O traballo de miles de biólogos de todo o mundo fixo posible que, ao longo do século XXI, o acceso aos datos das coleccións de historia natural experimentasen un notable aumento. Este labor, descoñecido para a maior parte da sociedade, permitiu ao persoal investigador coñecer, entre outros aspectos, a data de colecta, a localización xeográfica dos exemplares ou ao tamaño das poboacións de diferentes especies. Toda esa información, cada vez máis accesible, ten un enorme potencial, por exemplo, para abordar a complexidade dos sistemas ecolóxicos e para o deseño de estratexias de conservación.
Precisamente, un equipo formado por científicos do Museo Nacional de Ciencias Naturais de Madrid (MNCN-CSIC) e da Universidade de Vigo acaba de publicar na revista Ecology and Evolution un estudo no que, empregando estes datos, puideron determinar os cambios de distribución dos escaravellos coprófagos ibéricos durante o último século. A metodoloxía que empregaron, e que segundo destacan é exportable a outros grupos animais, permite comprender as respostas das especies aos cambios ambientais, unha información moi valiosa para deseñar estratexias de conservación e xestión da biodiversidade nun momento no que os seres vivos e os ecosistemas están moi ameazados.
O equipo do estudo está formado polos investigadores do MNCN Jorge M. Lobo, Mario Mingarro e Martin Godefroid e polo profesor da Universidade de Vigo Emilio García Roselló, do Departamento de Informática e docente na Facultade de Comercio. Este último explica que o uso deste tipo de bases de datos é cada vez maior, en particular coa aparición de iniciativas de repositorios globais online como GBIF, OBIS, etc. Pero o innovador deste traballo “é o método proposto, que permite interpretar o tipo de adaptación que están sufrindo as especies fronte ao cambio climático en función dos cambios observados na súa distribución ao longo dos últimos 100 anos”. Por exemplo, o investigador sinala posibles hipóteses, como que se adapten migrando a outras latitudes ou que “simplemente se adapten a soportar cambios de temperatura”.
O proxecto céntrase nos insectos, o grupo máis numeroso do reino animal, que están seriamente ameazados polo cambio climático, a contaminación e a perda de hábitats. Como explica o investigador do MNCN Mario Mingarro, “con este traballo propoñemos unha metodoloxía para utilizar os datos históricos tomados durante os últimos tres séculos”. Recoñece que, se ben é certo que hai que facer un intenso labor de adecuación que inclúe cuestións relacionadas coa calidade e a normalización da información, unha vez limpos, os datos brindan unha valiosa oportunidade para analizar as variacións espaciais e temporais das diferentes especies”.
En concreto, neste estudo empregaron información sobre escaravellos coprófagos ibéricos procedente de modelos climáticos libremente dispoñibles e datos históricos que inclúen información sobre a data de mostraxe, a localización xeográfica, a elevación e a temperatura do momento no que colectou cada espécime en cada localidade. Segundo o investigador do MNCN Martin Godefroid, “aínda que a evidencia de cambios espaciais na distribución dos escaravellos é limitada, obsérvase que cada especie exhibe un patrón que se axusta a diversos tipos de adaptacións térmicas ou espaciales, favorecendo así a súa supervivencia”.
Jorge M. Lobo, tamén do MNCN, subliña que “este traballo ofrece unha proposta para utilizar a crecente dispoñibilidade de información en bases de datos de biodiversidade e permite inferir cales son os patróns de variación espazo-temporais máis probables que experimentaron as especies ante os cambios climáticos da historia recente”. Por isto, o equipo resalta o impacto transformador desta aproximación, xa que “ao longo do século XXI, o traballo dos conservadores e os procesos de dixitalización de coleccións en museos e centros de investigación permitiu acceder a grandes cantidades de datos históricos sobre a presenza de especies. Unha información moi valiosa que nos permite entender e prever os efectos dos cambios ambientais”, sinala Emilio García Roselló.
Jorge M. Lobo tamén fai fincapé mesa capacidade transformadora dos datos dixitais, e incide en que “a información sobre a presenza dunhas ou outras especies en cada momento é básica para que as persoas responsables de deseñar estratexias de conservación e xestión o fagan partindo dos datos e da maneira máis eficaz posible”. Neste sentido, destacan que o estudo publicado en Ecology and Evolution “é unha primeira proba de concepto, que abre a porta a usalo con todo tipo de especies, en áreas xeográficas máis amplas e con bases de datos moito maiores, o que permitiría estudos a nivel macroecolóxico bastante máis importantes”, como engade o investigador da UVigo.
Aínda que este estudo concreto arrancou a mediados de 2022, o profesor da UVigo García Roselló leva máis unha década traballando en 'biodiversity informatics', bioxeografía e biodiversidade. Neste tempo desenvolveu o software ModestR, unha ferramenta que permite o tratamento de gran cantidade de datos de biodiversidade cun simple ordenador persoal. Grazas a este software, García Roselló e o seu compañeiro de departamento Jacinto González Dacosta, conseguiron completar un estudo no que se analizaron os datos de todas as especies terrestres contidas en GBIF, a maior base de datos mundial sobre biodiversidade, na que se inclúen rexistros xeográficos de máis de 400.000 especies animais e vexetais. Unha complexa e ardua tarefa realizada sen financiamento nin máis apoio que “un par de compañeiros”, conclúe.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL