María Emilia Casas, expresidenta do Tribunal Constitucional e primeira muller catedrática na área de Dereito do Traballo e da Seguridade Social en España, converterase na trixésima doutora honoris causa da Universidade de Vigo. O Consello de Goberno aprobou este xoves o seu nomeamento impulsado pola Área de Dereito do Traballo e da Seguridade Social que, na súa proposta, destaca que a integración de Casas no claustro de doutores “sen dúbida vai ennobrecer a nosa institución”. A profesora Casas é, como relataba a profesora Belén Fernández Docampo na lectura dos seus méritos, “unha das xuristas vivas que máis pegada tiveron na conformación do noso modelo de Estado Social e Democrático de Dereito. É unha persoa comprometida coa democracia e cos dereitos fundamentais. A súa militancia na non discriminación por sexo e xénero quizais sexa a máis coñecida. Alén diso, e tamén das moi importantes maxistraturas que exerceu e exerce, é comunmente aceptada como o persoeiro máis referencial en España na rama social do Dereito”. Se a todo iso, continuaba a glosa, “se suma a súa condición de galega comprometida coa súa terra, cómpre concluír que sería de xustiza que os órganos colexiados da Universidade de Vigo sosteñan esta proposta” impulsada “desde a admiración e tamén o agarimo persoal a María Emilia Casas”. E así foi, xa que o seu nomeamento foi aprobado por asentimento.
Ademais deste recoñecemento, a sesión serviu tamén, entre outros temas, para aprobar as axudas propias á investigación ou as memorias dos programas académicos de percorridos sucesivos (PARS), así como para que o reitor, Manuel Reigosa, dese conta da renovación do equipo de goberno e informase de novidades referentes ás prazas dos graos e mestrados para o próximo curso, á convocatoria de prazas docentes ou á elaboración do POD.
A presentación da proposta de nomeamento de Mª Emilia Casas como doutora honoris causa no Consello de Goberno correu a cargo da profesora Belén Fernández Docampo, pola ausencia do catedrático Jaime Cabeza. O texto presentado pon en valor que María Emilia Casas é “unha muller galega fondamente comprometida cos dereitos fundamentais e liberdades públicas e, en particular, coa non discriminación entre mulleres e homes. Así mesmo, é a máis salientable arquitecta do noso Dereito colectivo do traballo, en particular mediante os seus relatorios nas sentenzas do Tribunal Constitucional verbo dos dereitos de folga, de liberdade sindical e de negociación colectiva”.
Tamén destacan as e os impulsores deste nomeamento que, a pesar de desenvolver a súa carreira lonxe de Galicia, Casas non esqueceu as súas orixes e segue “intensamente comprometida coa nosa realidade”. Este compromiso valeulle a concesión da Medalla de Ouro de Galicia no ano 2008 ou o premio Fernández Latorre no ano 2017, ademais de ser nomeada ‘Galega do Ano’ polo Grupo Correo Gallego no 2011. Alén deses recoñecementos, a súa presencia nas tres universidades galegas en comisións de selección de prazas de profesado, na docencia en diversos cursos de posgrao e doutoramento, en seminarios e congresos e, en xeral, cantas actividades que organizan as cadansúas áreas de Dereito do Traballo e da Seguridade Social ten sido permanente. En concreto, a súa relación coa Universidade de Vigo remóntase ao ano 1995, cando visitou a institución para clausurar un curso. Dende ese intre, asistiu a múltiples actividades, entre elas a sesión de clausura do Curso de negociación colectiva e individual, que en outono de 2023 acadou a súa sexta edición.
Ademais, os impulsores do seu nomeamento recalcan a “súa implicación constante co Consello Galego de Relacións Laborais. Moi en particular, foi a redactora principal do I Acordo Galego de Solución Extraxudicial de Conflitos, asinado no ano 1992 polas organizacións sindicais UGT, CIG e CCOO e pola confederación empresarial CEG”. Tamén recalcan que as súas achegas ao ámbito laboral e da Seguridade Social son decisivas nun amplo feixe de materias e, en particular, negociación colectiva e liberdade sindical, non discriminación por razón de sexo, políticas sociais da Unión Europea, Seguridade Social agraria e, moi sinaladamente, protección de dereitos fundamentais no eido laboral. Foi nomeada doutora honoris causa polas universidades Carlos III, Las Palmas de Gran Canaria, Santiago de Compostela e Málaga.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL