coral e gañou o recoñecemento internacional. En 2012 uniuse á St. Andrews University, onde rapidamente acadou o rango de “professor”. As súas liñas de investigación abranguen dende estudos sobre os peixes guppies de Trindade, unhas das especies máis comúns no mundo da acuariofília, ata as tendencias globais de biodiversidade. As súas achegas científicas superan os límites da investigación mariña e esténdense máis aló do ámbito académico, participando no discurso público sobre a conservación da biodiversidade e ofrecendo ideas en plataformas como o Foro Económico Mundial. A súa incorporación como membro da Royal Society de Edimburgo reflicte o seu impacto e compromiso co avance da ciencia ecolóxica.
A II Asemblea CIMentos, que se celebrará en outubro, será o escenario para a entrega do Premio CIM. Durante o evento, Maria Dornelas ofrecerá o relatorio inaugural e compartirá as súas investigacións máis recentes, poñendo o foco nos desafíos e oportunidades na conservación da biodiversidade mariña.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL