Iago Pereira preséntase de novo polo BNG tras a experiencia de formar parte do goberno de coalición con PSOE e Nós Baiona. Chega á cita electoral deste 28 de maio “sen renunciar a nada”, aspirando a aumentar en apoios para ser determinante nun novo goberno no que “virar ao futuro e a transformación apostando por un proxecto que favoreza a vida cotiá da veciñanza” fronte á “volta ao pasado que representa Vázquez Almuiña”.
Pregunta. Brevemente, que valoración fai desta lexislatura e da experiencia no goberno local?
Resposta. Dende a óptica do BNG entendemos que foron catro anos satisfactorios, ben é certo que foron con circunstancias especiais como foi a pandemia e cambios de secretarios e interventores. Máis alá disto, creo que se conseguiu unha Baiona máis feminista, máis galeguizada e máis ecoloxista que hai catro anos. Nós contamos cun 10% de apoio e fumos a cuarta forza política e terceira pata do goberno, polo que consideramos que o que se conseguiu foi satisfactorio.
P. Entendo que non foi sinxelo gobernar durante unha pandemia mundial...
R. Tiñamos en pactos de goberno acelerar un proceso de participación que require un contacto moi constante con colectivos e asociacións do concello e, evidentemente, todo isto viuse truncado. Na maior parte deste mandato non se puido levar adiante.
P. De que estades máis orgullosos da vosa labor no goberno local?
R. Hai tres liñas fundamentais. A cuestión feminista, dende logo, houbo un cambio radical con respecto aos gobernos anteriores do Partido Popular. Somos un exemplo a nivel de accións feministas. Tamén conseguimos a ordenanza do uso do galego, entendemos que era un ‘debe’ que tiña o concello en 2019. Xa na parte ecoloxista, tanto a loita en contra da implantación de eólicos, a protección da Rede Natura e eliminación de especies alóctonas e por suposto o plan de incendios municipal, que era outro ‘debe’ que tiña o Concello.
P. Apostades por ‘transformar de xeito real Baiona’. Que significa?
R. Entendemos que os partidos que gobernaron Baiona nos últimos 40 anos, incluido o PSOE que foi a forza maioritaria, cometen o erro de ver unha Baiona ao servizo do turista e dos visitantes. Iso dificulta sempre en moitos ámbitos, e transversal, a vida cotiá dos veciños e veciñas. Falo dende o momento en que un veciño vai ao centro de Baiona, no verán ou calquera fin de semana, ou a cuestión da vivenda e do propio fluir da economía. A visión que nós temos é dunha Baiona dende a perspectiva da veciñanza. Iso significa máis humanizacións, un xeito distinto de distribuir as zonas de aparcadoiro facilitandoo a residentes e limitando incluso con horarios, unha posta en valor do patrimonio natural que estende máis alá do verán a posibilidade de que máis negocios funcionen, hostelería e restauración e todo o que ten que ver co turismo. É fundamental en Baiona pero está exprimido e explotado sempre dando voltas á mesma rotonda. O que temos que ofrecer e cousas para facer durante máis épocas do ano.
P. Como entendedes pois a aposta turística de Baiona?
R. Entendemos que non ten moito sentido, por poñer un exemplo, cargar o verán con gastos municipais con excesiva festa cando o verán funciona. O que hai que intentar é regular ese funcionamento para que non xere máis problemas que beneficios. A cuestión é trasladar esas visitas ao longo do ano. Iso significan actividades baseadas na etnografía e nos recursos naturais, que son visitables e accesibles ao longo do ano, nomeadamente a cuestión arqueolóxica do Outeiro dos Lameiros, por exemplo.
P. Que proxecto lle gustaría ter feito nesta lexislatura que non se puido facer?
R. O proxecto que entendemos como centro posible de toda esta transformación é a creación do Centro de Interpretación da Natureza, na Foz do Miñor. Estaba dentro do pacto de goberno e é algo que temos no ‘debe’ e nestes catro anos se o BNG ten máis forza e podemos ter opcións de goberno entendemos que non se pode deixar pasar.
P. A nivel cultural e de ocio, cal é a aposta que debe ter Baiona?
R. Estes diversos gobernos de Baiona seguen cometendo o erro de pensar que a cultura son festas ou cuestións relixiosas. Nada que ver. Unha cousa son as festas e tradicións, que hai que respectalas e facelas, pero a cultura é outra cousa. É poñer en valor a etnografía, o patrimonio cultural... somos unha vila mariñeira na cal se pode facer dende rutas costeiras até sendeiros etnográficos. Hai unha serie de opcións que si entendemos nós como parte da cultura e non a creación de festas ou de procesións.
P. O BNG presentou alegacións ao proxecto da Serra da Groba, dende o Concello pódese facer algo para parar estes parques?
R. Como ente administrativo non podes facer nada, é dependencia da Xunta. Pero a nivel político un Concello pode facer. O equipo de goberno, incluído o PSOE e Nós Baiona, nos manifestamos e fixemos alegacións conxuntas en contra dos eólicos da Serra da Groba. Agora temos a ameaza da eólica mariña, dependente do Estado español, e presentamos alegación en contra dos proxectos que ameazan á costa baionesa.
P. Cal sería un bo resultado nas eleccións?
R. Non renunciamos a nada. De inicio sempre é subir en votos, despois os veciños e veciñas te sitúan onde entenden que deben situarte. Estas eleccións son distintas entre outras cousas porque fai catro anos eran oito opcións e este ano hai cinco. Hai que analizar todo en compendio. Como partido que leva implantado en Galicia e Baiona dende fai tantos anos sempre aspiramos a máis. Non asinamos nada que non sexa subir de apoios.
P. Un mal resultado sería todo o que non sexa subir?
R. Correcto.
P. Que se xoga baiona o 28 de maio?
R. Xógase algo moi importante. Primeiro, a ameaza de voltar ao pasado, que é o que representa o señor Vázquez Almuiña e o Partido Popular, ou virar ao futuro e a transformación apostando por un proxecto do BNG no que, a través da visión de favorecer a vida cotiá da veciñanza, poder crecer económica e socialmente.
Los operarios apuran la instalación de los elementos que forman el idílico mercado la Navidad de Vigo, el Cíes Market
Ningún secreto se guarda mejor en Vigo que la fecha del encendido de las luces de Navidad. ¿Cuándo será?
Caballero anuncia que ya comenzó la tramitación urbanística de un ámbito que incluirá zonas verdes y una plaza pública
¿Tienes un negocio en Vigo y te apasiona la Navidad? Puedes participar en este concurso para sorprender a tus clientes y llevarte un gran premio
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL