No marco das actividades da súa sétima conferencia internacional, a Cátedra Internacional José Saramago (CJS) da Universidade de Vigo promovía en 2022 unha exposición que permitía coñecer as ilustracións que a artista Graça Morais realizara para a segunda edición do libro de prosa poética do Nobel portugués O Ano de 1993. As reproducións das obras que a pintora realizara inspirándose en varios dos textos do libro reúnense agora de novo na Universidade de Lisboa, na exposición Graça Morais e José Saramago: a Arte de Pensar O Ano de 1993. Organizada pola CJS, a Facultade de Belas Artes da universidade lisboeta, o Instituto Politécnico de Bragança e o Laboratório de Artes na Montanha Graça Morais, esta exposición complétase cunha videoinstalación, coordinada pola profesora Sol Alonso e conformada polos caligramas realizados por doce alumnas da Facultade de Belas Artes da UVigo baseándose en oito dos poemas seleccionados por Morais e nas súas ilustracións.
Como “unha constelación de palabras brancas en movemento, que na súa evolución forman figuras que se recoñecen extraídas das ilustracións de Graça Morais” presenta Alonso unha videoinstalación que se proxecta sobre o teito abovedado de máis de 60 metros cadrados da antiga cisterna medieval da facultade lisboeta, onde poderá visitarse esta exposición ata o 30 de marzo. Esta mostra ten como comisarios ao profesor da UVigo Burghard Baltrusch, presidente da CJS, e ás investigadoras Joana Baião, do Politécnico de Bragança, e Egidia Souto, da Université Sórbonne Nouvelle. “Para a CJS-UVigo está exposición é importante desde diferentes perspectivas”, salienta Baltrusch, que lembra que esta iniciativa permite dar continuidade á iniciativa impulsada en 2022, así como á colaboración da cátedra coa Facultade de Belas Artes de Pontevedra. A mostra foi inaugurada o pasado 14 de marzo, nun acto que se completou coa performance Uma mulher ainda não parou o mais longo gemido da história do mundo (Revisitar O ano de 1993 de J. Saramago), a cargo de Silvia Penas e a exalumna de Belas Artes Miriam Rodríguez Pérez.
A exposición permite coñecer, a través de reproducións dixitais, nove dos dez deseños realizados por Morais para a segunda edición de O Ano de 1993, acompañados polo texto poético que inspirou cada un deles, ademais de por un retrato de Saramago realizado por unha artista que o goberno portugués recoñecía en 2019 coa Medalla ao Mérito Cultural. Nese senso, a exposición permite afondar, como recolle o seu texto de presentación, na “amizade e o fértil encontro entre o escritor e a pintora”, quen en 1987 concibiu, a proposta do Saramago, unha serie de dez composicións nas que “recusou a ilustración directa”, optando por “recrear segmentos daquel universo onírico, ampliando así o seu valor estético e poético” e establecendo un “xogo coa natureza fragmentaria” deste “poema filosófico” publicado en 1975.
Concibida especificamente para esta exposición, a videoinstalación coordinada por Alonso, membro do comité executivo da CJS, tivo como punto de partida unha invitación ao alumnado de terceiro e cuarto curso do Grao en Belas Artes a participar no Proxecto Caligramas. “Pensei en pór en relación as palabras e frases dos dez poemas de Saramago para as cales Graça Morais creou as ilustracións”, explica dunha iniciativa á que se sumaron doce alumnas da facultade. Baixo a coordinación, estas novas artistas crearon nun período de dez días un total de oito caligramas, pezas animadas nas que fan uso das verbas dos poemas para facer referencia aos elementos gráficos presentes nas ilustracións de Morais.
Nese senso, a videoinstalación final reúne as creacións conxuntas de Eva Lareo e Lucía Rodríguez, Luca Prida e Isela Rodríguez, Alba Amoedo e Goa Vázquez, Ana de Juana e Cristina Souto, xunto coas pezas individuais de Jimena Rodríguez, Lucía Estévez, Elena Ramírez e Gabriela Rubianes. As súas obras permiten, como sinalan os responsables da cátedra, afondar nese “cruzamento entre a escrita de Saramago e a pintura de Morais”, así como contribuír, como destaca Alonso, a un “contacto entre disciplinas que se enriquecen mutuamente”, un dos obxectivos da CJS desde os seus inicios. Neste punto, Baltrusch recalca a vontade de seguir promovendo proxectos que impliquen o alumnado de Belas Artes e que permitan “traballar temas de actualidade a partir da obra saramagiana”. De feito, esta exposición dará tamén como resultado un vídeo artístico que terá como punto de partida a performance de Penas. Ao mesmo tempo, o presidente da CJS incide tamén no obxectivo de seguir afondando na obra de Morais, o que levaraa a estar presente este verán nunha exposición e coloquio en Braga, centrado na relación da súa obra coa literatura.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL