O Día das Letras Galegas é cada ano unha oportunidade para celebrar e reivindicar a lingua e a cultura galegas, tamén na Universidade de Vigo. Neste 2024, o campus de Ourense foi o elixido pola institución académica para acoller este xoves o acto oficial co gallo desta efeméride. Nel, ademais de render homenaxe á escritora Luísa Villalta, a UVigo entregou os seus distintivos literarios e de galeguización, premiando con eles o compromiso activo da comunidade universitaria e dos seus centros co idioma propio de Galicia.
O evento, organizado pola Área de Normalización Lingüística e a Vicerreitoría de Extensión Universitaria, tivo lugar na Facultade de Educación e Traballo Social, presidido por Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e contando coa asistencia do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García; membros do equipo reitoral e protagonistas do acto, ademais de membros da comunidade universitaria e doutras institucións. Nel, o reitor sinalou que neste Días da Letras non só se homenaxe a contribución literaria en galego dunha persoa senón que tamén “é unha oportunidade para celebrarmos a cultura galega e o feito de ser galegos”. Reigosa recalcou o compromiso estratéxico coa lingua e a cultura galegas da institución académica e reivindicou “o efecto multiplicador que supón que as persoas que saian das nosas aulas usen o galego” para contribuír a acadar “mil primaveras máis para a lingua galega”. Pola súa banda, Valentín García afirmou que “a lingua é o maior tesouro cultural que pode ter un pobo” e subliñou a importancia de fomentar o seu emprego en todos os contextos, animando á comunidade universitaria a ser parte activa para acabar co “déficit” que hai neste senso.
O programa arrancou cunha conversa arredor de Luísa Villalta entre a profesora da UVigo Isabel Mociño e a xornalista Montse Dopico, que ten escrito sobre a homenaxeada neste Día das Letras Galegas o libro Abonda con vivir. Montse Dopico achegou ao público asistente a figura de Villalta, lembrado dela aspectos como o seu feminismo e galeguismo e as súas múltiples facianas, desde a literatura e a docencia ata a música e o xornalismo. Foi, apuntou, “unha muller moi traballadora, culta, moi esixente consigo mesma e moi interesada en aprender dos demais”. A creación en diferentes ámbitos e a escrita, afirmou a conferenciante, foron para Luísa Villalta, “un forma de activismo”. A escritora homenaxeada nesta edición tamén foi a protagonista de varios vídeos que se proxectaron no acto realizados por alumnado da Facultade de Educación e Traballo Social.
Como novidade nesta edición, a Universidade de Vigo entregou neste acto do Día das Letras Galegas o seu distintivo de galeguización Gal Ego 2023, posto en marcha este curso académico pola institución académica para incentivar e recoñecer o emprego da lingua galega en facultades e escolas. Nesta primeira convocatoria, resultou gañadora a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, outorgándose ademais un galardón honorífico á Facultade de Filoloxía e Tradución do campus de Vigo. Os responsables académico das dúas facultades coincidiron en recalcar “a grandísima honra” e “orgullo” que supón para os seus centros e para a comunidade universitaria que engloban recibir este distintivo. Xosé Manuel Cid, decano de Educación e Traballo Social, destacou no seu discurso que “o noso país necesita normalización lingüística e cultural e unha facultade de Educación como a nosa ten que responder como debe a esta tarefa”, polo que animou ao alumnado presente “a usar o galego como lingua vehicular alí onde traballedes” e “a sentirse moi orgullosos do que somos e da nosa lingua”. Pola súa banda, José Montero, decano de Filoloxía e Tradución, lembrou “o compromiso firme e infatigable” coa lingua galega do seu centro. Apuntando como “moitas pingas fan un mar”, o responsable académico puxo en valor o traballo a prol da lingua galega no ámbito académico e agradeceu a posta en marcha de iniciativas coma estes premios.
Como xa é tradición, no acto tamén se entregaron os Premios de poesía, relato curto e tradución 2024 da Universidade de Vigo, galardóns cos que a institución académica distingue a creatividade literaria en galego dos membros da comunidade universitaria. Convocados ao abeiro do convenio de colaboración vixente entre a UVigo e Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta para a promoción da lingua galega, están dotados en total con 3600 euros. En poesía, o primeiro premio foi para Natalia Otero polo poemario Crónica doutra terra, concedéndose ademais un primeiro accésit a María Dolores López por A liturxia e un segundo a Saray Rodríguez por A outra morte de Sara I. En relato curto, o primeiro premio foi para Alba Guzmán por A derradeira novela de Verónica Silgar; o primeiro accésit para Fabio Rivas por A froita no karité, e o segundo accésit para José Nicanor Alonso por Distopía?. Tamén se entregaron os galardóns de tradución, que nesta ocasión distinguiron cun primeiro premio a Tamara Andrés Padín, pola tradución dun texto escrito en valenciano por Vicent Andrés Estellés. Nesta categoría o primeiro accésit foi para Natalia Otero, pola tradución dun texto escrito en castelán polo Conde de Lemos, e o segundo para Xulia Sánchez, pola tradución dun texto escrito en inglés por Dolly Alderton. Tanto estes premios literarios como os de galeguización, apuntou Susana Reboreda, vicerreitora de Extensión Universitaria, foron creados para contribuír á "dignificación da lingua galega". O acto do Día das Letras Galegas na UVigo rematou co himno galego interpretado polo grupo de música tradicional Par de Par.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL